Baía Edicións viaxa a Liber

A Feira Internacional do Libro, que nesta edición se celebra en Barcelona, terá lugar entre os días 3 e 5 de outubro. LIBER é unha feira con carácter profesional que promove a Federación de Gremios de Editores de España e que se organiza alternando  a sede anualmente, nunha convocatoria en Madrid e noutra en Barcelona. Este ano LIBER regresa a Barcelona, organizada pola FIRA, para celebrar o seu 36 aniversario e con Cuba como país convidado. Esta convocatoria suporá o maior encontro internacional do libro en español, con capacidade de ofrecer oportunidades de negocio ás principais empresas editoriais.

A cita, consolidada como primeira mostra dedicada ao libro en lingua española en Europa e como principal centro de negocio e intercambio profesional, está aberta a todos os sectores do libro, con especial atención aos contidos dixitais, ás novas editoras, á autoedición e á propiedade intelectual.

LIBER 2018 visualiza a innovación, a produción e a internacionalización da industria do libro. A dixitalización, a relación co mundo audiovisual, a autoedición e a mellora das vendas serán os principais retos da edición deste ano.

O sector editorial galego contará con stand coexpositivo, entre  a AGE e a Consellaría de Cultura e Turismo, da Xunta de Galicia, para amosar as súas novidades, manter acordos e intercambios comerciais. Ademais, as editoras asociadas Kalandraka Editora e Edicións do Cumio-Arnoia Distribuidora, contarán con espazo propio.

As editoras asociadas á AGE, Alvarellos Editora, Hércules de Ediciones, Edicións Laiovento, Kalandraka Editora, Baía Edicións, Edicións Xerais de Galicia, Edicións do Cumio e a Editorial Galaxia desprazaranse á feira entre os días 3 e 5 de outubro e ademais dotarán de novidades o stand galego na feira xunto con Nova Galicia Edicións, Oqueleo (Edicións Obradoiro) e Edicións Embora.

Fonte: AGE