Cando a nosa historia é cousa da xente
A Comunidade de Montes de Mougás, sen a axuda do concello, impulsa un proxecto de arqueoloxía social no que traballa a empresa Rock Art Conservation S.L. e a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia.
Os visitantes xa poden disfrutar dun espectacular castro e varias estacións de petróglifos.
Hai un país oficial que vive de costas as súas riquezas patrimonias, un país que se fixo ao longo da historia e que é o que é grazas os pobos que nel se asentaron e que moldearon a súa cultura. Ese país, lonxano, oculto, disque no fin do mundo, chámase Galicia e, desde hai anos ve como durmen, cando non son destrozados, os seus máis preciados bens, os que levan o seu ADN e que se configuraron durante centos e milleiros de anos.
Pero, como en todo conto, sempre hai heróes e antiheróes. Uns que loitan contra o esquencemento e os outros que queren borralo ou, cando menos, ignoralo. Os protagonistas deste conto están na Mariña, en Mallou (Carnota), no Alto Támega, nos fermosos edificios románicos de Lugo ou Ourense e tamén en Oia. A todos eles os une o seu amor polo país, polos alicerces da súa cultura e polo coñecemento do pasado para poder actuar no presente e mellorar o futuro.
E os cartos públicos?
Hai algúns anos había cartos públicos. Algúns viñan de Europa, outros da Xunta, e os menos da deputación ou do concello de turno. Entón se utilizaron eses cartos para obras faraónicas, como a Cidade da Cultura, ou para parques arqueolóxicos que aínda non están rematados. E outros, que non foron poucos, utilizaronse para pagar favores e facer obriñas en forma de roteiros artificiais, restauración de muíños ou áreas recreativas que hoxe xa son case ruínas esquencidas.
Agora, o argumento oficial é que non hai diñeiro, ese que antes corría coma fervenzas polos catro recunchos do país e, por iso, son moi poucos os proxectos arqueolóxicos sustentados cos cartos de todos. Pero ante ese esquencemento oficial, xurdiu neste país chamado Galicia un novo exército de xentes armadas de razón, corazón e, sobre todo, vontade, para evitar que ese ADN desapareza.
En GC xa temos falado destes pequenos e grandes homes e mulleres que loitan só polo amor do seu país; dos proxectos do Sorriso de Daniel, dos de Mariña Patrimonio ou dos proxectos arqueolóxicos de Mallou ou o Alto Támega, entre outros. Agora, un deses pequenos exércitos de xente vondadosa e loitadora está en Oia. Alí levan traballando desde a pasada semana cóbado con cóbado, estudantes, profesionais do mundo da arqueoloxía e veciños da comunidade de montes de Mougás.
Veciños, profesionais e voluntarios
Precisamente, foi esta entidade e a carraxe do seu presidente, a que recuperou un dos máis fermosos castros deste concello miñorano; o da Cabeciña, en Mougás. Puxeron cartos do seu peto para que un grupo de voluntarios e de arqueólogos traballen na limpeza e recuperación deste espazo arqueolóxico no que hai un imponente castro e varias estacións de petroglifos, algúns, únicos en Galicia.
E alí, nesa “cabeza” de terra, elevada máis de 150 metros por riba do mar, andan estes días estudantes, profesionais e veciños coma Jose, Floren, Luis, Enrique e Cesario, da comunidade de Montes; María, Natalia e Carmen, da empresa RAC- Rock Art Conservation S.L. ou Álvaro, profesor da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais coas súas estudantes voluntarias Rocío, Sandra, Natalia e Carmen.
Grazas a ese traballo conxunto conseguiron que o que era un espazo case perdido e esquencido no alto do monte de Mougás volva, agora, a recuperar o seu esplendor de antano. A limpeza das estruturas sacou a relucir varias estacións de petróglifos, algúns case únicos en Galicia, en forma de media espiral, e uns foxos e parapetos propios dunha impoñente fortaleza castrexa.
Fonte: Galicia Confidencial