Cans leva unha selección de curtas e clips galegos ao Festival de Douarnenez, na Bretaña
O Festival de Cans segue a promover as curtametraxes galegas máis aló da parroquia que lle dá nome e dos días nos que se celebra. Algunhas das pezas máis destacadas que pasaron polo festival este ano poderán verse as próximas semanas en cidades e vilas de Galicia e doutros países, nun circuíto de proxeccións que comezou a finais de xullo e que terá como próxima parada o Festival de Cinéma de Douarnenez (Bretaña), un dos máis antigos de Francia.
Cans mantén o seu esforzo por difundir as curtas galegas dentro e fóra do país, polo que este verán renova Cans Itinerante, o seu circuíto internacional de proxeccións. Iniciouse o 24 de xullo no Festigal en Santiago de Compostela, continuou o 6 de agosto en Caminha (Portugal) e o 17 deste mes en Riós (Ourense), como parte da programación do Festival das Artes Escénicas Abelardo Gabriel.
No Festival de Douarnenez
A próxima parada é mañá xoves 23 de agosto dentro da programación da 35ª edición do Festival de Douarnenez (Bretaña, Francia). O coñecido como festival das minorías dedica esta edición ás cinematografías e as culturas de Galicia, Euskadi e Cataluña. Na representación galega, que inclúe varios filmes e conferencias con personalidades salientables da nosa cultura, reserva un espazo destacado para o Festival de Cans.
Alí se proxectará o making of da edición 2011, as curtametraxes Estereoscopía, de Xacio Baño; Percebeiros, de David Beriáin; O xigante, de Luis Matta e Julio Vanzeler; e Mr Bear, de Andrés Rosende; ademais dos videoclips “Puerto del Sonido” de Mullet e “Un piatto” de Banda Crebinsky. Unha escolma que inclúe ficción, animación, documental e vídeos musicais para amosar nunha sesión de algo máis dunha hora a diversidade da produción audiovisual galega en formato curto. Proxectaranse este xoves ás 14:30h na sala MJC da cidade bretoa, onde se volverán pasar o sábado ás 11h.
Ourense e outras paradas
A seguinte cidade á que chegará Cans Itinerante será Ourense. Este venres 24 ás 23h na praza de San Martiño, o Festival de Cans será protagonista da penúltima sesión do ciclo “Baixo as Estrelas”, organizado polo Festival Internacional de Cine de Ourense. Alí poderase ver o palmarés completo da última edición de Cans. Logo as curtas estarán no 26º Festival da Poesía do Condado, o 31 de agosto en Salvaterra de Miño. A partir de setembro están previstas novas proxeccións en Vigo e Lisboa, entre outras localidades.
Desde a segunda edición, o Festival de Cans organiza cada ano este circuíto internacional de proxeccións que buscan levar a novos públicos as curtametraxes galegas exhibidas en Cans. Neste tempo as curtas xa chegaron á maior parte das cidades e moitas das vilas de Galicia, ademais das principais cidades da Península: Lisboa, Porto, Madrid e Barcelona, e a países como Inglaterra, Holanda, Bélxica e o Sáhara Occidental, entre outros.
Fonte: Galicia Hoxe