Carme Varela álzase co XXV Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais e Esther F. Carrodeguas e Carlos Losada-Galiñáns, cos XIV Barriga Verde para monicreques
Carme Varela obtivo coa súa obra As desterradas o Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais na edición do seu vixésimo quinto aniversario. O xurado dos galardóns literarios que a Xunta convoca bienalmente a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) outorgou tamén o XIV Barriga Verde de textos para teatro de monicreques nas súas modalidades para adultos e para rapaces a Esther F. Carrodeguas por República Sideral e a Carlos Losada-Galiñáns por Pois eu!, respectivamente. O XI Manuel María de literatura dramática infantil foi declarado deserto.
O galardón para Carme Varela (Duomes de Arriba, A Baña, 1970) recoñece, en palabras do xurado, o “traballo requintado de preocupación estilística, a súa boa estrutura e a interesante construción dos personaxes que, detrás dunha aparente sinxeleza, amosan unha profundidade psicolóxica que individualiza os conflitos, ao tempo que proporciona unha perspectiva coral dos acontecementos”.
Na súa modalidade para público adulto, o XIV Barriga Verde de textos para teatro de monicreques recaeu en Esther F. Carrodeguas por República Sideral, unha “farsa esperpéntica” que tamén ten unha inspiración histórica. Neste caso, a autora parte dun episodio pouco coñecido da historia de Galicia, como foi a declaración da República Federal Independente da Illa de Arousa durante unhas horas entre o 7 e o 8 de outubro de 1934, e bota man do deostado teatro da cachaporra para propoñer unha reflexión sobre o absurdo da condición humana, a guerra, os enfrontamentos ideolóxicos e as mortes gratuítas.
O xurado salienta o humor deste texto e a boa caracterización dos personaxes, así como a “potencialidade escénica e a súa adecuación á modalidade do premio, cunha estrutura sólida, dinámicas moi áxiles -con concreción dos obxectos empregados nun deseño dos movementos moi limpos- e réplicas sinxelas mais mordaces, polo que resulta idóneo para propiciar un diálogo interxeracional sobre feitos históricos”.
Pola súa banda, o autor e director teatral Carlos Losada-Galiñáns (Cambados, 1966) volve conseguir un dos premios literarios da Agadic, tras ser o gañador en 2008 do Manuel María de literatura dramática infantil por Game Over. Desta volta, obtivo o Barriga Verde na modalidade para rapaces co texto Pois eu!, unha proposta metateatral, da que o ditame subliña a calidade da escrita dramática.
Segundo o xurado, a obra artella diferentes tramas que, con gran sentido rítmico, remiten desde o fantástico nos ecos da tradición artúrica, ata unha sutil sátira política. Ademais, inclúe o tema da identidade de xénero, fuxindo de didactismos e integrándoo no conflito de maneira transversal.
Fonte: AGADIC