Antía Yáñez e Sabela Losada gañan o I Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade

Antía Yáñez e Sabela Losada gañan o I Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade convocado por Baía Edicións:

Reunido o Xurado do I Premio Fina Casalderey de Literatura Infantil pola Igualdade resolveu, despois de moitas deliberacións, conceder por unanimidade e ex aequo o premio ás obras presentadas baixo os lemas “Gerbillo” e “Vermello”.

Abertas as plicas, as mesmas resultaron ser da autoría das escritoras Antía Yáñez Rodríguez e Sabela Losada Cortizas, baixo os títulos A reconquista e Vermella!.

O Xurado considera as dúas obras merecedoras do Premio en igualdade de condicións, manifestando que atenden a ámbitos moi distintos e complementarios e defendendo o especial interese de cada unha delas polos seguintes motivos:

«A reconquista, por un acaído tratamento da ocupación do espazo central, o liderado feminino e a solidariedade.
Ademais, a combinación de dúas voces narrativas diferentes, que aluden ao humano e animal, e ao ámbito da ficción e do libro divulgativo, fan da obra unha proposta literaria moi atractiva e interesante para as nenas e para os nenos, ao resaltar tamén por ser un exemplo de resolución positiva dos conflitos que xorden no propio contorno».

«Vermella! por ser quen de sacar á luz un tema tabú e pouco tratado na literatura infantil, como é o da menstruación desde unha perspectiva de indagación case que policial e de divertimento por parte da rapazada protagonista.
Igualmente, a historia consegue manter a súa intriga, mesmo coa axuda de trazos do humor natural característico do mundo infantil, na procura da descuberta, que lle dá sentido á trama e que ten que ver coa propia e progresiva descuberta do corpo da nena».

O Xurado estivo formado por Ana Luísa Bouza Santiago, socióloga, Montse Pena Presas, profesora da USC e crítica literaria, Patricia Porto Paderne, xerente da libraría compostelá especializada en temática feminista Libraría de Mulleres Lila de Lilth, Pilar Sampedro Martínez, mestra e vicepresidenta de Gálix, e a directora editorial de Baía Edicións, María Belén López Vázquez, que actuou ademais como secretaria do mesmo.

As obras serán publicadas por Baía Edicións en álbums ilustrados a toda cor na colección Contoxconto antes de finalizar o ano e o Premio de 5.000 € repartirase a partes iguais entre as dúas escritoras merecedoras do galardón.