A nova edición do Culturgal terá lugar do 30 de novembro até o 2 de nadal

Neste tempo de crises, en plural, encadeadas e superpostas, que afectan ás industrias da cultura e da comunicación coma a poucos outros ámbitos, non estamos afeitos a dar boas novas. E o Culturgal é unha desas boas novas. A súa continuidade e boa saúde a pesar de todo. Pontevedra acollerá do 30 de novembro até o 2 de nadal unha nova edición desta cita cultural que presenta o máis activo da creación galega actual. E faino mantendo a calidade dos anos anteriores cun lixeiro descenso do seu orzamento total.

Serán 250.000 euros, algo menos que os 290.000 do pasado ano e dos 260.000 de 2010, unha diminución que se explica pola caida na achega que realiza a Xunta, que pasa de 230.000 euros a 170.000 -150 mil euros a través de AGADIC e 20 mil a través da SXPL-. Este recorte compénsase en parte polo meirande esforzo que realizan tanto o Concello de Pontevedra (36.000 euros, un 20% máis ca en 2011) coma o Ministerio de Cultura (23.000 euros, o dobre que en 2011). Lonxe en calquera caso das cifras de 2008: 400.000. E mesmo así o Culturgal segue gozando de boa saúde, ofrecendo un abano de espazos, presentacións e actuacións que non ten nada que envexar ás doutras feiras culturais que se celebran no Estado.

Así, por exemplo, podemos falar do Mercat de Música Viva de Vic, que acada este ano a cifra de 923.100 euros. Ou s Fira Tàrrega Teatre al Carrer, tamén en Catalunya, con 1,2 millóns de euros. Ou a Fira Mediterrània de Manresa cun orzamento de 1,5 millóns de euros. Ou mesmo a Feria de Industrias Culturales de Andalucía, que é máis dificil de comparar, dado o seu carácter bianual, e que contaba con case tres millóns de euros de presuposto até a súa suspensión.

Fonte: Praza