Andrea Maceiras recibirá o DÍA DO LIBRO o PREMIO MEIGA MOIRA 2014
Baía Edicións fará entrega do 6.º PREMIO MEIGA MOIRA de literatura infantil e xuvenil o próximo día 23 de abril (DÍA DO LIBRO) ás 20:00 h. na Biblioteca Central Municipal de Cambre. O premio será entregado a ANDREA MACEIRAS pola súa obra MIÑA QUERIDA SHEREZADE. Contaremos coa presenza de Dores Fernández, en representación do Xurado, e Belén López, Directora Editorial de Baía Edicións.
O Xurado, formado polas escritoras Marica Campo e Conchi Regueiro, María Dores Fernández López, profesora de Ensino Medio de Lingua e Literatura Galega na Coruña, o ensaísta e profesor da UDC Carlos–Paulo Martínez Pereiro, que actuou de Presidente, e a directora editorial de Baía Edicións, María Belén López Vázquez, como secretaria, reunido o venres día 19 de setembro de 2014 resolveu conceder por unanimidade o 6.º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil-Xuvenil á obra presentada pola escritora coruñesa Andrea Maceiras Lafuente, que leva como título Miña querida Sherezade e proposta para lectoras e lectores a partir de 12 anos.
O Xurado manifestou, entre outros aspectos, o seguinte:
«É opinión unánime deste xurado que, na referida obra, sobresaen características tan notorias como a dunha excelente estrutura especular e unha non menor fluidez narrativa. As historias d’As mil e unha noites son a base dun texto que xera repetidas e novidosas narracións por volta da ficción e doutras realidades literarias.
En resumo, a obra acaba por ser unha exacta e plural homenaxe ao libro e a lectura».
A obra foi publicada por Baía Edicións na súa colección Meiga Moira e a autora recibirá 2.500 euros, cantidade coa que está dotado o Premio.
Noutra orde de cousas, o Xurado valorou a alta calidade das obras presentadas, das que dez alcanzaron a selección final, o que evidencia máis unha vez o extraordinario momento que vive a literatura en galego dirixida ao público infantil e o importante xermolo de escritoras e escritores que está dando o país para seguir facendo avanzar o galego como idioma literario e de uso vehicular entre as nosas nenas e nenos.
Baía Edicións destaca o feito de que Andrea Maceiras foi gañadora tamén do 4.º Premio Meiga Moira en 2010 con Violeta tamurana, obra que goza dunha grande aceptación entre as lectoras e os lectores máis novos e cunha especial introdución nos centros de ensino pola singularidade da historia narrada e posta en valor da integración cultural e denuncia do racismo.
Comentario do libro:
VISUALIZA UN CAPÍTULO DO LIBRO
Ser un libro é marabilloso. Agás cando chega a vellez. Entón decátaste de que estás feito un farrapo. Os personaxes que viven dentro de ti danche as costas porque non podes ofrecerlle a vida que eles queren. Caes enfermo. Tés tanta febre que súas tinta. E sentes a morte moi preto. Eu non quero rematar así. Sei que aínda teño unha historia máis que contar. Non está nas miñas páxinas, senón gravada no meu corazón. E non é unha soa, senón moitas. Porque eu nacín en 1908 na Casa Editorial de Saturnino Calleja. Viaxei a Cuba no peto dun home rico e regresei na man dun pobre emigrado galego. Coñecín o amor e o desamor, sobrevivín a unha guerra civil, alimentei soños, transmitín mensaxes, salvei e fun salvado. Eu gardei dentro de min a cor dourada de todos os desertos, a Simbad, Alí Babá e Aladino.
Por iso che pido, miña querida Sherezade, que non marches, que agora sexas ti quen me escoite.
Porque pode que esta sexa a miña última historia.
Venta do libro electrónico AQUÍ.
Máis información:
- “Miña querida Sherezade” de Andrea Maceiras no Galicia confidencial
- Andrea Maceiras na Axenda Cultural da AELGGañadora do 6º Premio Meiga Moira en Cultura galega
- Coñecemos un pouco máis a Andrea Maceiras
- Andrea Maceiras gaña o Premio Meiga Moira
- Andrea Maceiras en Fervenzas literarias
- Andrea Maceiras no programa “Somos quen” da TVG falando da súa obra