‘A toda máquina!’, 14ª edición do Salón do Libro de Pontevedra
A concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro, presentou a nova edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. A 14ª, que levará por título “A toda máquina!” e se celebra entre os días 2 e 23 de Marzo no Pazo da Cultura.
Coa finalidade de fomentar a lectura en galego, a creatividade e a imaxinación dos nenos/as dende ben pequenos/as e motivalos cada ano cunha temática distinta, o Salón prolóngase nesta ocasión durante 3 semanas. Serán preto de 100 actividades as que se celebrarán, destinadas a todas as idades e públicos, tanto concertados como en aberto, mantendo así o número de actividades do ano pasado, coa diferencia de que a edición 12+1, durou un mes enteiro.
Esta 14ª edición, que homenaxea a traxectoria da escritora Marilar Aleixandre, xirará em torno ao lema “A toda máquina!”, invitando aos participantes a inventar, crear, experimentar, construir e proxectar ideas e facelas realidade para este Salón, tal e como fixo a ilustradora da AGPI Almudena Aparicio, deseñadora do cartel.
Contacontos, obradoiros para todas a idades, teatro infantil e xuvenil/adulto, roteiros, pasarrúas, actividades para bebés, presentacións de libros, os Bolechas, Espazo Wii, espectáculos musicais e diferentes exposicións serán as pezas que fagan que o Salón do Libro vaia “A toda máquina!”.
Horario de apertura
Debido a afluencia de público doutras edicións a organización acordou abrir as súas portas tamén os domingos pola tarde, podendo visitalo e participar das numerosas actividades da fin de semana en horario de 11:00h a 14:00. e de 17:00h a 20:30h os sábados e domingos.
Por outra banda, as Tardes na Sala, ademais dos contacontos e títeres habituais, apostan nesta ocasión por obradoiros en aberto que fomenten a participación dos nenos/as e os seus acompañantes, se cadra. Ademais, as presentacións que realizarán as editoriais serán máis dinámicas, e contarán en moitos casos con obradoiros, música, actividades didácticas.
E, como de máquinas vai o conto, teremos habilitado un Espazo Wii, con consolas e videoxogos cedidas por Nintendo Ibérica, permantemente monitorizado onde se celebrarán concursos e torneos con videoxogos educativos e didácticos polas tardes e o fin de semana.
Fonte: AGE