Campaña de animación á lectura para promover o emprego do galego coa colección ‘Queremos saber’
A Secretaría Xeral de Política Lingüística e Baía Edicións iniciaron en El Puerto Centro de Ocio unha campaña de animación á lectura para promover o emprego do galego entre os máis pequenos a través dun programa de contacontos e obradoiros baseados na colección de libros infantil Queremos saber, escrita por Teresa Sabaté e ilustrada por Carme Solá. Dirixida a rapaces de máis de 4 anos, a campaña tivo unha duración de mes e medio (todos os venres e sábados ata o 15 de novembro ás 18 horas) e tivo como eixo as aventuras de dous irmáns, Alba e Xaquín, que son moi curiosos e queren saber de todo: as distintas formas de obtención do pan, o leite, o azucre, o mel, o aceite, o sal e o viño, desde a súa orixe, pasando pola súa transformación até que chega ás nosas mesas.
Cunha duración que rolda as dúas horas, os monitores encargados iniciaron cada unha das sesións cunha presentación dos personaxes protagonistas e deseguido dase paso ao apartado do contacontos do capítulo no que se centre esa fin de semana, apoiándose sempre en elementos que fagan amenas estas sesións, como teatriños ou figuras. A continuación comeza o apartado de obradoiros con actividades que pretenden ser sinxelas ao mesmo tempo que creativas e que fomentarán a interrelación entre os pequenos a través de simulacións e outras accións, relacionadas co capítulo do día. Deste xeito, os pequenos poden facer con materiais de refugallo alimentos, aprenden a elaborar unha felicitación, un libro ou receitas de cociña entre outras moitas actividades. Ao final das sesións, os monitores entregan a cada rapaz un exemplar do libro que corresponda ese día e unha camiseta identificativa da campaña.