A Xunta prevé máis recortes pola caída de fondos estatais e recadar menos

Galicia é a comunidade que menos tivo que recortar nos seus Orzamentos para que o Ministerio de Facenda aceptase o seu plan para deixar este ano o déficit no 1,5% do Produto Interior Bruto. O axuste aprobado o xoves pasado en Madrid no Consello de Política Fiscal e Financeira foi de 69 millóns, mínimo fronte aos 18.350 millóns que recortarán todas as comunidades. Pero o documento no que se detalla o recorte arroxa sombras sobre o futuro. A Xunta recoñece que haberá novos recortes. “Espéranse axustes adicionais unha vez se confirme a repartición dos fondos finalistas” do Estado, admite, á espera de que se vaia desvelando a que comunidades van parar as partidas aínda non desglosadas dos Orzamentos Xerais do Estado, notablemente reducidas con respecto a anos anteriores. A pesar diso, o Goberno galego indica que no informe aprobado o xoves “consignáronse as cantidades recibidas o pasado exercicio” e admite que “en caso de variar á alza ou á baixa unha vez se concrete a repartición de fondos finalistas, será axustada nos Orzamentos” galegos.

O documento presentado en Madrid detalla de onde sae o novo recorte de 69 millóns sen ter que tomar medidas como o incremento de alumnos por aula proposto polo Goberno central. Uns 40 millóns son redución de gasto e outros 29 aumento de ingresos con respecto aos Orzamentos aprobados fai cinco meses. O aforro de 40 millóns –a Xunta insistía onte en que o recorte en “gasto non produtivo” é de 26 millóns, polo que os outros 14 si afectarán ao gasto produtivo– repártese así. O capítulo II dos Orzamentos, de servizos e bens correntes, cae en 12,24 millóns, coa Consellería de Traballo e Benestar, con 2 millóns, como principal afectada. Neste apartado, no que se reduce gasto en publicidade, protocolo e conferencias, rebáixanse as indemnizacións por razón de servizo, en principio o único efecto do actual recorte sobre os traballadores públicos.

A Xunta recorta outros 13,78 millóns do capítulo IV, de transferencias a outras entidades, reducindo subvencións e convenios. Aquí a consellería máis afectada é Cultura e Educación, con 3,1 millóns menos. Para rematar, outros 13,67 millóns saen dos capítulos VI e VII, de investimentos, que a Xunta centra en estudos e proxectos, sendo a Consellería do Medio Rural e do Mar a máis afectada, con 3 millóns menos.

En canto ao aumento de ingresos, Facenda admite que “estase levando a cabo” unha subida de prezos públicos e inclúe “novas taxas creadas en leis aprobadas a finais de ano e que non figuraban na lei de Orzamentos (apostas, residencias de tempo libre, instalacións xuvenís, servizos de reprodución en arquivos…)”. Son 10,35 millóns máis, di a Xunta, que fía o resto de ingresos ao comportamento mellor do previsto no que vai de ano dalgúns impostos. Aínda así, Facenda admite que as súas previsións de recadación fallaron no Imposto de Transmisións Patrimoniais. “foron inferiores ás previstas”, di, “debido á atonía do sector inmobiliario”.

Fonte: El País

Foto: Misterio Facenda Vigo