A importancia da tradición oral nos hábitos lectores (Feira do Libro da Coruña)
Dúas obras distintas e dous enfoques distintos de presentación, pero coincidencia total na importancia da tradición oral nos hábitos lectores, na Feira do Libro da Coruña.
Na presentación de Fadita Fosca!, Miguel Vázquez Freire subliñou a importancia de compartir experiencias entre avós e netos, narrado na obra a través da teima por “cazar” unha mosca.Unha hora máis tarde, na presentación de A neve e o lume, de novo saiu a debate, promovido por Chelo Suárez e Marica Campo, a importancia da narración da tradición oral no seo familiar para crear hábitos lectores.
Reproduzo este estracto de artido de Cristina Novoa (publicado na Revista Grial) sobre a importancia de recuperar a tradición oral e a a través das bibliotecas escolares, a súa especialidade:
“O ámbito educativo é un espazo privilexiado para a divulgación entre os falantes máis novos da tradición oral, moi esquecida xa nas familias. Máis aínda, a incorporación de textos orais desde os primeiros anos de infantil (aos que o profesorado accede grazas ás publicacións realizadas nas últimas décadas), permite un tratamento de contidos lingüísticos enleado na propia cultura, alimentado por ela, e realiza un camiño de volta ás familias a través dos pequenos que levan canda eles os poemiñas, recitados, cancións e contos que estaban xa esquecidos. E nesa tradición oral comeza o trato coa palabra literaria, coa narración, coa poesía. Todos os docentes atentos á adquisición das habilidades lectoras do seu alumnado coñecen a estreita relación existente entre a tendencia familiará narración de contos, ao xogo de palabras, á canción, e unha maior facilidade para a adquisición da lectura e dos mecanismos básicos da cultura escrita.”
Cristina Novoa Fernández, “Educación, Lectura e compromiso.Biblioteca escolar, espazo para a utopía” revista Grial n.º 173, Abril 2007, Editorial Galaxia, Santiago de Compostela