ADEGA participará en Terractiva coa exposición ‘Rir por non chorar’ e cunha charla sobre a evolución do proxecto ‘Eira da Xoana’

A vindeira fin de semana, días 17 e 18 de novembro, ADEGA participará na feira ecolóxica máis importante do país coa mostra de humor gráfico “Rir, por non chorar” que se enmarca dentro da campaña “Ponte no medio. Móvete polo territorio”. O obxectivo deste proxecto é concienciar sobre as ameazas e as agresións que se cernen sobre o noso patrimonio natural e cultural. Por outra banda, intenta buscar solucións e propostas realmente sostibles e equilibradas de respecto ao noso entorno.

“Rir, por non chorar” amosará 36 obras elaboradas para tal fin por preto dunha vintena humoristas gráficos e ilustradores de toda Galiza, tales como Pinto & Chinto, Leandro, Guitián, Calros Silvar, Alberto Okidoki, Almudena, Dávida, Idoia de Luxán, Mª Carmen Ferrín, Rooster, Sergio Covelo, Marcos Beltrán, Quico, Zamudio, Miguel Fernández, Jorge Alba, Alfredo López “Tokio”.

O acceso á exposición, que estará situada no recinto feira de Arzúa, será libre e permanecerá en Terractiva os dous días.

Por outra banda, ADEGA levará a Terractiva o seu habitual posto de divulgación sobre as actividades que está a desenvolver a organización, as súas publicacións, guías e manuais, camisetas reivindicativas, no que tamén se recollerán sinaturas para a Iniciativa Lexislativa Popular a prol da redución, reutilización e reciclaxe, no canto da incineración.

O domingo 18 pola tarde tamén ofrecerá unha charla sobre a evolución do centro de recuperación dos saberes tradicionais de ADEGA que está situado na parroquia de Ramil (Agolada), na comarca do Alto Ulla e que leva por nome A Eira da Xoana. Este proxecto, logo de 5 anos de actividade estase a consolidar como un dos centros de referencia de Galiza do ecoloxismo, da cultura tradicional e das boas prácticas ambientais. Recentemente, tivo lugar alí a II Feira de produtos naturais e artesáns que conseguiu xuntar na Eira da Xoana unhas mil persoas.

Para máis información:

Anxo Manoel Lamelo (coordinador): 667096124, 982240299 ou no correo electrónico; culturaeterritorio@adega.info