A representación das obras de teatro en Galicia en 2012 foi a metade que en 2009

A crise do sector cultural é evidente, ou a crise dentro da crise, agravada polos recortes nas axudas e nas programacións públicas e por outras decisións, coma a suba do IVE cultural do 8% ao 21% en setembro de 2012. A Fundación SGAE presentou este luns o seu Anuario 2013, que lle pon cifras e titulares ao momento que atravesan as industrias culturais en España e en Galicia. O estudo fai unha valoración global negativa en todos os sectores e, malia recoñecerque será cos datos de 2013 cando se poderá saber o impacto da suba do IVE, sinala que “pódese afirmar que, lonxe de producirse un incremento na recadación (derivado do incremento nos prezos tras a aplicación do novo tipo impositivo), todos os indicadores globais de recadación en música en vivo, artes escénicas ou cinema experimentaron descensos nas cifras”. E engade que “a recadación reduciuse, como o fixo, en maior medida, o número de espectadores, agravando os efectos que a crise económica está a producir sobre a demanda cultural, engadíndose aos descensos orzamentarios que dificultan o financiamento da cultura”.

Afondando nos datos galegos, chama a atención, sobre todo, o continuado descenso no número de representacións escénicas, no número de espectadores e na súa recadación, unha tendencia semellante, pero máis acentuada, que a que se rexistra no conxunto do Estado. En España, dende 2008, o teatro viu diminuída a súa oferta de funcións nun 25,87%, o número de espectadores, nun 30,73%, e a recadación en despacho de billetes, nun 14,07%. Porén, os descensos en Galicia roldan o 50%.

En Galicia en 2012 houbo 1.611 representacións de artes escénicas, fronte ás 1.977 de 2011, e ás 3.164 de 2009, ano no que se acadaron as mellores cifras. Galicia pasou de representar o 4,4% do mercado español das artes escénicas a tan só o 2,9%, coa metade de representacións que Aragón ou Castela e León, que contan con menos poboación. Estas funcións atraeron a 447.740 espectadores en Galicia, fronte aos 488.279 do ano anterior, e os 639.046 de 2009. Estas cifras sitúan Galicia por debaixo de Madrid, Catalunya, Andalucía e Comunidade Valenciá, pero tamén de Castela e León,  Aragón e País Vasco. Dentro das artes escénicas o teatro suma o groso das representacións en 2012 (1.506), algo máis da metade das obras representadas tres anos antes (2.944). O número de espectadores chegou a 396.624, lonxe dos 548.935 de 2009. Pola súa banda, en 2012 só houbo 91 representacións de danza en Galicia, setenta menos que en 2009.

A música, con mellor saúde

A música en directo goza de mellor saúde en Galicia que as artes escénicas. Hai descensos nos concertos de música clásica, é certo, pero a perda é menor. Houbo 1.221 en Galicia en 2012, fronte aos 1.431 de 2009. Unhas boas cifras que nos indican que Galicia suma máis do oito por cento dos concertos de toda España. Estas actuacións atraeron 251.485 espectadores en 2012, noventa mil menos que en 2009 (340.023).

O mesmo sucede cos concertos de música popular, sobre todo se se compara cos datos do conxunto de España. A música popular en vivo fora obxecto dun crecemento continuado, que se veu interrompido en 2008, momento a partir do cal os seus indicadores mostran un cambio de tendencia. En España os concertos caeron un 16% dende 2008, unha caída que é do 23,6% no caso dos espectadores, e do 6,6% na recadación, aínda mantida por algúns grandes eventos.

En Galicia, as cifras son mellores. Os concertos de música popular chamaron en Galicia a 1.320.209 persoas en 2012, un descenso de case 400 mil dende os 1.713.453 de 2009, na liña da evolución seguida no resto do Estado. Porén, houbo 5.206 actuacións en directo, máis das rexistradas en 2009 (4.857), e a recacación mantívose (6.992.891 euros) en cifras semellantes ás de 2009 (6.645.586) e mesmo aumentou un chisco. Con todo, as cifras fican lonxe dos datos rexistrado en 2010, ano Xacobeo (2.388.684 espectadores e 8.612.168 euros). En Galicia o 91% dos concertos adscríbense ao xénero de pop-rock en xeral, moi por riba da media do Estado (76,9%). Tamén se supera a media española en ‘Jazz, blues, soul’ (3,5%) e ‘electrónica‘ (1,7%).

A mala saúde do cinema

No que respecta ao cine, o número de funcións en España diminuíu nun 10,95% dende 2008, acumulando caídas paulatinas producidas cada ano. O indicador que presenta unha maior evolución á baixa é o correspondente a espectadores, que diminúe desde 2008 nun 13,51%, mentres que a evolución da recadación experimentou unha redución moi inferior, un 1,82%. Este comportamento explícase polo incremento no prezo das entradas, suba que recolle ademais os novos prezos asociados ás proxeccións en 3D. Durante 2012 houbo 4.397.917 sesións (un 2,90% menos que en 2011) ás que asistiron 93.353.847 espectadores (cun descenso do 4,94% respecto de 2011) e obtívose unha recadación de 612,29 millóns de euros (un 4,08% menos que no ano anterior).

No que respecta a Galicia, o noso país segue por detrás na meirande parte dos indicadores. En Galicia hai 40 cines cun total de 190 pantallas, 0,068 por habitante, un ratio que nos sitúa por debaixo da media española, e por detrás de todas as comunidades autónomas agás Estremadura (0,047), Cantabria  (0,061), Canarias (0,067) e Castela A Mancha (0,067). Iso si, en 2012 o número de pantallas en Galicia creceu, dende as 173 de 2010. Esta oferta atraeu 3.746.961 espectadores, un 4% do total. Os galegos e galegas gastamos 8,9 euros ao ano en ir ao cine, moi por debaixo da media (13 euros), superando só Castela e León, Castela-A Mancha e Estremadura.

Videoxogos e música dixital

O mercado dos videoxogos tamén experimentou un forte retroceso nestes anos, destaca a SGAE. Aínda que este era un sector en constante crecemento ao longo dos últimos anos noventa e dos primeiros da década inicial do século XXI, vemos que desde o ano 2008, o valor das vendas asociadas ao mercado de videoxogos diminúe un total do 41,12%. O mercado dos videoxogos moveu unha recadación de 822 millóns de euros, cifra que descendeu un 16,04% menos respecto ao ano 2011.

En canto á música gravada, o mercado físico acumulou unhas perdas desde 2007 do 66,43%, do 9,25% se o comparamos co ano 2011. O mercado dixital recadou 48,29 millóns de euros, aumentando un 4,12% en relación ao ano 2011. Porén, o mercado dixital aínda representa unha porcentaxe inferior ao mercado físico, un 34,23% do total do mercado da música gravada, aínda que hai que destacar que esta porcentaxe aumenta anualmente.

Fonte: Praza