ACadaCanto, nova aposta de catro figuras da nosa música
Se sumamos as propostas artísticas dos catro nomes que asinan aCadaCanto, poderemos ter bo reflexo da potencia e solidez do panorama musical galego. Cada un deles teñen partillado distintas composicións, Nordestinas, Espido, Berrogüetto, Nova Galega de Danza…por citar só algunhas delas. Por solto, en pares ou mesmo en tríos poderiamos colocar os catro compoñentes do novo traballo nas distintas agrupacións musicais. Guillerme e Xabier Díaz son membros de Berrogüetto, grupo en que se escoitou a voz de Guadi; Xabier Díaz contou con Romero e Guillerme Fernández no su inicial Músicas de Salitre, Guadi cadrou tamén con Guillerme en Espido e Xavier e Guillerme conxeniaron para publicar o disco Arrolos de Salitre.
ACadaCanto é a nova aposta destas catro xa figuras da nosa música que coinciden nese cadrado con catro puntas nas que se tece un traballo compacto e cunha liña estética definida. Como acontece noutros proxectos nos que participan, este é de novo efémero, dura o tempo de presentación e xira e após diso esvaerase ao se centraren cada un deles nas súas traxectorias. Mais, antes de que iso aconteza, ACadaCanto vibrará con forza nos palcos das cidades galegas, a comezar o día 8 de xuño no Rosalía de Castro da Coruña ou o 13 de xuño no Principal de Santiago de Compostela.
Confesan que aCadaCanto naceu nunha conversa nun descanso do concerto de Fuxan os Ventos en Ourense, no que os catro participaban. De cadrar uns con outros, decidiron cadrar de vez os catro xuntos e naceu así este cuarteto co que evocan as grandes formacións musicais, dos Beatles a Os Gaiteiros de Soutelo. O disco, como boa parte dos proxectos culturais deste tempos, emprega a fórmula de crowfounding para o seu financiamento.
AcadaCanto constitúe, aliás, o sexto título que sae da man do selo discográfico Músicas do Salitre, formado por Xabier Díaz e Guillerme Fernández. Coa súa sinatura viu a luz en 2005 o primeiro título Músicas de Salitre, para seguir con Espido de Guadi e Guillerme, Complas para Icía de Díaz, Benzón de Guadi e Arrolos de Salitre de Xavier Díaz e Guillerme Fernández, os titulares da proposta.
Fonte: SermosGaliza