A humanidade esgotou en 8 meses o orzamento ecolóxico anual
No día 20 de agosto chegamos ao Overshoot Day, o Día da Sobrecarga da Terra ou Día da Débeda Ecolóxica.
A data que marca o día en que a humanidade excede o consumo sustentábel de recursos renovábeis e a capacidade de absorción de dióxido de carbono (CO2) adiantouse dous días en comparación co ano pasado. Durante o resto do ano cubriremos o déficit ecolóxico esgotando reservas de recursos e aumentando a concentración de CO2 na atmosfera e, en consecuencia, agravando o quentamento global. A translimitación ecolóxica teríase producido moito antes se a humanidade vivise como a media da poboación galega.
O Día da Sobrecarga da Terra é un concepto ideado polo instituto británico New Economics Foundation que nos axuda a entender a diferenza entre a demanda humana por recursos e servizos ambientais e a oferta que o planeta pode sustentar. A rede de investigación Global Footprint Network mide esa diferenza e estima en qué día o conxunto da humanidade pasa a vivir por riba das posibilidades ecolóxicas do planeta dentro dun ano. É unha estimación, non unha data exacta.
Hoxe vivimos como se dispuxésemos de 1,5 Terras e, de seguirmos así, atinxirase unha demanda de recursos equivalentes a dous planetas antes da metade do século
A mediados dos anos 70, a humanidade ultrapasou un limiar crítico: o consumo humano excedeu o que o planeta é capaz de producir. Hoxe vivimos como se dispuxésemos de 1,5 Terras e, de seguirmos así, atinxirase unha demanda de recursos equivalentes a dous planetas antes da metade do século. A Global Footprint Network sinala que o gasto excesivo de capital natural tórnase evidente co avanzo da mudanza climática, a extinción de especies ou o aumento no prezo de materias primas. “As crises ambientais e económicas que estamos vivindo son síntomas dunha catástrofe inminente.” Por causa sobre todo do sobreconsumo dos países e clases sociais máis favorecidos, a humanidade no seu conxunto está utilizando mais do que o planeta pode fornecer.
O déficit ecolóxico de Galicia: tan importante como ignorado
Galicia está entre o grupo de países que máis adebedan en termos ecolóxicos, pois o valor da súa pegada ecolóxica (6,64 hectáreas/persoa) é un 150% superior ao da biocapacidade do seu territorio (4,4), segundo o dato máis recente dispoñíbel (1). Se toda a Humanidade vivise como a media da poboación galega tería entrado en déficit ecolóxico xa o 26 de abril pasado. E se Galicia só dispuxese do orzamento ecolóxico propio para vivir esgotaríao o vindeiro 30 de agosto. Sostemos o noso modelo de produción e consumo á custa doutros países e das xeracións futuras. Algo que non só pon de manifesto a pegada ecolóxica senón tamén outros indicadores de sustentabilidade como a pegada climática, a pegada hídrica ou o consumo de materiais.
Malia á súa relevancia, o déficit ecolóxico é sistematicamente ignorado no noso país e nin sequera temos unha estimación actualizada da súa contía
A economía de Galicia, como a de moitos outros países do mundo de renda alta, presenta unha forte dependencia ecolóxica do exterior e xera unha deterioración ambiental externa tan ou máis importante que a interna. Galicia é máis grande do que moitas veces se cre, e non só no sentido en que o afirmaba Vicente Risco. Tamén porque ocupa un espazo ambiental superior ao seu territorio físico. Isto colócanos nunha posición insolidaria e vulnerábel. Somos exportadores netos de insustentabilidade ecolóxica e importadores netos de recursos (enerxía primaria, minerais, alimentos,…) que tenden a ser cada vez máis caros e escasos.
Malia a súa relevancia, o déficit ecolóxico é sistematicamente ignorado no noso país e nin sequera temos unha estimación actualizada da súa contía. A última, bastante aproximada, corresponde ao ano 2005, antes do inicio dunha crise económica que diminuiu o consumo. Hai dous anos, Agustín Hernández, conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, entrevistouse en Santiago con Mathis Wackernagel, presidente da Global Footprint Network, aproveitando a súa visita á nosa terra por outro motivo. A Xunta “interesouse” daquela pola pegada ecolóxica e a actualización do seu cálculo para Galicia, mais semella que todo quedou en nada.
Fonte:n’Un claro no bosque, blog de Xosé Veiras en Praza Pública