Biblos completa o círculo cunha libraría en Betanzos

Coa inauguración dunha libraría en Betanzos, o proxecto Biblos completa o proceso arredor do libro cando cumpre dez anos de historia. O proxecto ideado por Carmela González e Tucho Calvo desenvolve liñas de apoio á creación, edición, distribución e agora venda directa coa nova libraría na zona histórica de Betanzos.

O proxecto que naceu con sede en Mandaio hai dez anos conta xa cunha libraría con salón de actos na zona vella de Betanzos. A iniciativa que naceu centrada na distribución da produción editorial galega e portuguesa chega a súa primeira década co desenvolvemento dunha liña de acción máis, a venda directa a través da libraría “Biblos”.

A nova libraría conta cun salón de actos para unhas corenta persoas, espazo que queren converter en referencia cultural non só para a venda de libros, senón pola actividade que se xere arredor deles. Desde obradoiros, cursos, conferencias ou presentacións. Biblos será entón un proxecto completo arredor do libro, con pés na creación, na edición, na distribución, na venda por catálogo e directa, e tamén na promoción pública.

Con arredor de 2000 persoas asociadas que teñen noticia puntual das novidades editoriais, cinematográficas e musicais non só da Galiza. senón tamén de Portugal. Da man de Tucho Calvo e Carmela González naceron tamén os Premios biblos, que teñen vontade de incentivar a nova creación literaria e que contan entre os seus gañadores con Alberto Ramos, Berta Dávila ou Iria López.

Como editorial, Biblos suma arredor de cen libros, a metade da inicial colección Mandaio, algúns deles de inusual éxito, como o infantil Verdedades, de Yolanda Castaño, ou Infiltrados, a recente novela de Afonso Eiré. A liña é dunha editorial xeralista, inaugurada na colección Mandaio, con especial atención á literatura para as crianzas.

Fonte: Sermos Galiza