A AELG conmemora o Día de Rosalía de Castro
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora un ano máis o Día de Rosalía de Castro.
Para o 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón desde 2010 á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo, como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da nosa web.
Para a edición de 2019 Ana Romaní é a persoa escollida para a redacción do Manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, que terá lugar o propio domingo 24 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela. O texto será tamén lido en todos os actos promovidos pola AELG. así como nos organizados por outras entidades que se sumen ás propostas que a entidade remitirá a concellos, asociacións, centros de ensino.
Alén deste acto central, a AELG, en colaboración coa súa base asociativa, organiza lecturas públicas da obra de Rosalía de Castro.
A Coruña
A AELG e a A. C. Alexandre Bóveda realizan unha lectura pública da obra de Rosalía, o domingo 24 de febreiro, ás 18:00 horas, diante do teatro que leva o seu nome, na rúa Rego de Auga, o Teatro Rosalía de Castro.
Convidámoste a achegarte para participar lendo a obra da nosa poeta máis universal. Se tes escollido o poema que queres ler fáinolo saber neste correo: secretaria.xeral@aelg.org e xa cho reservamos.
Visita a web da AELG para visualizar os actos das diferentes cidades.