As feiras do libro renóvanse e chegarán cun novo formato e actividades
“Necesitábase un cambio total nas feiras”. Así de claro se expresaba esta mañá Antón Pedreira, vicepresidente da Federación de Libreiros. E o cambio chega este ano. O traballo destes negocios en colaboración con editores e escritores deu nun novo modelo de feiras que percorrerá a xeografía galega esta primavera e durante o verán chegando a 11 localidades. Este ano recupéranse para a cita literaria Foz e Monforte, que caeran no calendario de 2012, incorpórase Rianxo e volta, logo dunha longa ausencia, Pontevedra.
A presidenta dos libreiros, Pilar Rodríguez, salientou que en 2013 a cita contará cun novo deseño de casetas e unha distribución que busca crear un espazo acolledor para os visitante. Un espazo de lectura e préstamo de libros para os máis novos, maior presenza do libro galego, unha caseta Outlet con material rebaixado das librarías participantes, un pregón máis dinámico e un espazo físico para os editores e institucións sociais son algunhas das novidades que se adiantaron esta mañá, complementadas coa existencia de wi-fi en todo o recinto da feira e cunha web propia para cada cita.
Unha das novidades máis destacadas é que será a propia Federación de Libreiros quen se encargue da programación do evento. “Queremos implicar colectivos locais que nos axuden a detectar necesidades culturais específicas en cada lugar”, explicou a presidenta dos libreiros. Ademais, buscarase un lema que lles dea continuidade ás diferentes citas.
Segundo destacou Rodríguez, coas novidades para esta edición quérese recuperar a participación tanto de libreiros como de público, que, “estaba a descender de edición en edición”. Tanto ela como Pedreira destacaron a importancia que ten esta cita para chegar a un público que non é habitual das librarías e o atractivo que teñen os descontos para os compradores.
Segundo lembrou o conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, en vindeiras datas asinarase o convenio polo que o seu departamento fará efectivo o apoio económico a esta iniciativa. En total será un orzamento 120.000 euros, que se sumará ás axudas destinadas á montaxe das feiras.
CALENDARIO DAS FEIRAS DO LIBRO 2013
Ferrol – 20 a 24 de abril
Santiago – 27 de abril a 5 de maio
Lugo – 14 a 19 de maio
Pontevedra – 22 a 26 de maio
Ourense – 4 a 9 de xuño
Vigo – 28 de xuño a 7 de xullo
Rianxo – 25 a 27 de xullo
A Coruña – 1 a 11 de agosto
Vieiro – 13 a 16 de agosto
Foz – 17 a 20 de agosto
Monforte – 22 a 25 de agosto
Fonte: Culturagalega