ADEGA-Lugo inicia o seu programa de roteiros
Este domingo, 11 de novembro, ADEGA-Lugo inicia o seu programa de roteiros, adicado á Galiza Máxica, co seu xa tradicional roteiro inaugural pola Serra do Courel. O Apalpador será a figura mítica sobre a que se vertebre a ruta, xa que andaremos polos camiños que o carboeiro transita polo Nadal, cando baixa dos cumes da súa serra nai até os vales para apalpar as barrigas das crianzas.
Roteiro de 10 quilómetros, de dificultade media para a xente habituada a andar. Comeza en Savane (Seoane) e remata na aldea de Ferreirós de Abaixo, no bar O Pontón, onde celebraremos o magosto. O treito máis difícil, de 3 quilómetros de longo, estará entre o paso do río Pequeno (km 2) e o Castro de Brío (km 4); que salva unha diferenza de altitude de 300 metros. Aínda así, subiremos moi amodiño e axudándonos entre todas e todos. Logo do castro, o roteiro é todo cara baixo até as inmediacións de Ferreirós.
RESERVA DE PRAZA. As persoas interesadas en participar deberán reservar praza chamando con antelación ao 679113718 ou 9822402299. O bus sairá de diante da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo (antigo Maxisterio) ás 9 horas da mañá.
PREZOS
Xeral: 15 €
Estudantes/ parados/as: 12 €
Socios/as: 10 €
Menores de 17 anos: 5 €
Leva roupa e calzado axeitados e comida para o camiño. O bo humor é cousa de todos/as.
Descarga aquí o PROGRAMA DE ROTEIROS 2012-2013