A galega Cilenis lanza as versións para móbil dos seus conxugadores verbais de español e portugués
A firma galega Cilenis, especializada no procesamento da linguaxe natural e a enxeñaría lingüística, atopou definitivamente nas TIC o aliado perfecto para axudarlle á sociedade a falar a nosa lingua con propiedade: conxugando os verbos con corrección e segundo as normas establecidas polos organismos oficiais.
Iso xa foi en novembro do pasado ano, cando a firma nos sorprendeu cun conxugador de verbos en galego para usar comodamente dende o ordenador, que non só permitía conxugar tódalas formas verbais dos verbos existentes na nosa lingua, senón tamén conxugar verbos inventados tales como “twittear” ou mesmo “facebooquear” que aínda non son oficiais (pero que todo se andará).
Porén o gran salto á fama do Conxugalego, que así se chama a ferramenta, chegou co lanzamento da súa aplicación para móbiles a Google Play, deseñada especificamente para usar onde máis falta facía: na rúa.
Agora Cilenis, na súa teima por mellorar a nosa forma de expresarnos en calquera lingua, vén de lanzar á tenda Android dúas curmáns do Conxugalego: un conxugador de español e un conxugador de portugués, que se poden descargar totalmente de balde para usar ámbolos dous idiomas con propiedade e corrección.
As ferramentas, moi intuitivas e doadas de usar, foron desenvolvidas pola empresa GalApps para Cilenis, e xa se poden descargar e instalar en terminais de última xeración con sistema operativo Android, para darlle uso de inmediato sen temor a atopar publicidade.
Conjugador Português e Conjugador Español permiten consultar tanto verbos normativos como calquera outro verbo que se nos ocorra: neoloxismos, tecnicismos, localismos, verbos de xerga ou mesmo inventados, tal como permitía a anterior aplicación en galego.
No caso do conxugador de español, recolle todos os verbos recoñecidos pola Real Academia Española (RAE) e, asemade, os verbos polisémicos que teñen dúas conxugacións diferentes en función do seu significado.
O portugués, pola súa banda, permite conxugar verbos segundo a normativa brasileira ou portuguesa, e en ámbolos dous casos, antes e despois do Acordo Ortográfico.
Segundo afirman os seus desenvolvedores, “as dúas aplicacións son as máis completas, fiables e versátiles do seu ámbito”, ao que engaden que “non teñen competencia no mercado Android, onde só existen outros tres conxugadores para español, todos eles incompletos, con erros lingüísticos e incluso con interfaces noutros idiomas”, afirman.
No tocante ao portugués, indican que só existe un similar, que unicamente permite consultar verbos dunha listaxe predefinida e, polo tanto, limitada. Estamos a falar, por outra banda, dos primeiros conxugadores para móbiles de español e portugués deseñados con software libre, o que lle aporta un importante valor engadido ao usuario.
Fonte: Codigocero