Baía Edicións fará entrega do III Premio Fina Casalderrey o próximo 17 de novembro
Baía Edicións fará entrega do III Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade á autora, Marta Lado por A pita xefa. No acto participará Valentín García Gómez, secretario Xeral de Política Lingüística, Belén López Vázquez, directora de Baía Edicións e a autora e gañadora do premio, Marta Lado. Terá lugar no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela o mércores día 17 de novembro ás 12:00 horas.
O Xurado do III Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade estivo formado por Charo Baleirón Soñora, coordinadora do Departamento de Innovación Pedagóxica das Escolas Católicas en Galicia e dos recoñecidos Premios Frei Martín Sarmiento; María Jesús Fernández Fernández, socia fundadora de Gálix, colaboradora de revistas como CLICJ, Revista Galega de Educación, Platero e Criaturas, nas que centra o seu interese na divulgación da literatura infantil e xuvenil; Esther Gómez Suárez, propietaria da Libraría Moito Conto (A Coruña); Ángeles Roca López, Bibliotecaria, actualmente xubilada, gañou o Premio Nacional de Animación á Lectura, pola súa creación do Moucho Leroucho, auténtico dinamizador da lectura e do libro para xeracións de nenas e nenos de Cambre e Tania Vázquez García, profesora de ensino secundario, filóloga, investigadora e colaboradora de diversos plans de lectura e igualdade.
Aberta a plica correspondente, resultou ser a gañadora do premio a obra de Marta María Lado Ínsua, que leva como título definitivo A pita xefa.
O Xurado manifestou, entre outros aspectos, o seguinte:
“A temática axústase estritamente ás bases, criticando os roles de xénero tan asentados na nosa sociedade e loitando contra os estereotipos, cunha historia orixinal, divertida e reivindicativa sen caer en dogmas nin estereotipos.
Enmárcase nun mundo animal-natureza co que é doado que se identifiquen as lectoras e lectores aos que vai dirixida, considerando un acerto o emprego da imaxe do galiñeiro, que ilustra perfectamente as leis que rexen o comportamento dos distintos individuos que o forman, piramidal e dominada polo galo.
Abre a porta a unha mudanza dos comportamentos estabelecidos dun xeito lúdico sen caer no dirixismo e tratando á rapazada con intelixencia. Anima a romper cos esquemas sexistas dominantes, pon de manifesto a utilidade da unión e anima a loitar por un obxectivo igualitario.
O emprego do galego está moi coidado, presentando estruturas e léxico do noso, resultando un texto, fresco, divertido, con musicalidade, conectado con refráns e bastante retranca. A linguaxe é clara e está ben adaptada a primeiras lectoras e lectores.
Trátase, á fin, dun texto rico en imaxes, o que favorecerá o traballo de ilustración da obra. Ambos rexistros, texto e imaxe, poderán perfectamente complementarse e dar lugar a un fermoso álbum ilustrado”.
A obra será publicada por Baía Edicións en álbum ilustrado a toda cor na colección Contoxconto e a autora recibirá 2 500 € cos que está dotado este premio.
O Premio Fina Casalderrey de Literatura pola Igualdade trátase do primeiro destas características que se convoca en Galicia, xurdido a raíz das carencias percibidas dalgunhas temáticas nos contos infantís, temáticas que poden axudar á construción dun imaxinario en igualdade entre mulleres e homes xa desde a infancia, necesario para un mundo máis xusto.