Encontro coa natureza

Este Encontro coa Natureza de Baía Edicións pretende ser un lugar de reunión para os amantes da natureza, sexa cal sexa a súa idade e condición, tamén un espazo aberto ao intercambio de opinións, experiencias, traballos e propostas de cantos desexen participar nel.

A nosa idea é ter un espazo para falarmos de natureza, utilizando unha linguaxe de fácil comprensión e posibilitando a participación de todas aquelas persoas que teñan algo que dicir sobre o medio natural e a necesidade de afondar nunha conciencia crítica colectiva e individual para frear as agresións que sofre e preservalo nas mellores condicións ambientais para xeracións futuras. Tamén para quen traballan no medio urbano e buscan modificar comportamentos adquiridos e que provocan un grave deterioro de vilas e cidades. Asemade, o esforzo, divulgación e propostas alternativas para conseguir a erradicación das situacións de inxustiza contra as persoas, especialmente no chamado Terceiro Mundo e países en vía de desenvolvemento, e a loita pola paz mundial tamén queremos que teñan cabida neste Encontro.

Para facermos avanzar este proxecto contaremos coa colaboración de algunha autora e/ou autor das guías que forman corpo na colección Baía Verde desde o terreo da investigación, da divulgación naturalista e da concienciación ecoloxista, pero é o noso obxectivo, como queda apuntado anteriormente, que o máis axiña posíbel poidamos contar tamén coa participación e compromiso social de todos aqueles que gozades das moitas posibilidades que a natureza nos ofrece e vos indignades ante a súa degradación e/ou destrución.

Neste curruncho verde queremos tratar as cuestións que teñan relación co medio natural desde todas as perspectivas posíbeis. É por iso que vos convocamos, sexades grupos organizados ou persoas a título individual, investigadoras, naturalistas, ecoloxistas, expertas no seu estudo ou simplemente afeccionadas, a que nos acheguedes as vosas experiencias, opinións, propostas, proxectos, convocatorias de actividades, información de observacións, fotos e todo canto consideredes de interese divulgar nun foro como este que vos propoñemos.

Este espazo contará con artigos de colaboradores (estábeis e/ou puntais) sobre temas de actualidade, cuestións que vos preocupen ou opinións sobre temas que teñan á natureza e a súa problemática como eixo central. Faranse recordatorios de conmemoracións-efemérides relacionadas coa natureza e a problemática ambiental. Realizarase unha escolla de prensa con temática ambiental e se incorporarán noticias de observacións de especies no noso país, o decurso das estacións/acontecementos estacionais característicos, lúas e mareas. Tamén se falará do equipamento, técnicas, consellos e trucos sobre xeneralidades e disciplinas diversas (observación, debuxo, fotografía…) e, incluso, consellos medioambientais, como achegar o noso gran de area para acadar un planeta sustentábel e con futuro.

Agardamos que este espazo cumpra todos estes obxectivos e que este Encontro coa Natureza sexa, grazas ás vosas suxestións e achegas, un espazo activo, útil, interesante, e no que teñan cabida para todas e todos os amantes da natureza e defensores do noso planeta. Só co voso apoio será posíbel!

Texto: Baía Edicións