A administración de Xustiza segue falando case exclusivamente en castelán
Estes son só algún dos datos cos que ilustrou a conferencia Normalización do uso da lingua galega na administración de xustiza Juan Manuel Hermo Costoya, xuíz titular do xulgado de 1ª Instancia e Instrucción número 2 de Cambados e membro da Irmandade Xurídica Galega, entidade que aglutina os xuíces e maxistrados que falan en galego ou que utilizan o galego habitualmente no seu día a día profesional e que hoxe por hoxe se converteu no instrumento máis dinámico e activo na galeguización da xustiza.
“Son moi poucos os xuíces que traballan en galego e incluso se poderían sinalar os distintos partidos xudiciais nos que despachan”, subliñou o xuíz, que fixo fincapé en que a utilización é “tan escasa” que nin sequera hai a posibilidade de que haxa distinción de uso a nivel xeográfico entre o interior e a costa ou o rural e o urbano, “simplemente se trata de que hai galego alí onde un xuíz o emprega e isto varía en función dos seus posibles cambios de destino”.
Soporte informático en galego, a principal demanda
En canto ás posibles dificultades de exercer en galego, o xuíz subliñou que “tan só hai unha, pero esta é fundamental”, xa que se trata de que a principal aplicación informática que empregan xuíces e maxistrados “pese a ser un soporte autonómico que se presta pola Xunta de Galicia”, apenas conta con documentos en galego, deixando á boa vontade e á destreza do funcionariado esta tarefa.
“Dos arredor de 8000 modelos de resolución tan só podes atopar en torno a 2000 en galego e o resto están en castelán, o que te obriga a, se queres ditar unha resolución en galego, escribila de cabo a rabo e, por suposto, dado o volume de traballo que se move nos xulgados, é máis doado cubrir unha resolución que che ven no modelo que escribir punto por punto a resolución”, explicou aos asistentes da conferencia na Facultade de Filoloxía e Tradución Juan Manuel Hermo, que resaltou que, máis alá disto, non soe haber problemas en canto á tradución, a prestación de servizos ou a alegación de indefensión de que non se entende o galego, “cando menos nun xulgado de pobo como o de Cambados”, subliñou.
Preceptos constitucionais e estatutarios que só dependen dos principios e da boa vontade
Tras achegar un par de pinceladas sobre a evolución e a regulación desde a constitución de 1978 e explicar cales foron as distintas leis ou normas que se foron aprobando a partires de aí de cara a “normalizar ou simplemente utilizar” a lingua galega, o xuíz destacou a confianza que se fai en todos os ordenamentos autonómicos á vontade ou á boa fe do persoal xudicial en canto á utilización ou non dunha lingua cooficial, xa que non hai unha norma en concreto que diga ou especifique se o hai que utilizar para un ou outro aspecto e “a partir de aí atopámonos con esta escasa utilización de todas as linguas cooficiais na administración de xustiza e, en particular en Galicia”, recalcou Hermo Costoya, cuxa visita ao campus se enmarca no programa de actividades extraacadémicas e de extensión cultural da Facultade de Filoloxía e Tradución, tal e como lembrou durante a súa presentación o profesor Óscar Ferreiro, membro de AGPTI, Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación.
Fonte: Galicia Confidencial
Foto © Shutterstock Images