Baía Edicións participa na Feira do libro de Boloña

Varios editores galegos de literatura infantil (Baía Edicións, Kalandraka, OQO, Nova Galicia Edicións, Ouvirmos e Hércules de Ediciones) participan esta semana na Feira do Libro de Boloña para promocionar as súas publicacións e visualizar o traballo dos seus colegas de todo o mundo, que unha vez ao ano se trasladan á cidade italiana de Boloña para participar na festa do libro infantil e xuvenil máis importante do mundo. O Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o presidente de GÄLIX Francisco Castro, o presidente da AGE, Manuel Bragado e Montse Pena, coordinadora do publicación, presentaron o venres catálogo de dereitos dos libros de infantil e xuvenil publicados en Galicia no ano 2012. Cento corenta e catro títulos de 19 editoras).

A publicación, como recolle Manuel Bragado en Brétemas, “amosa a diversidade e a excelencia acadada pola produción infantil e xuvenil galega”. A pesar da crise, é moi significativo que no pasado ano non se reducise o número de novidades infantís e xuvenís, sinala o presidente do gremio de editores, destacando a redución da tiraxe dos títulos. Asemade, Bragado subliña que é un mérito para os editores galegos que viron como a compra de exemplares para as bibliotecas públicas foron reducíndose nun 60% desde 2009 a 2012.

O libro infantil en Galicia 

Os datos do mercado interior galego no ano 2011 reflicten un 21% dos títulos (en galego o 26,4%), o 21,8 % dos exemplares producidos (en galego 25,8%) e os seus cinco millóns de euros de facturación o 18,6 % das vendas (catro millóns en galego, o que supón o 18,9%). Cifras que amosan unha gran centralidade deste subsector da edición galega que, ademais de supoñer o 27,6% do catálogo vivo do sector (30,8% no caso do libro en galego), ten unha grande potencialidade de proxección internacional -sobre todo da man das editoras especializadas en álbum ilustrado.

Fonte: AGE