A Academia pide ao Supremo que anule todo o decreto do galego
Sen parches nin medias tintas. A Real Academia Galega (RAG) anunciou onte que o pasado día 4, ao filo do prazo legal, recorreu ante o Tribunal Supremo a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que lle deu a razón -en parte- no seu litixio contra o chamado decreto de “plurilingüismo” da Xunta. A decisión do tribunal galego anulaba os aspectos máis polémicos, como que os pais decidisen a lingua de escolarización dos seus fillos, ou que estes usasen o idioma que quixesen en clase. A RAG decidiu recorrer despois de que a Xunta presentase en decembro o escrito de preparación de casación, que ratificou días despois. Con todo, a administración galega aínda non presentou o recurso, e ten de prazo ata o próximo día 15 para facelo.
Acompañado dos outros catro membros cos que conforma a comisión executiva, o presidente da Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín, sinalou que o recurso de casación baséase en que a Xunta de Galicia impediu á RAG que cumprise co mandato legal de participar na elaboración do decreto, “o que nos obrigou a actuar en defensa do idioma, que é a razón de ser desta casa, e da cultura de Galicia. Hai xente que se escandalizaría se se tirase o Pórtico da Gloria, pois o galego é máis valioso”, enfatizou o escritor. A outra base do recurso é que, mentres a situación da lingua propia de Galicia sexa de inferioridade, “a Xunta e os poderes públicos teñen que promover a súa normalización. E este é o primeiro decreto que dá un paso atrás e rompe o consenso de todos os partidos”, sinalou o presidente da RAG. “Queremos volver ao diálogo e a aquel consenso. A RAG e a Xunta teñen unhas excelentes relacións excepto neste punto”.
O pleno de mañá, no que Ferrín presentará a súa dobre dimisión como académico e como presidente non foi, con todo, motivo de resposta. “As ordes do día son secretos e cando se filtran as cousas é que hai deslealdades e metémonos nas cloacas”, xustificou o seu silencio o interpelado. “Como no Vaticano ou a Catedral de Santiago”, apostilou o secretario, Xosé Luís Axeitos. Malia as fintas verbales en varios idiomas que prodigou estes días para evitar pronunciarse rotundamente, todo apunta a que ao final Méndez Ferrín consumará o seu abandono voluntario da institución, segundo académicos próximos. E pese a que, previsiblemente todos os membros da RAG ou a maioría apoiarán no pleno que, polo menos, esgote o seu mandato. Como moitos outros, Manuel Rivas resístese a crelo e intentará evitalo. “Se no pleno se aproban as contas e se aclaran e se regulan as contratacións, que eran os puntos polémicos, o que hai que facer é centrarse na ilustración, defensa e promoción do idioma” [artigo 1 dos estatutos da RAG].
Fonte: El País