A Academia terá novo presidente antes do Día das Letras Galegas
Hai polo menos un asunto no que coinciden plenamente os dous sectores enfrontados no seo da Academia tras a dimisión de Xosé Luís Méndez Ferrín: a necesidade de acurtar ao máximo o prazo de tres meses (que remata o 13 de xuño) para nomear ao novo presidente e poñer fin á situación de interinidade da executiva en funcións.
Tanto os académicos afíns a Ferrín coma os membros do sector crítico coa súa xestión subliñan que a Real Academia Galega ten que asistir aos actos oficiais do Día das Letras Galegas co seu novo presidente á fronte, polo que as conversas xa están en marcha para formular unha candidatura que aglutine «o maior consenso posible» e que se concrete, antes do simbólico 17 de maio, na elección dunha executiva que permita a reconciliación das diferentes sensibilidades feridas durante a forte polémica interna dos últimos meses. «O importante é que non haxa vencedores nin vencidos -recalca un destacado membro da RAG- e que se poda volver canto antes ao traballo habitual da Academia».
Aínda que as fendas abertas no 11 da rúa Tabernas tardarán tempo en restaurarse, a maioría dos académicos confían en que cesen os recentes cruces de declaracións entre os dous sectores e se poda así reconducir a actual crise. «Necesitamos silencio e tranquilidade e que todo vaia pousando», apunta outro membro da RAG.
Plenario en Vigo
Xosé Luís Axeitos, que desde a renuncia de Ferrín o día 13 exerce a presidencia en funcións da Real Academia Galega, será precisamente o encargado de presidir o vindeiro sábado en Vigo o plenario no que se renderá homenaxe a Francisco Fernández del Riego polo seu centenario.
A reunión, de carácter público, é un tributo da RAG a quen foi o seu presidente entre 1997 e o 2001, e terá lugar no salón de actos da Casa Galega da Cultura de Vigo, onde ten a súa sede a Fundación Penzol, que tamén conmemora este ano o seu 50.º aniversario. A celebración do sábado quere lembrar que hai medio século, o 20 de marzo de 1963, os académicos Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo formularon a súa proposta para dedicar o 17 de maio a festexar o Día das Letras Galegas en conmemoración da publicación nesa data, en 1863, dos Cantares gallegos de Rosalía. No plenario, que dará comezo ás 12.30 horas, intervirán os académicos Ramón Lorenzo, Xosé Ramón Barreiro e Xesús Alonso Montero, e pechará o acto, como presidente interino da RAG, Xosé Luís Axeitos.
Fonte: La Voz de Galicia