Baía Edicións e Grupo Illa da UDC presenta “Modelos de lingua e compromiso” en A.C. Alexandre Bóveda

Baía Edicións e Grupo Illa da UDC realiza un acto de Presentación do libro “MODELOS DE LINGUA E COMPROMISO, de Xosé Manuel Sánchez Rei (ed.) o mércores día 28 de xaneiro ás 20:00 horas, na A. C. Alexandre Bóveda, en que intervirán Xosé Manuel Sánchez Rei e Xosé Ramón Freixeiro Mato. Estades tod@s convidad@s!

Título: Modelos de lingua e compromiso

Coordinador: Xosé Manuel Sánchez Rei (ed.)

Páxinas: 211

Xénero: Ensaio sociolingüístico

PVP (IVE incluído) en papel: 9,90 €. PVP (IVE incluído) en dixital: 6,50 €


Sinopse:

Modelos de lingua e compromiso é unha reflexión sobre a necesaria vinculación entre calidade do noso idioma e a súa recuperación.

A publicación, coordinada por Xosé Manuel Sánchez Rei, dá acubillo a traballos realizados polas profesoras e polos profesores da Facultade de Filoloxía da UDC  Goretti Sanmartín Rei, Laura Tato Fontaíña, Manuel Ferreiro, Xosé Ramón Freixeiro Mato e o propio Xosé Manuel Sánchez Rei, integrantes, asemade, do Grupo de Investigación Lingüística e Literaria Galega da UDC (http://illa.udc.gal).

O estudo participa no debate vixente sobre o modelo lingüístico que se debe promover ou sobre se realmente ten sentido falarmos dunha “lingua de calidade”, profundando na necesaria confluencia entre o compromiso real co idioma desde as institucións públicas coa proxección dunha referencia exemplar digna de calidade para o galego.

Por iso, o propio título deste volume colectivo, Modelos de lingua e compromiso, sintetiza con acerto unha das ideas xerais contidas e matizadas en cada un dos traballos desde prismas diferentes, cal é o estreito vínculo entre a implicación coa normalización do galego en todos os ámbitos de uso e a predilección por un modelo lingüístico capaz de o estilizar e de o dignificar; dificilmente se pode pensar nunha restauración social da lingua cando o que se pretende restaurar está fortemente erosionado polo español, cando se confunde autenticidade idiomática soamente con variedades coloquiais ou cando se parece tolerar con certa normalidade, mesmo en ámbitos académicos, inquietantes doses de hibridación con aquela lingua.

Para desenvolver estes puntos de partida, preséntase unha organización das cinco contribucións que avanza do máis xenérico a cuestións máis concretas:

          –   “Lingua oral, calidade da lingua e futuro do galego”, de Xosé Ramón Freixeiro Mato.

          –  “A preocupación por unha lingua oral de calidade: aproximación histórica ao caso do galego nos anos finais do século XIX e nos inicios do XX”, de Xosé Manuel Sánchez Rei.

          –  “Arredor da calidade da lingua no teatro da primeira metade do século XX”, de  Laura Tato Fontaíña.

          –  “Eduardo Pondal á procura do verbo sublimado. Arredor das re-escrituras pondalianas”, de Manuel Ferreiro.

          –   “A estética da seguranza. Lingua e transcendencia en Rosalía”, de Goretti Sanmartín Rei.