“A cultura galega está sometida a uns malos tratos constantes hoxe en día”

O teatro de Novacaixagalicia comeza o seu outono teatral en Vigo os próximos 13 e 14 de setembro coa obra de produción galega “Tres non Bambán”. Arturo López, un dos actores e tamén director, tanto da obra como da compañía coruñesa que a leva a cabo (Espello Cóncavo), móstrase contento e agradecido por poder inaugurar este ciclo e quere que a súa comedia sirva de revulsivo para que as demais teñan unha gran acollida.

–Que lle parece abrir o novo ciclo de teatro de Novacaixagalicia en Vigo?

–Paréceme ben. Evidentemente, ir de primeiros non indica nada de seu. É un ciclo un tanto limitado e o feito de estar aí xa o consideramos importante. Ademais, esperamos que coa nosa presenza á hora de abrir o ciclo e o noso traballo incentívese ao público e acuda masivamente. Creo que temos un espectáculo ameno, divertido e moi interesante.

–A obra, “Tres non Bambán”, xa a representaron desde Espello Cóncavo no ano 2001. Por que a retoma?

–Repite porque foi un espectáculo para nós moi grato. Tanto pola calidade do texto como polas experiencias que acumulamos na primeira fase. Nós, os actores, pasabámonolo/pasabámosnolo estupendamente ben á hora da representación. Entón, pensando un pouco nos tempos nos que vivimos, vimos a posibilidade, xa que é un espectáculo que funcionaba moi ben co público, que nolo pasabamos ben, que o texto da obra é boa e intelixente e claro, dixemos: “Perfecto”. Ademais, egoístamente, creo que foi máis que nada porque o pasabamos moi ben nas representacións.

–Hai algún motivo especial polo que recorre a estes actores?

–Somos un pouco os habituais. Por exemplo, a Fernando Morán, Xavier Pan e Teresa Horro téñoos en case todos os meus espectáculos. Son amigos de toda a vida e claro, formamos todos xuntos Espello Cóncavo, a pesar de que o titular sexa eu.

–O próximo ano, Espello Cóncavo celebrará o 20 aniversario. Haberá algún tipo de celebración?

–Si, vai haber algo especial. Xa temos o proxecto para montar “Azos de Esguello”, unha obra de Euloxio Ruibal, que foi premio Álvaro Cunqueiro en 1989. É unha obra que, curiosamente, está de plena actualidade. Trata a fondo os problemas que hai dentro do mundo dos negocios, a banca e a política desde unha perspectiva de denuncia. Creo que está á orde do día e, a pesar de que non a escollemos por iso, atópasche coa realidade cando empezas a ver as similitudes. Parece que nos estaba dando un aviso do que estamos a vivir agora.

–O compromiso coa cultura galega que manifesta a súa compañía teatral é inalterable, verdade?

–Si. Un non nace onde nace. Se cría onde se cría. Eu nacín en Arzua, o centro xeográfico de Galicia. Vivín alí cinco anos e funme para A Coruña, pero uno é de onde é. Hoxe en día a cultura galega está sometida a uns malos tratos e agresión constante. Os que estamos inmersos nela, sobre todo no mundo do teatro, onde están a pechar moitas compañías, temos que resistir e aguantar ata o final.

–Outra das premisas polas que se rexe Espello Cóncavo é a de facer alcanzable para todo o mundo as obras que respresentan. Como se traduce iso?

–Si claro. Parécenos que o teatro debe de ir sempre dirixido a un público maioritario, aínda que respecto moito que se requira certa preparación previa para abordalos. Pero bo, nós buscamos que chegue a un espectro moi amplo de espectadores. Iso non quere dicir que tiremos polo facilón e ramplón. Por exemplo, “Tres non Bambán”, ao dicir que é intelixente, é unha comedia na que se trata de todo: humano, divino, laboral, político? Pero dunha forma desenfadada e tangencial. Resulta unha obra que ten ata unha clave de misterio. A mirada do autor, Luigi Lunari, é moi irónica.

Fonte e foto: Faro de Vigo