A supresión de El País Galicia implica tamén a redución do xa exiguo pluralismo informativo na comunidade
“Estamos aquí convocados por eles, que son xornalistas e ademais teñen conciencia de seren traballadores. Neste tempo no que todo nolo quitan, onde cada vez máis a política é puro clasismo, unha loita dos ricos contra os pobres, hai que celebrar esta conciencia de seren traballadores e de defender un servizo público. Porque El País é unha empresa privada pero tamén é patrimonio da sociedade”. Así falou Suso de Toro no acto que este martes se celebrou en Compostela para apoiar os traballadores do xornal, afectados por un ERE que rematará con 149 empregos, unha ducia deles en Galicia. A mobilización coincidiu co primeiro dos tres días de folga convocados polo comité de empresa de El País.
As medidas decretadas pola empresa tamén levaron por diante a edición galega do xornal e o suplemento Luzes de Galicia. Segundo os traballadores, “a supresión de El País Galicia implica tamén a redución do xa exiguo pluralismo informativo na comunidade. Implica que 139.000 lectores do espazo progresista quedarán sen referencia nos quioscos. Implica que unha morea de noticias, se tomamos por boa a definición de “unha noticia é algo que alguén non quere que se saiba”, quedarán na cara oculta da realidade”. E engaden que “a supresión de El País Galicia implica que na prensa haberá aínda menos páxinas centradas en tratar a cultura galega”.
Suso de Toro afondou nestas cuestions e indicou que “en Galicia a meirande parte dos medios están comprados, ao servizo do poder político. Comprados con diñeiro público pero para privatizalos ao servizo do partido que está no poder”. Dixo que a experiencia vivida “foi unha derrota pero foi un éxito” e engadiu que “quero pensar que Galicia soubo o que tiña estes anos. E se non o sabia espero que saiba agora o que perde”. Concluíu que “hai que seguir dando a batalla pola información e pola opinión libre en Galicia”.
O xornalista cultural Alfonso Pato salientou que “neste xornal empezou a falarse dunha xeración emerxente de creadores, de xente nova que está a renovar en moitos casos as vellas estruturas do poder. Sentiamos por veces que estabamos a escribir a construción dun novo país á par deles”. E laiouse de que “non estamos só a chamar a atención sobre o futuro de El Pais senón tamén sobre o futuro de o país. Temos a sensación de que a liberdade a pluralidade e até a democracia están caendo por un terraplén e non podemos botarlle un cabo. Están en xogo moito máis que oito páxinas ou que unha ducia de postos de traballo. Está en xogo unha ferramenta que non axude a construír o país”.
Neste senso denunciou que estamos vivindo un “desmantelamento calculado” e que “se aplicou sobre nós unha detonación controlada cun obxectivo claro: silenciar a periferia e facer medrar a indiferenza de Madrid cara a nós”. E cargou as culpas sobre Juan Luis Cebrián: “Os cínicos non serven para este oficio. E só dende o cinismo se poden cobrar 13 millóns de euros ao ano e desprezar unhas poucas páxinas que alimentan o sentir dun país”.
Un acto de xornalistas, colaboradores e lectores
No acto deste martes escoitáronse voces moi diversas. Dende Julián Hernández, que destacou que “un diario non é unha empresa calquera pois ten unha obriga cos seus lectores” e que “a información é poder. Se a poñemos en mans duns poucos medios, porémola en mans duns intereses determinados e achegarémonos ao concepto de prensa del movimiento”. O líder de Siniestro Total acabou a súa intervención citando a Samuel Beckett: “Serei eu, será o silencio, alí onde estou, non sei, non o saberei nunca, no silencio non se sabe, non podo seguir, seguirei”.
Ou un lector, Carlos Feijoo, que lembrou un texto de Manuel M. Barreiro no que afirmaba que “abundan as cabeceiras xornalísticas pero escasea a pluralidade informativa crítica. A inmensa maioría dos nosos xornais ofrécense como distintas variantes dunha mesma cepa conservadora”. Tamén se fixo fincapé en que “o xornalismo non é competir por sacar antes unha exclusiva, senón que é debullar a catro mans un informe que chega unha hora antes do peche de edición”.
Tamén interviron dúas alumnas de Xornalismo, que salientaron que “namoramos do xornalismo que tecía cada sinatura e idealizamos a profesión polos seus nomes de pía” e lembraron versos de Pete Seeger: “Non quero os seus millóns, señor. Non quero o seu anel de diamantes. Todo o que quero é o dereito a vivir, señor. Devólvame o meu traballo”. Uxía Senlle pechou o acto cunha canción dedicada aos traballadores do xornal, xusto antes de que todos os cidadáns participantes no acto contasen un a un até 149. A cifra de persoas que perderán o seu emprego co ERE impulsado pola empresa propietaria de El País.
Fonte: Praza
Foto: Praza