Acto de presentación D’OS COGOMELOS NA COCIÑA E OUTRAS COUSAS en Santiago de Compostela
O acto de presentación terá lugar mañá mércores día 28 de novembro, ás 19:30 horas, no Restaurante Pedro Roca (Rúa Domingo García Sabell, 1 – Baixo, semiesquina coa Rúa Galeras. Teléfono: 981 585 776), d’Os cogomelos na cociña e outras cousas, da autoría do escritor, profesor e presidente da Asociación Micolóxica Viriato, Xosé Manuel Fernández Costas e de Pedro Roca, recoñecido cociñeiro de fama internacional e actualmente xerente do Restaurante Pedro Roca.
Breve comentario sobre a obra:
Os cogomelos na cociña e outras cousas é unha singular achega á literatura gastronómica. Atopamos pratos que podemos encadrar na ‘nova cociña’ e outros que adaptan receitas tradicionais, convertendo os cogomelos no ingrediente principal ou no substituto dos produtos empregados habitualmente, tratándose tanto unhas como outras de composicións innovadoras.
Valorando a importancia do coñecemento do que a natureza pon nas nosas mans, a súa utilización para fins gastronómicos e o papel da conservación, a obra está concibida en tres partes:
Na primeira, Na cociña cos cogomelos, preséntase un pequeno mostrario dos cogomelos máis apreciados na cociña e unhas notas sobre conservación e precaucións básicas a ter en conta cando estes se recollen para comer.
Na segunda, Receitas, propóñense diversas preparacións do cociñeiro Pedro Roca, un dos maiores e mellores divulgadores da excelencia dos cogomelos na cociña, Paco Bernabeu, Manolo Costas, Quico Fraguela, José Andrés Moure e Andrés Roca.
Na terceira, Da nosa Asociación, faise un repaso das actividades da Asociación Micolóxica Viriato nos seus trinta anos de andaina.