Case sete mil mozos galegos, en lista de espera para poder estudar FP

Auxiliar de enfermería e de cociña acumulan máis de 500 cada un

Galicia oferta para este curso case 27.000 prazas de formación profesional distribuídas en 910 ciclos de grao medio e de grao superior. Hai prazas para todos e probablemente haxa centos de vacantes, pero a oferta e a demanda seguen sen atopar o seu equilibrio. A estas alturas, hai decenas de ciclos formativos con lista de espera, aínda que só en trinta se acumulan case sete mil solicitudes. En concreto, e tendo en conta que son cifras provisionais, 6.896. Aínda quedan procesos de adxudicación, pero algúns destes ciclos xa cubriron todas as prazas que ofertaban, polo que é difícil que os estudantes que se acumulan logren entrar no curso que querían.

Os ciclos nos que se rexistra máis demanda varían en canto a temática, en canto á súa implantación en Galicia e en canto ao seu grao de inserción. Por exemplo, auxiliar de enfermería está implantado en 17 centros educativos e 584 estudantes están en espera; mentres que iluminación e tratamento de imaxe, que só se imparte nun instituto, o IES Imaxe e Son da Coruña, acumula 87 solicitudes, e iso que a estas alturas están cubertas as 22 prazas que oferta, 18 mediante acceso directo e catro a través dunha proba. Cociña e gastronomía suma 557 persoas esperando en tan só sete centros.

Solicitudes repetidas

Desde a Consellería de Educación aclaran que nesta lista de espera pode haber alumnos repetidos porque solicitaron praza en máis dun ciclo, o que fará que se reduza a listaxe definitiva. Outro motivo polo que pode decrecer o número de peticións é porque alumnos que si tiñan praza renuncien a ela -por exemplo, porque acceden a unha carreira universitaria-. Dentro destes ciclos máis demandados hainos de familias dispares, como actividades físicas e deportivas; comunicación, imaxe e son; hostalería e turismo; imaxe persoal; industrias alimentarias; sanidade, ou servizos socioculturais á comunidade.

“Centros que separan.Dentro da lista de espera que publica a Consellería de Educación inclúense colexios concertados, e entre eles o único que practica a educación diferenciada e ten ciclos formativos, o colexio Aloya de Vigo. Unha das críticas máis contundentes tras a sentenza que declara non lexítimo concertar esta educación é que se dese a este centro un novo ciclo superior de integración social, que segundo os sindicatos fora negado a institutos públicos da provincia de Pontevedra. Nas listas provisionais só un alumno está na lista de espera deste centro, fronte aos 96, por exemplo, que ten o centro integrado de FP Ánxel Casal”

A demanda tampouco se corresponde co futuro laboral. Sanidade e imaxe e son son dous das familias con peores resultados no estudo de inserción que realiza periodicamente a Xunta, pero son tamén dúas das áreas onde se concentra máis demanda.

Fonte: La voz de Galicia