ANA MARÍA GALEGO GEN gaña o 5º PREMIO MEIGA MOIRA 2012 de Literatura Infantil-Xuvenil convocado por BAÍA EDICIÓNS
O Xurado, formado polas escritoras Marica Campo e Andrea Maceiras, gañadora do 4º Premio Meiga Moira coa obra Violeta tamurana, a profesora de ensino medio na Coruña Dores Fernández López, o ensaísta e profesor da UDC Carlos–Paulo Martínez Pereiro, que actuou de Presidente, e a directora editorial de Baía Edicións, María Belén López Vázquez, como secretaria, reunido o venres día 21 de setembro de 2012 resolveu conceder por unanimidade o 5º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil-Xuvenil á obra presentada baixo o lema “Mago Chalupa”.
Abertas as plicas, a mesma resultou corresponder a presentada pola escritora ferrolá Ana María Galego Gen, que leva como título Bandeiras negras e proposta para o tramo de idade de 12 a 16 anos.
O Xurado destacou na obra gañadora, entre outros aspectos, que:
1) Supón a recuperación para a literatura galega do xénero clásico de aventuras e máis en concreto o da narración de piratas.
2) Incorpora unha perspectiva nova na voz narrativa feminina dunha escrava negra, reutilizando o recurso clásico da muller transvertida de home.
3) Dálle nova vitalidade ás personaxes d’A Illa do Tesouro, completando os contornos e a personalidade da figura do John Silver.
4) Emprega unha lingua axustada, expresiva e rica no desenvolvemento da historia.
5) Se serve dos mellores recursos da técnica narrativa da page-turner, ao facilitar unha lectura continuada e implicar os lectores e as lectoras no narrado.
A obra será publicada por Baía Edicións na súa colección Meiga Moira antes de finalizar o ano e a autora recibirá 2.500 euros, cantidade coa que está dotado o Premio.
Noutra orde de cousas, o Xurado valorou a alta calidade e cantidade das obras presentadas, das que alcanzaron a selección final 27, o que evidencia o extraordinario momento que vive a literatura en galego dirixida ao público infantil e o importante xermolo de escritoras e escritores que está dando o país para seguir facendo avanzar o galego como idioma literario e de uso vehicular entre as nosas nenas e nenos.