A Consellería de Cultura e Educación destina 200.000 euros para as obras de acondicionamento da Casa Museo Rosalía de Castro

O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura dun convenio de cooperación cultural entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación Rosalía de Castro para a realización das obras de acondicionamento da Casa Museo Rosalía de Castro, en Padrón. A través deste acordo, a Consellería de Cultura e Educación, con cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, destinará un total de 200.000 euros para a rehabilitación da casa onde viviu Rosalía de Castro os derradeiros anos da súa vida.

Grazas á achega da Xunta de Galicia, a Fundación Rosalía de Castro poderá realizar o acondicionamento da súa sede e, deste xeito, continuar organizando as actividades culturais que se levan a cabo durante todo o ano na Casa da Matanza. Asemade, todos os visitantes que se acheguen ata a casa-museo poderán coñecer de primeira man a vida e obra da poetisa galega máis famosa, recordada e honrada.

As obras de rehabilitación da Casa da Matanza inclúen a eliminación de humidades, a instalación dun novo sistema de electricidade e iluminación, o acondicionamento da carpintaría exterior, a montaxe dun falso teito e a instalación dun sistema de seguridade e contraincendios.

Casa da Matanza

En 1947 créase o padroado Rosalía de Castro para recuperar a Casa da Matanza e convertela, en 1971, nun museo dedicado á memoria da escritora galega. A casa, onde residiu Rosalía ata a súa morte, conserva practicamente inalterada a súa estrutura orixinal que consta de dous andares.

Na planta baixa, denominada “O perfil dunha sombra”, o visitante pode apreciar a verdadeira dimensión desta emblemática figura da cultura galega e universal: a súa vida, o contorno que a rodeou e a relación do pobo galego coa figura da escritora. Na primeira planta, denominada “O seu”, proponse unha recreación da casa rural da época, entre labrega e fidalga. A casa está rodeada, ademais, por un espazo verde que recrea un xardín da época.

Fonte: Xunta

Foto: GaliciaUnica