Baía Edicións, unha das editoras galegas que representará ao sector do libro na Feira do Libro de Fránkfurt
A edición da Feira do Libro de Fránkfurt contará coa presenza de quince profesionais do sector do libro, representantes das nove empresas que se desprazan entre o 7 e o 12 de outubro á cidade xermana de Fránkfurt onde se celebra o evento do libro máis importante do mundo.
A Consellería de Cultura patrocina o stand galego, realizado pola empresa galega Escenoset, e anunciou a presenza na feira do ilustrador Xosé Tomás. A Asociación Galega de Editores asinou un convenio coa Cámara de Comercio de Santiago para organizar unha visita dos profesionais do sector. Esa colaboración conta co apoio dos Fondos Feder e da parte correspondente de fondos nacionais a través dun convenio entre a organización gremial e a Consellería de Cultura.
Catálogo de dereitos dispoñibles
Os editores e outros profesionais do sector pertencen ás empresas Kalandraka Editora, Nova Galicia Edicións, Ediciones del Viento, KNS Ediciones, Hércules de Ediciones, Ouvirmos, Baía Edicións, Edicións do Cumio, Distribucións Arnoia e a propia AGE, que vén de elaborar un catálogo de dereitos dispoñibles dos editores asociados, publicación que conta con formatos en dixital e papel.
A AGE conta na súa axenda con diversas citas e entrevistas con diversos axentes internacionais do sector do libro.
Fonte: AGE