A USC é unha das institucións docentes públicas que ofrecen unha información “máis transparente” na súa páxina web
A Universidade Pompeu Fabra de Barcelona, a Universidade de Xaén e a Universidade de Santiago de Compostela son as institucións docentes públicas que ofrecen unha información “máis transparente” nas súas respectivas páxinas web.
Así se desprende do primeiro informe de avaliación da información achegada nas páxinas web das 50 principais universidades públicas españolas, publicado pola Fundación Compromiso e Transparencia.
O estudo “Exame de transparencia” ofrece uns resultados globais positivos: máis da metade das universidades analizadas (66%) aproban a avaliación, aínda que se percibe unha ampla marxe de mellora en áreas relativas ao claustro, aos resultados ou á información económica.
Conscientes da importancia de comunicar a través da web, o 100% das universidades publica a súa oferta de títulos, o 98% a información sobre axudas e bolsas e o 96% establece na web sistemas de comunicación co alumnado.
Na área de recursos humanos, unha ampla porcentaxe de universidades (82%) proporcionan información sobre as diferentes categorías do persoal contratado.
Publicación de contas
Con todo, tan só 17 universidades (34%) dan información sobre as bandas salariais, só o 12% ofrece datos sobre a formación e méritos do claustro, fai referencia á nacionalidade dos seus docentes (4%) ou publican o número de solicitudes de matrículas que recibiron (0%).
Outro dos aspectos ao que as institucións docentes deberían prestar maior atención, segundo o informe, é á publicación da súa misión e visión (44% de cumprimento) e do seu plan estratéxico (50%).
A súa ausencia, segundo o estudo, pode denotar unha carencia de foco estratéxico e da debilidade dos seus órganos -Consellos de Goberno e Consello Social-, aos que corresponden principalmente esta función.
A área de resultados é unha das máis débiles desde o punto de vista da comunicación e as universidades destacan polo esforzo que fan publicando información sobre os resultados da súa actividade investigadora (86% da mostra publícao), pero só un 40% especifica o número de alumnos estranxeiros que elixen o seu centro para cursar os seus estudos.
Só o 36% fai referencia ao impacto da súa actividade docente; un 26% á satisfacción do alumnado coa publicación dos resultados das enquisas realizadas, e tan só o 6% comunica na súa páxina web as posicións que ocupan no distintos ranking de universidades.
Finalmente e como noutros sectores, as universidades proporcionan moi pouca información económica relevante. Aínda que a maioría delas (88%) publica o orzamento, cando se trata de render contas proporcionando algunha información máis cualitativa, como poden ser os estados financeiros (22%), a memoria das contas xerais (22%) ou o informe de auditoría externa (14%), a porcentaxe de cumprimento é significativamente menor.
Fonte: Galiciaé