A Coruña elixida a cidade co son do mar máis bonito do mundo

A Coruña ten o son do mar máis bonito do mundo. Ou polo menos iso é o que pensa o xurado do concurso «O son do Mar», único no mundo, que organiza a cidade polaca de Slupsk. Este certame ten como obxectivo promocionar as cidades marítimas e a gravación presentada pola Coruña foi elixida como a gañadora entre máis de 600 aspirantes.

O son co que a cidade herculina optou ao concurso gravouse o mes de agosto pasado en 2009 na praia do Orzán. Nela pode escoitarse a cadencia das ondas e as gaivotas. Ademais incluíuse unha fotografía do atardecer no areal coruñés, como rexían as bases do concurso.

Unt otal de 621 cidades presentáronse a este certame. Tras a primeira selección quedaron 130 e ao final 44, entre as que se erixiu vencedora a cidade da Coruña, tal e como explicaron esta mañá en rolda de prensa o primeiro tenente de alcalde e responsable da área de Turismo, Henrique Tello e o responsable de Relacións Internacionais do Concello, Marc Guscin.

Ryszard Kwistwski, primeiro tenente de alcalde de Slupsk remitiu unha carta a Tello para felicitalo apuntando que «estou seguro de que este son pracenteiro do mar, creado pola natureza na súa forma máis pura, atraerá a máis turistas á Coruña, incluso dos lugares máis distantes do mundo».

Pola súa banda Tello, destacou o gran valor sentimental desta distinción, pero tamén o forte potencial como recurso turístico. Así aproveitou para anunciar que proximamente se convocará un concurso no que poderán participar os veciños e os visitantes da Coruña coas súas gravacións dos sons do mar coruñés nos seus lugares e momentos favoritos.

Fonte: La Voz de Galicia