A AELG conmemora o Día de Rosalía de Castro
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora un ano máis o Día de Rosalía de Castro.
Para o 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón desde 2010 á cidadanía que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo, como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da nosa web.
Para a edición de 2020 Daniel Asorey é a persoa escollida para a redacción do Manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, o domingo 23 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela. O texto será tamén lido en todos os actos promovidos pola AELG. así como nos organizados por outras entidades que se sumen ás propostas que a entidade remitirá a concellos, asociacións e centros de ensino.
Compartimos as palabras do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas deste 2020, Ricardo Carvalho Calero, sobre a nosa poeta, a quen dedicou gran parte do seu rigoroso traballo crítico: “A realidade rosaliana é particularmente complexa -mesmo, a nível superficial, contraditória, ainda que, a nível profundo, se conciliem as contradiçons na raiz unitária da singularidade pessoal de Rosalia. […] Enfim, Rosalia é umha rosa de cem folhas.”
Na Coruña, o luns 24 de febreiro, a partir das 18:00 horas, na Sala de exposicións Salvador de Madariaga (Rúa Durán Loriga, 10), en colaboración coa Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, terá lugar a lectura do Manifesto e de poemas de Rosalía de Castro.
Fonte: AELG