As artes escénicas prepáranse na rúa para loitar contra a súa “morte non visible”
Coas portas pechadas, mais co balcón libre toda clausura. Así atopou a Plataforma das Artes Escénicas o Salón Teatro de Santiago, recinto pertencente á Xunta onde o colectivo pretendía celebrar este luns pola mañá unha asemblea aberta á toda a profesión. Porén, as preto de cen persoas que acudiron ao convite tiveron que discutir os graves asuntos que padece a profesión escénica en plena rúa. A Consellería de Cultura e Educación negoulles o acceso alegando, segundo explicou o presidente de Escena Galega, Salvador del Río, que o Salón Teatro “non se abre para actos non artísticos”. Había unha alternativa ofrecida polo departamento dirixido por Jesús Vázquez: o Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega). Non obstante, a Plataforma declinou ese lugar por estar nas aforas da cidade e por preferir un ámbito emblemático como o Salón Teatro, un teatro que, pese a ser público, atoparon coas portas pechadas. E na entrada celebrouse finalmente unha xuntanza que culminou co asalto ao balcón do edificio, a onde un dos presentes subiu para colgar a xa habitual pancarta reivindicativa da Plataforma das Artes Escénicas: “Desmantelamento da Cultura, non”.
E de “desmantelamento” falouse durante as case dúas horas que durou a reunión. Unha reunión a plena rúa e na que os membros das diferentes asociacións sectoriais (Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Escena Galega, Asociación de Magos de Galicia etc.) aglutinadas na Plataforma buscaron atopar puntos en común e unha folla de ruta de accións para responder ante o desmantelamento que, segundo os profesionais da escena, está a sufrir a cultura polos recortes e a política cultural do Goberno do PP. A asemblea, dalgún xeito, arrecendía a déjà vú, a palabras repetidas, a preocupacións reiteradas. Ese déjà vú lévanos á primeira gran intervención da Plataforma das Artes Escénicas, en marzo do ano pasado, pola que se convocou -con motivo do Día Mundial do Teatro- unha manifestación dos profesionais que culminaría nunha reunión no interior do Salón Teatro. Daquela, a ex directora do Centro Dramático Galego, Blanca Cendán, permitiulles inicialmente o acceso, mais foi desautorizada pola Consellería de Cultura e Educación e as portas do Salón Teatro, tal como estaban hoxe, apareceron pechadas e a propia Cendán sería destituída.
E o acto daquel Día Mundial do Teatro celebrouse, como a xuntanza de hoxe, ás portas do Salón Teatro, quentando os ánimos do sector e poñendo en xuízo, unha vez, máis a actitude da administración. Daquela falouse de falta de diálogo e, hoxe pola mañá, volveuse tocar o asunto. “O límite está na negativa a falar dos actuais executantes da política cultural. Négase o diálogo e négase ao acceso ao espazo público, algo insólito en toda Europa”, lamentou o director teatral Xúlio Lago, quen a liña seguida, proclamou a rúa como o último ámbito que deixan aos cidadáns. “·A rúa parece ser o espazo natural da cidadanía, xa que as institucións estanse a converter en fortíns para os políticos. Mesmo os funcionarios da Agadic foron secuestrados no gran fortín, no gran cárcere que é a Cidade da Cultura, onde lapidan os cartos”, reflexionou Lago.
A falta de estratexia
O déjà vú non se notaba unicamente no peche do Salón Teatro, senón que se apropiou de todo asemblea e en cada un dos puntos que se trataron. Os recortes, o soterramento de fondos no Gaiás, as dificultades laborais, a falta de diálogo, a redución das subvencións, os atrasos nos pagamentos, a parálise, a desaparición de programas como Camiños da Cultura… Todos eses temas son os recorrentes nas reivindicacións dun sector que se sente afogado. Afogado si, mais non principalmente polas tesoiradas. É a falta de estratexia no que se resume todo os males, amplos e variados, da profesión. “Falta un plan, unha estratexia. O problema non son recortes, é cuestión de prioridades, en que se gastan os cartos que hai. Faltan obxectivos”, sinalou Salvador del Río ao comezo da asemblea aberta.
Nesa falta de estratexia resúmense gran parte dos problemas coa Consellería de Cultura. Un bo resume do feixe de problemas que o sector das artes escénicas vén denunciando nas protestas do último ano, deixando ás claras, unha vez máis, a sensación de déjà vú. Unha sesación de xa vivido, Esa sensación de xa vivido, de xa falado, de xa protestado… pero de nada arranxado. Todo segue igual, poñendo de manifesto dúas situacións evidentes. A primeira, que a administración continúa sen ter unha estratexia nin conseguir un diálogo fluído co sector, un diálogo que se foi deteriorando na anterior lexislatura e que foi a peor trala marcha do ex conselleiro Roberto Varela. A segunda situación pertence á propia profesión, aos profesionais do sector escénico que, polo momento, aínda non foron capaces de visibilizar os seus problemas ante a sociedade nin avanzar nas súas reclamacións.
E diso tamén se falou na asemblea, algo de autocrítica se realizou sobre a estrutura da Plataforma e os conflitos de intereses que se podían xerar entre as diferentes asociacións. Ante iso, o intérprete Antonio Durán Morris, ex presidente da AAAG e membro da súa actual directiva, respondeu coa natureza propia do colectivo. “A Plataforma non ten medios, a nivel de estrutura non está definida. E as asociacións tamén lles custa manterse agora mesmo”, admitiu Morris quen, pola contra, tamén destacou a relevancia da plataforma ao asegurar que aglutina a moitos profesionais, “xunta a moita xente por riba dos seus intereses particulares”.
Morrer aos poucos
Pese as eivas recoñecidas da propia Plataforma, os asistentes si viron nela un instrumento para denunciar a asfixia do sector e para pelexar ante o mirrar do sector. “Hai dúas formas de morrer. Morrer aos poucos, en silencio, ou demostrar que estamos a morrer e que importa. Hai que loitar coa morte non visible”, proclamou Morris. Para evitar o colapso silente, os asistentes discutiron diversas fórmulas para reivindicar a profesión escénica. Houbo quen propuxo unha programación de protestas constantes ás portas do Salón Teatro. “Sistematizar a toma das rúas”, resumiu Gustavo Pernas, quen apostaba por facer actuacións de denuncia nos espazos públicos próximos ao Salón Teatro. “Quizais como aos luns ao sol, todos os luns ás doce”, propuxo. Rosa Álvarez, pola súa banda, recuperou a idea de ler un manifesto en todas as actuacións que se leven a cabo en Galicia, tal e como se fixera na última Feira das Artes Escénicas, para concienciar o público. Outros, como a cantante Mónica de Nut e a intérprete Belén Constenla, apostaron por unha maior contundencia ante a situación e a falta de diálogo. “Temos que facer ruído, todos os colectivos están na rúa e facendo moito ruído e nós estamos calados”, lamentou a intérprete.
Todas esas ideas quedaron no seo da asemblea, listas para madurar e ir saíndo en próximas intervencións nas que se busque a visibilidade. Como primeiro paso, os asistentes decidiron desenvolver un xesto simbólico xusto no Salón Teatro. Unha toma simbólica do balcón da sede do Centro Dramático Galego e pendurar a pancarta en contra do Desmantelamento. O actor Morris chamou por teléfono aos responsables do centro para pedir unha vez máis que abriran a porta, mais unha vez máis atopáronse coa negativa. Polo tanto e como “un mínimo símbolo de desobediencia”, decidiuse que un compañeiro subise ao balcón e colgase o cartel, a denuncia escrita do “desmantelamento da cultura”.
Fonte: Praza