A nova SGAE arrinca cunha esperada xunta en busca de presidente
A Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE) inicia hoxe a súa nova era post-Teddy Bautista (anterior presidente) coa elección do seu sucesor. Os 39 membros da xunta directiva reuniranse en Madrid para decidir se ese novo capitán será o galego Antón Reixa, o compositor José M. Fernández Sastrón ou o cantante Miguel Ríos.
Preguntado sobre un posible acordo con algún dos seus adversarios, Reixa asegurou na tarde de onte que non ía facer declaracións ata hoxe. Ao seu favor, ten que logrou 14 escanos dos 39 da xunta directiva, conseguindo o maior número. Na súa contra, o seu opositor Fernández Sastrón presume de contar con máis apoios no colexio electoral dos intérpretes musicais, que se mostran como os máis influentes do colectivo.
Tampouco se coñece que fará Sastrón hoxe. Nun principio, negouse a apoiar a Reixa. Ao seu favor ten, segundo algúns internautas, o apoio de pesos pesados da música como Alejandro Sanz e un programa que promete unha revisión “completa da política cultural e asistencial”.
Pola súa banda, Reixa ve prioritario restaurar o diálogo cos consumidores, sentar as bases dos dereitos de autor en internet e recortar a débeda. Para o candidato galego, foi fundamental neste proceso de renovación a ruptura co pasado.
Fonte: La Opinión A Coruña