ACTO DE PRESENTACIÓN D’O CARBALLO, DE CALROS SILVAR EN CULTURGAL

O acto de presentación terá lugar mañá sábado día 1 de decembro, ás 17:30 horas, na Tenda do Culturgal (Pazo da Cultura de Pontevedra, R/ Alexandre Bóveda, s/n. Tel.: 986 800 471), d’O carballo, da autoría do escritor e ilustrador ferrolán Calros Silvar, quen, asemade, asinará exemplares da súa obra. Esta obra está editada por Baía Edicións na versión galega, por Cossetania na edición catalá e conxuntamente por Ártabro e Lectio Ediciones, para edición en castelán.

Breve comentario sobre a obra:

Con esta obra, Baía Edicións pon en marcha unha nova colección (en formato grande e encadernación en capa dura) de divulgación de elementos singulares do noso medio natural, dirixida, fundamentalmente, a nenas e nenos de ensino primario, baixo o lema xenérico de A aventura de vivir.

Nesta primeira entrega, Calros Silvar, cun texto moi sinxelo e de fácil comprensión para as lectoras e os lectores aos que vai dirixido e mesmo cunha presentación do protagonista, humanizado ao modo dos contos clásicos e tradicionais dos animais falantes, como guía do seu ecosistema para os visitantes que acoden a coñecelo. Asemade, vai explicando quen son as árbores e, concretamente, os Quercus e as  diferenzas máis singulares entre as distintas especies,  como nacen, se desenvolven e como evolucionan durante o seu longo período de vida. Alerta tamén dos perigos que o axexan no presente e fai unha chamada para procurar a súa defensa como un piar básico da conservación da natureza. Finalmente, achegándose ao terreo cultural, explica os usos que as persoas fixeron deles e a importancia que en determinados aspectos tiveron para a evolución de moitos pobos e a súa pegada na cultura popular.

Convén salientar tamén e de forma moi especial o magnífico traballo de ilustración do seu autor, poñendo en evidencia o alto nivel da ilustración da natureza no noso país, onde Calros Silvar destaca por méritos propios.