Baía Edicións vén de poñer en marcha a súa AULA VIRTUAL

Baía Edicións segue innovando no eido da edición e da achega dos seus fondos en versión dixital, desta volta coa creación da Aula Virtual: Plataforma de distribución de recursos didácticos e materiais educativos.

Despois de sermos unha das primeiras editoras galegas en crear unha páxina web interactiva, onde, ademais de proporcionar información sobre os títulos publicados e a visualización das súas novidades mesmo antes da súa distribución e comercialización, se ofrece a posibilidade de comprar os seus fondos na Tenda online Baía. Nesta tenda pódense visualizar as distintas coleccións e os libros que as compoñen, obter información básica de cada un dos títulos: autoría, ilustración, ISBN, páxinas, PVP, comentario da obra, imaxe da capa do libro etc. No caso específico das obras de creación literaria, tanto de adultos como infantil-xuvenil, inclúese un capítulo do libro en formato dixital, co fin de axudarmos aos usuarios da rede e futuros lectores e lectoras a facérense unha idea clara do conxunto da obra, como se se estivese remexendo nas obras que se atopan nas librarías, bibliotecas, espazos de lectura etc.

Ante a demanda de moitos dos usuarios e das usuarias da nosa páxina web, nace en 2011, Espazo editorial Baía, onde se incorporan diariamente novas relacionadas coa actualidade editorial e cultural galega.

Ante o aumento da demanda da información e da necesidade de ofertarmos espazos de participación, materiais e formatos de edición, Baía Edicións  decide ampliar a súa web e crear nela novos espazos onde incorporarmos artigos, recensións, imaxes, vídeos etc. Como consecuencia deste esforzo, xorde un espazo interactivo, onde a editora, os autores e as autoras, colaboradores e calquera persoa que o desexe poden compartir a súa opinión sobre os artigos e informacións que se propoñen como obxecto de debate. Neste novo espazo incorpóranse, á súa vez, varios apartados independentes como os orixinais Xuntanza de escritoras e Encontro coa natureza, que acompañan o xa existente de Novas sobre a actualidade e unha a galería de imaxes e vídeos:

>      En Xuntanza de escritoras son as escritoras as auténticas  protagonistas, incorporando artigos, recensións, notas, relatos etc. Con este faladoiro virtual buscamos que as escritoras falen do seu papel na sociedade, de como ven a literatura…

>       En Encontro coa natureza procúrase achegar a natureza e a súa problemática a todo o mundo (nenos, nenas , adultos, especialistas etc.), incorporando informacións, novidades, recensións de publicacións temáticas, calendario de conmemoracións e actividades dos grupos ecoloxistas e naturalistas, artigos de opinión, consellos medioambientais etc. É dicir, un espazo aberto a cada vez máis amplos sectores da sociedade galega interesados polo medio natural e preocupados pola súa degradación.

Finalmente, e co obxectivo de complementarmos os materiais didácticos e textos dirixidos aos niveis educativos de secundaria e bacharelato, Baía Edicións decide crear a Aula Virtual, proxecto que nace coa idea de facilitarmos tanto ao profesorado como ao alumnado todos os recursos didácticos e materias educativos dos que se dispón de cada un dos libros de texto publicados na actualidade.

A Aula Virtual conta cos libros dixitais de Sociais de 1º e 2º de ESO, dirixidos tanto ao alumnado como ao profesorado, e desde a cal se poden adquirir.

Asemade, desde esta plataforma poderanse descargar tanto o Proxecto curricular establecido e a Programación proposta para cada unha das disciplinas como materiais complementarios de axuda ao profesorado no seu labor didáctico e pedagóxico diario nas aulas tan só co seu rexistro  (http://aulavirtual.baiaedicions.gal/usuario/rexistro).

Defendo o carácter activo da Aula Virtual, Baía Edicións irá incorporando progresivamente novos materiais e recursos que fagan dela un espazo referencial no mundo virtual da edición en galego.

E, como non podía ser doutro xeito, Baía Edicións tamén participa das redes sociais a través do seu Facebook, Twitter e Canal en Youtube.