As editoriais galegas reducen a publicación de libros en papel e aumentan a súa oferta en internet

O mercado do libro en Galicia tivo en 2012 un annus horribilis, coas expectativas de que este 2013 vai ser “duro” co risco de pechadura para algunha empresa. A cifra de títulos editados o pasado exercicio, facilitada onte pola Federación de Gremios de Editores de España en base ás altas do ISBN, non podía ser peor. Nun só ano, entre 2011 e 2012, a cifra de títulos editados caeu un 27%, máis da cuarta parte. En cifras absolutas, trátase de 800 menos, unha baixada cualificada como “espectacular” por Manuel Bragado, editor de Xerais e presidente da Asociación Galega de Editores; e de moi grande por Xosé Ballesteros, de Kalandraka.

O mazazo destes últimos resultados foi contundente ao pasar dos 2.996 títulos editados en español e galego na comunidade durante 2011 aos 2.190 do pasado ano. Destes, editáronse en galegos 1.855 en 2011 e 1.340 o pasado ano, cun baixón de case o 28%.

Ballesteros recoñecía que a súa “percepción como lector” era que se publicaban “excesivos títulos” en Galicia. “O mercado está cada vez máis constrinxido. Pódese publicar moito, si, pero o número de lectores non aumenta, polo que hai moitas obras imprescindibles”.

No entanto, desde a editorial que dirixe Ballesteros, Kalandraka, apostouse por publicar o mesmo número de títulos en 2013 que en 2012, ao redor de corenta. Noutras empresas non será así. Bieito Ledo, de Ir Indo, adiantaba onte que no presente exercicio vanse publicar menos libros e con menos tirada. Dúas razóns importantes facilitou este home dedicado ao mundo do libro desde que en 1975 chegou a Vigo. Por unha banda, “o libro non é un produto imprescindible como o pan ou o leite para subsistir”. Por outra, as novas tecnoloxías afectan “poderosamente”, xa que internet ofrece gratis parte dos contidos de libros como dicionarios ou enciclopedias.

Para Ledo, internet aínda non é unha solución para o sector xa que o investimento que realiza un editor para un libro electrónico non se cobre aínda. No entanto, desde Ir Indo esperan atopar na Rede un respiro para seguir loitando. O seu proxecto é lograr un convenio coa Administración autonómica para que a súa Enciclopedia Galega Universal -na que investiron oito anos de traballo- e o seu dicionario sexan de acceso gratuito para todos. Na actualidade, son utilizadas de forma libre pola Administración, centros educativos e bibliotecas galegas.

Para rematar, Ledo criticou a caída da compra de libros da Xunta e o Estado ás editoriais para dotar a bibliotecas e colexios.

Fonte: Faro de Vigo