As aldeas galegas quedan sen vida polo envellecemento e a emigración

Centos de aldeas galegas viven á sombra da ameaza da súa completa desaparición froito do envellecemento imparable dos seus habitantes e a emigración dos máis novos ás cidades.

Hai corenta anos en Galicia ocorría todo o contrario, cando os pobos latexaban cheos da vida que imprimían as súas tendas, pallozas e terras cheas de cultivos.

Galicia, con case 1.400 núcleos rurais despoblados e outros 2.052 que sobreviven cun ou dous habitantes -uns 5.000 se falamos de fogares con menos de 5 habitantes-, segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estadística, é a primeira comunidade autónoma en número de vivendas baleiras.


PROCESO SEN VOLTA ATRÁS

A profunda desaceleración demográfica froito do envellecemento poboacional e a emigración dos mozos, unido aos devastadores efectos da crise agro-gandeira, son parte dun problema que derivou na existencia de máis de 200.000 fogares deshabitados dentro das súas fronteiras.

Lonxe de percibirse perspectivas de mellora, os seus habitantes aseguran a Efe que o despoboamento non ten volta atrás. Mostra diso son as numerosas casas abandonadas e a proliferación por todo o territorio de pobos “pantasma”.

“Antes aínda había xente, en cada casa había polo menos un veciño, familia e fillos; agora un marcha para un lado, outro para outro, e os maiores morreron. Polo tanto, ¿que vas facer aquí?”, pregúntase Adolfo Mosquera.

Segundo este veciño, un dos dous que residen na actualidade na Vila, en Cea (Ourense), antes as cousas eran diferentes. Ao haber máis persoas, podíase traballar a terra o que lles permitía ter maior capacidade de producir os seus propios alimentos. “Estaba todo labrado. Había millo, centeo e vacas, e traballábase con tractor”, recorda.

Unha situación, engade, que cambiou de forma dramática nos últimos anos, porque “a xente nova non quere estar aquí”.

ALDEAS DESHABITADAS
Na actualidade este pobo ourensán mantén dúas casas habitadas, o resto, ou ben foron pechando as súas portas ou sufriron o paso do tempo -algunhas casas levan deshabitadas máis de vinte anos-, e con iso, as poucas tendas e as casas de labranza que había nos seus arredores.

É o caso dun pobo chamado Lavandeira, onde actualmente non habita ningún veciño.

A un quilómetro deste lugar, Manuel Pico, un dos escasos residentes de Castrelo, un pobo situado en San Cristovo de Cea, explica que “nos seus mellores tempos neste lugar houbo preto de catorce veciños, na súa maioría labradores”. Agora quedan tres, sinala, na súa maioría, persoas de avanzada idade.

O pobo, que tiña grandes extensións de terra cultivada e unha escola -que pechou fai uns corenta anos-, deixou de traballar as súas terras e pechou o colexio, de tal forma que agora os seus habitantes teñen que desprazarse a vilas máis grandes, “ben a Cea, a uns 2 quilómetros, ou ao Carballiño, a uns 11, co fin de poder ter os servizos básicos”, explica Manuel.

Outro veciño, neste caso dun lugar chamado A Torre, Emilio Feijóo, explica que antes alí “había bastante xente; xuntábanse na casa dun veciño, xogaban ás cartas, cada un coas súas vacas e a súa agricultura, e agora nada, cada un para o seu lado. Acabouse”, laméntase.

Actualmente, este pobo, que perdeu ata a súa torre, ten tres casas habitadas, “o resto quedaron abandonadas”, asegura.

VIDA TRANQUILA NO CAMPO
A pesar diso, di que non cambia a súa vida alí por outro lugar, debido ás vantaxes do campo respecto da cidade. “É unha vida moi tranquila, sen ruído e todos nos coñecemos”, engadiu.

A súa nai, María Pena, resalta aos seus 87 anos, como cambiou a vida no rural. “Antes -di- tiñas compañía, cultivábanse as terras e agora non queda nada”.

A máis veterana de lugar e única residente da Torre xunto aos seus dous fillos ve difícil que se poida recuperar a vida de antes nestas aldeas. A pesar das iniciativas en marcha para recuperar o rural, dado que é unha opción atractiva e barata para as familias asfixiadas polo paro, a crise e o elevado custo de vivir nunha cidade, descarta unha posible recuperación polo menos dos pobos máis pequenos.

O motivo, indica, é que hoxe en día “a xente nova non quere traballar as terras”, como ocorría antes. “Esa vida non volve, non hai nada que facer”, conclúe.

Fonte: Galiciaé