As compañías de teatro claman pola apertura da rede galega de teatros e auditorios

Xa caera o pano, xa foran os aplausos, pero Cándido Pazó volveu saír a escena despois de noventa intensos minutos de traballo para contarlle ao público que a Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA) estaba pechada. Iso significaba que moita “xente de moitos e pequenos pequenos concellos” non poderían gozar do que eles acababan de ver. Era das poucas veces que se facía partícipe directamente ao público dunha situación da que levan alertando os profesionais na presentación de cada espectáculo: o peche dunha rede vital para a cultura galega.

“Non pode ser que un teatro feito con cartos públicos, agora nos trate con criterios de mercado” aseguraba Cándido Pazó na presentación en Santiago de “Decamerón”. O sector quere deixar claro que “non se trata só das nosas funcións senón tamén do acceso á cultura do público” tal e como aseguraba Eduardo Alonso na presentación de Linda&Freddy ilusionistas, un espectáculo sobre o esmorecemento dunha compañía que buscaba unha solución a tempos de crise económica. Foi na presentación doutro espectáculo O refugallo, unha coprodución entre Berrobambán e Bichakadela, cando Chiqui Pereira explicou que entendían as restricións orzamentarias en tempos de crise pero “os cartos dos que se dispoñan que se faga con cabeza”. Na súa opinión non era posible que se creen premios teatrais que non se poden publicar nin tampouco representar porque “nos estamos a quedar sen escenarios para poder facelo” explicou.

Non son peticións illadas, o sector está unido nesa mesma queixa. A Plataforma das Artes Escénicas improvisou unha protesta este luns, ás portas do Salón Teatro logo de que a secretaría xeral de Cultura non lles responderá a unha petición para poder celebrar unha asemblea no seu interior. Entre as súas peticións figuraba a necesidade de redactar un plan para as artes escénicas e a apertura inmediata deste circuíto de exhibición que cofinancian as administracións autonómicas e locais (con porcentaxes que van do 50% ao 60% en función do tamaño do concello).

Pero que a rede estea pechada a día 30 de xaneiro non só afecta ás compañías, senón tamén a xestores e programadores. Víctor Carou, director-xerente do Auditorio de Galicia confirmaba que ten contratos paralizados á espera do que acontece coa Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGT). “Non podemos seguir adiante con algúns contratos mentres non saibamos o que pasa coa rede” apuntaba.

No entanto, desde a consellaría de Cultura, Educación e Ordenación universitaria respostan cun “proximamente” cando se lles pregunta polo prazo de apertura da rede de teatros e cando se nomeará a persoa responsable de dirixir a Axencia Galega das Industrias Culturais.

As fórmulas
Mentres se resolve a apertura da rede hai numerosos centros e espazos que están a continuar coa súa actividade de divulgación cultural. E nesa liña tamén se aprecian diferenzas. A Pazó chegaron a pedirlle cartos por poder actuar nun espazo, en lugar dunha contratación habitual e aínda que despois “houbo bo entendemento, a proposta inicial estaba aí, coma se fósemos unha empresa comercial e creo que cómpre saber distinguir o que é cultural do comercial”.

As fórmulas de xestión máis habituais son: a contratación da empresa en función do caché do seu espectáculo ou deixar o espazo aberto e que sexa a venda de entradas (o despacho de billetes) para a compañía. Ante a escaseza de cartos esta é a fórmula pola que moitos xestores están a empregar. É o caso, por exemplo, do Salón Teatro que mantén a día de hoxe unha programación estable grazas ao empeño do seu responsable, Manuel Guede. Son as vendas de entradas os ingresos deste espazo, que mantén un volume de actividade mesmo superior ao doutros anos. Detractores do modelo a despacho de billetes para proxectos culturais, critican porque descarga todo o risco na compañía e que alertan da supresión de espectáculos. Carou desmitifica un pouco este temor ao asegurar que “en todo 2012 só houbo unha compañía que decidiu suprimir o seu espectáculo ao non vender un número suficiente de entradas”.

En concellos como o de Santiago altérnanse as dúas fórmulas. “Temos espectáculos a caché e outros a billetes, case podemos dicir que metade e metade” aseguraba Víctor Carou que establecía que as modalidades “dependen de cada caso, do tipo de espectáculo, da súa produción, das nosas liñas de traballo, de se ven en xira ou non…”. O concello manexará un orzamento de programación para este ano de 800.000 euros, unha cifra inferior ao do ano 2012 que o obrigará a buscar novas fórmulas. Precisamente neste sentido, na xestión de Carou destaca a busca de vías de colaboración entre entidades, que poidan traballar xuntas e sen que iso implique sempre unha dotación económica. O exemplo máis notorio disto é o acordo con A regadeira de Adela, unha casa de microteatro co que se chegou a un acordo para facer pequenos pases de microteatro de obras que logo se representarán no Teatro Principal. Unha iniciativa piloto que Carou explica que naceu cun obxectivo concreto como é a “necesidade de buscar fórmulas para volver aumentar o público do teatro galego, ou de propostas máis alternativas”. Carou considera que cun só pase é cedo para auditar os resultados pero valorou como “moi positiva” as primeiras impresións.

No fondo, son formas e fórmulas que se adoptan ante as baixadas orzamentarias e circunstancias administrativas de xestión. As compañías xa se están preparar con reducións dos orzamentos, dos cachés, do número de actores das súas propostas, da previsión do número de funcións….“arriscar só os salarios dos donos da compañías” ten afirmado Eduardo Alonso en numerosas ocasións ante o drástico cambio de orientación da súa compañía. Ou fiel á súa fórmula como di Cándido Pazó: “cando pasen este malos ventos, que pasarán, eu seguirei a facer este mesmo tipo de espectáculos”.

Fonte: Culturagalega