A Semana Galega de Filosofía pensa na revolución
A revolución será o tema central da XXXI Semana Galega de Filosofía, organizada pola Aula Castelao de Filosofía, que terá lugar do 21 ao 25 de abril. Terry Eagleton inaugurará un encontro que será clausurado por Farruco Sexto Novás e contará coa participación de Santiago Alba Rico, Alba Nogueira, Gerard Mauger, Domenico Losurdo ou Frank Mintz entre outros.
Será do 21 ao 25 no Teatro Principal de Pontevedra onde, como cada ano, se desenvolva o máis relevante foro de pensamento que naceu hai xa máis de trinta anos da man da Aula Castelao de Filosofía. Desta volta, a revolución será o tema central de cinco días de intervencións e debates que inaugurará Terry Eagleton co relatorio “Por que Marx tiña razón”. Gérard Mauger, Domenico Losurdo, Valeriano Bozal e Raúl Fornet completarán o programa das sesións de mañá, agrupadas co título “Reflexións filosóficas a prol da revolución”.
Clausura con Farruco Sexto
Como ven acontecendo case desde o inicio das Semanas Galegas de Filosofía, as sesións de tarde, de 17 a 19:30 hora, resérvanse para pensar arredor de Galiza e, con ese obxectivo foron convidad@s, Alba Nogueira, para afondar no recorte de dereitos fundamentais e liberdades, Xosé Veiras arredor do monte e a sustentabilidade, Ana Iglesias, cunha intervención arredor da normalización lingüística; María Ruído que presentará unha conferencia sobre políticas e poéticas da resistencia para rematar con Bautista Álvarez e a súa conferencia “Repensar a transición, a Galicia que puido ser”.
As sesións de noite, concibidas cunha maior orientación divulgadora, estarán a cargo de Santiago Alba Rico, Otelo Saraiva de Carvalho e Aurelio Fabiao Ginja. A lección de clausura virá a cargo de Farruco Sesto Novás, poeta galego e político venezolano, a quen Hugo Chávez nomeara ministro de cultura do seu país.
Fonte: Sermso Galiza