BAÍA EDICIÓNS CON VÓS NA CASA

En Baía Edicións estamos convencidas de que a única forma de frear a pandemia en Galicia neste momento pasa polo peche total e limitación de movementos. En consecuencia, non enviaremos libros, xa que pasan por moitas mans durante a viaxe.

Sabemos que todas e todos temos moito que ler ou reler na casa, pero co beneplácito das súas autoras e autores deixamos unha listaxe de títulos a escoller que vos poden axudar a superar o confinamento. Só pedimos que lembredes a súa empatía e fagades un uso responsable destes textos respectando a súa obra, que tan xenerosamente prestaron para a nosa campaña #euquedolendo #baíaconnósnacasa.

Propostas de lectura

Para 4-6 anos:

  • Nube branca quere ser astronauta, de Pablo Nogueira e Manuel Uhía (ilustracións).
    Disfrázate, sopra, canta e salta con esta sinxela historia de superación, solidariedade e empatía, que che axudará a mellorar a pronunciación. DESCARGA.
  • Un día de treboada, de María de Mata e Mariana Riestra (ilustracións). DESCARGA.
    Por que non pode unha muller ser tractorista? Falamos de igualdade, sempre a ter en conta.
  • O dragón comemedo, RuAn (texto e ilustracións). DESCARGA.
    Este conto pode axudar a superar os medos a pequenas e pequenos, nun momento en que senten que algo estraño está a pasar, sen poder saír da casa.

Para 7-8 anos:

Para 9-10 anos:

  • Boa sorte, de María Solar, Arturo Iglesias e Xosé Tomás (ilustracións). DESCARGA.
    Boa sorte tiña moi mala sorte. O primeiro que fixo foi nacer e xa non lle saíu ben, pois naceu de cu. Ciencia e aventura nunha única obra con divertidos experimentos.
  • Moko, Cristina Sáez Cazallas e Fernando Juárez (ilustracións). DESCARGA.
    Moko chegou ao noso planeta en 1998 para alertar os habitantes da Terra dos perigos da destrución da capa de ozono e vivir unha aventura inesquecible.

Para maiores de 12 anos:

  • A herdanza do marqués, de Conchi Regueiro e Noemí López Vázquez (ilustracións). DESCARGA.
    Zoila nin imaxinaba que un sitio como Vilacardoso podía encerrar tantos segredos escuros. Bastante fora con deixar a cidade, as vellas amizades e, sobre todo, a Jonathan.
  • Diario dunha noiteboa, de Jacobo González Outes. DESCARGA.
    Novela negra ambientada en Compostela e no segredo dun grupo de estudantes de universidade que vai ser desvelado no diario do principal acusado da morte dunha moza.
  • Liliput, de Manuel Lugrís Rodríguez. DESCARGA.
    A Coruña como pano de fondo nunha investigación xornalística na que se nos presenta unha época na que todo se desenvolve como un espectáculo de monicreques e onde ninguén pode escapar ao seu destino.

Feliz Día das Bibliotecas

Desde 1997 celébrase o Día da Biblioteca o 24 de outubro, una conmemoración impulsada pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil á que se foron sumando, xa dende hai algún tempo, o propio Ministerio de Cultura e todas as administracións autonómicas. Esta asociación, membro da OEPLI, facilita na súa páxina o cartel e o pregón para esta conmemoración nas diferentes linguas do Estado, obra desta vez do ilustrador Miguel Calatayud e a escritora Gemma Pasqual.

Pola súa parte, o Ministerio de Cultura e Deporte propón este ano 2019 a incorporación do lema “aptas para todos os públicos”, co obxectivo de salientar o papel das bibliotecas na promoción da igualdade de xénero.

As bibliotecas escolares galegas teñen o seu propio lema para este curso 2018/2019, BIBLIOTECA ESCOLAR, VIVEIRO DE CIDADANÍA, que conta cunha imaxe propia creada por Óscar Villán. Os carteis editados con este lema están xa en todos os centros educativos. As bibliotecas escolares están xa en plena celebración do seu día, unha oportunidade para inaugurar novos espazos, abrir as portas á comunidade educativa e presentar ás familias os recursos e as actividades da biblioteca, programar actos específicos nos que lembrar as oportunidades que ofrece a biblioteca para estimular a formación lectora do alumnado e reforzar a adquisición de todas as competencias e contidos incluídos no currículo.

A biblioteca escolar, esa biblioteca pola que pasan todas as nenas e todos os nenos do país, a primeira biblioteca que lles aprende, tamén, a usar as outras, que os pon en contacto con eses outros espazos do coñecemento e do lecer, eses lugares nos que pasan moitas cousas (e todas boas), que son as bibliotecas públicas, eses lugares para a igualdade e a diversidade que son as BIBLIOTECAS.

Baía Edicións celebra este día feliz de contar con moitos dos seus títulos en todas as bibliotecas de Galicia.

O novo proxecto de LINGUA GALEGA e LITERATURA

Baía Edicións e Consorcio Editorial Galego presentan o Proxecto de Lingua Galega e Literatura para a ESO e Bacharelato, baseado na experiencia adquirida na elaboración de recursos para a materia e no Currículo da Educación Secundaria Obrigatoria e do Bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

Informamos da incorporación de recursos web para alumnado e profesorado, na nosa AULA VIRTUAL: http://aulavirtual.baiaedicions.gal/.

Estes recursos web inclúen:

  • Libro para pizarra dixital.
  • Programacion atendendo á nova normativa.
  • Exercicios de reforzo e ampliación.
  • Enlaces web de lingua e literatura.

EDUCACIÓN SECUNDARIA OBLIGATORIA

Autoría: Xoán López Viñas, Cilha Lourenço Módia e María Vilariño Suárez.

Ilustracións: Jacobo Serrano.

Características

Os libros estrutúranse en 12 unidades de 16 páxinas cada unha, o que posibilita traballalos por completo nun curso escolar e deixa marxe para o tratamento polo miúdo dos estándares de aprendizaxe no caso que sexa necesario.

As unidades organízanse como se detalla:

Empezan cunha Lectura de tipoloxía variada, que permiten traballar a compresión. Estes serven, á vez, como desculpa para a Expresión Escrita e a necesaria reflexión sobre o Léxico.

Deseguido, nos apartados de Gramática e de Ortografía profundizamos no código lingüístico para ser quen de utilizalo correctamente, non como un fin en si mesmo, o que poremos en práctica coa Expresión Oral, que merece unha mención especial, como reflicte o Decreto.

Os apartados de Literatura e Lingua e Sociolingüística deben axudar a formar lectoras e lectores competentes e capaces de superar os prexuízos lingüísticos.

Complementamos algunhas unidades con Técnicas de traballo, fundamentais para unha correcta comunicación e uso da lingua.

BACHARELATO

Autoría: Isabel González Avión, Emilio Xosé Ínsua López e Ramón Rocamonde Gómez.

Incorporamos as modificacións necesarias para que o libro do alumnado de 1º Bach. se adapte á nova regulamentación pero, sobre todo, informamos da total renovación da programación e incorporación de novos recursos electrónicos.

Ao igual que ocorre en Secundaria, a nosa proposta editorial atende os cinco bloques que prescribe o currículo, a saber:

Bloque 1. Comunicación oral

Bloque 2. Comunicación escrita

Bloque 3. Funcionamento da lingua

Bloque 4. Lingua e sociedade

Bloque 5. Educación literaria,

Sendo os dous primeiros fundamentais e clave en todo o ensino regulamentado, aínda que explicitados en maior medida na propia materia, conscientes de que non son útiles se se tratan de forma illada, como o currículo recomenda, senón conexionados e abordados desde unha óptica competencial.

Presentación dupla: Modelos de lingua e compromiso e A poesía oculta de Filgueira Valverde

Esta tarde, no marco da Feira do Libro da Coruña presentaremos dous ensaios, Modelos de lingua e compromiso, obra na que  Gorreti Sanmartín, Laura Tato,  Manuel Ferreiro e Xose Ramón Freixeiro, coordinados por Xose Manuel Sanchez Rei, todos  investigadores do grupo ILLA, achegan as súa reflexións sobre a calidade da lingua.

En paralelo Xosé Ramón Freixeiro presenta os resultados da súa investigación sobre a obra  do autor homenaxeado no Día das Letras e desvela a autoría de 2 poemas en A poesía oculta de Filgueira Valverde

De seguro dará para o debate, estades todas e todos convidadas; será ás 19:00

 

 

 

 

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, no acto de homenaxe a María Wonenburger

No seu primeiro acto público como alcalde, Xulio Ferreiro participou na homenaxe que se lle realizou no Paseo da Ciencia do Parque de Santa Margarita á matemática coruñesa nacida en Oleiros María Wonenburger no primeiro cabodano do seu falecemento. No acto estivo acompañado polo concelleiro de Cultura, Deportes e Coñecemento, José Manuel Sande, participaron os científicos Tino Fraga e Ana Tarrío. Foi o 1 de xuño do ano 2011 cando se inaugurou o monolito en honra á matemática galega María Wonenburger coa presenza de María Xosé Bravo.

Ferreiro afirmou que “o alcalde está hoxe onde ten que estar, nunha homenaxe á ciencia, ao coñecemento e a unha das coruñesas máis ilustres”. O rexedor falou, ao igual que Elena Candia, de tradición e memoria, pero dunha memoria e tradición moi distintas: “Hai un día chegamos ao goberno local unha nova xeración; pero novidade non significa que non teñamos memoria. E a nosa memoria ten moito que ver con figuras como a de María Wonenburger, que nos demostra que antes que nós houbo moitos coruñesas e coruñeses que loitaron por un mundo máis xusto”, destacou Ferreiro, que tamén lembrou a faceta “rebelde” da homenaxeada, especialmente pola súa condición de muller, xa que “as mulleres no seu tempo pero tamén agora seguen a ser consideradas intrusas nalgúns ámbitos, sufrindo teitos de cristal que impiden alcanzar as cotas de igualdade que debería haber na sociedade”.

María Wonenburger é unha das protagonistas do libro AS MULLERES NAS MATEMÁTICAS, de Matilde Ríos Fachal, editado por Baía Edicións. Wonenburger foi unha das referencias mundiais no mundo da álxebra, pero a pesar disto e de ter regresado a Galicia xa en 1983, tivo que agardar ata os últimos anos da súa vida para recibir recoñecementos e homenaxes públicas.

Fonte: Praza Pública. Foto: © Concello da Coruña.

Baía Edicións e Rinoceronte Editora presentan con Federico Mayor Zaragoza o Proxecto de Valores Éticos

O mércores 4 de febreiro, ás 09:30 h., no Hotel Finisterre da Coruña, terá lugar a rolda de prensa presentada por Manuel Rodríguez e na que Federico Mayor Zaragoza apoiará o Proxecto de Valores Éticos, libros de texto para a ESO da nova materia do mesmo nome que se está a implantar coa LOMCE, entendida como materia a cursar para quen non opte pola de Relixión; non é, polo tanto, unha materia de carácter universal, malia a súa importancia na formación de persoas responsables como cidadás practicantes da cultura democrática e da paz.

Os textos están elaborados por profesoras e profesores que forman parte do Seminario Galego de Educación Para a Paz (SGEP), coordinados polo seu presidente Manuel Dios Diz e polo profesor e membro tamén do Seminario, Moisés Lozano Paz. O Seminario Galego de Educación Para a Paz (SGEP) é unha  entidade que leva traballando pola Cultura da Paz desde hai 30 anos, con recursos e actividades pensados para aprender a resolver conflitos pacificamente, por medio da palabra, co diálogo, “da man tendida fronte á man alzada” como diría o profesor Federico Mayor Zaragoza, ex director xeral da UNESCO e, na actualidade, presidente da Fundación Cultura de Paz, á que está adherida o Seminario.

Os textos, orientados de forma inequívoca cara á paz e á colaboración, supoñen tamén o nacemento dunha alianza colaborativa entre dúas editoras galegas, Baía Edicións e Rinoceronte Editora, para a edición de libros de textos en galego e pensados desde Galiza, que apostan por un mundo máis xusto e humano.

Participarán no acto xunto co profesor Federico Mayor Zaragoza, os coordinadores do proxecto, Manuel Dios Diz e Moisés Lozano Paz, e os editores Moisés Barcia (Rinoceronte Editora) e Belén López Vázquez (Baía Edicións).

Pontevedra, capital galega no Día do Libro Infantil e Xuvenil

Co título “Cociñando contos” o Salón do Libro Infantil e Xuvenil celebra a edición número XV con grande éxito de público e contidos.

Da importancia do evento son as cifras de máis de 21.000 asistentes nas dúas primeiras semanas.

Cunha xornada especial no Día do Libro Infantil e xuvenil, na que a programación se desenvolveu tamén en centros de saúde e hospitais e co  encontro entre dous dos nomes máis relevantes da literatura infantil e xuvenil, Fina Casalderrey e Xabier P. Docampo nunha mesa coordinada polo tamén escritor e presidente de Galix (Asociación Galega de LIX) Francisco Castro, o Salón do Libro Infantil e Xuvenil conmemora de maneira especial o día no que en todo o mundo se celebra desde 1967 o nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen. A actividades está organizada polo Salón en colaboración con Galix.

Un programa especial dunha edición na que o Salón cumpre 15 anos, convertido en principal encontro da literatura infantil e xuvenil do país e referente tamén máis alá das nosas fronteiras. Desde o 14 de marzo até o 5 de abril, un programa que inclúe exposición e presentacións de libros, obradoiros, contacontos, música ou teatro desenvólvese nun Pazo da Cultura que funciona tamén como obsrevatorio do estado do sector na Galiza.

Cos centros de ensino

Da implicación dos centros de ensino no Salón da conta os máis de 2.500 escolares de primaria participaron nas seis xornadas de mañá e 1.5000 de educación infantil estaban convocados para asistiren á estrea do espectáculo “Martes” de Boabab Teatro. Os obradoiros de tarde, entre eles un impartido polo alumnado do CIFP Carlos Oroza, “Comendo Cores” ou por OQO, “coa comida si se xoga” ou “Do cadro ao prato”, conseguiron tamén que as praza se esgotaran nunha edición na que a cociña está a ser a protagonista.

Un total de 134 actividades arredor do libro infantil e xuvenil da que a Concelleira de Cultura, Anxos Ribeiro destaca “a participación tamén de asociacións e grupos culturais de Pontevedra”, en iniciativas como a da asociación da Rúa Real que engalanou os balcóns con viñetas que van desde Garfield até a sopa de Mafalda, ou a creación de espectáculos pensados no Salón da Orquestra, o Conservatorio oíu o Seminario Permanente de Jazz.

No bico un cantar – As nenas e nenos galegos cantan a Curros Enríquez

Esta actividade que ten como obxectivo trasladar a paixón pola música culta e a poesía galega a escolares de toda Galicia. O ano pasado a Rosalía de Castro, e este ano a Curros Enríquez, No bico un cantar conectará os estudantes co mellor da nosa música e o senlleiro escritor celanovés. O evento conta coa organización do Consello da Cultura e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e a colaboración do Concello de Celanova e Vegalsa-Eroski.

Nas fotos, o director de orquestra e coordinador da Sección de Música do Consello da Cultura Galega, Maximino Zumalave, ensaia e interpreta cos nenos os poemas de Rosalía (edición 2013)

Destinado a Nenos e nenas de 8-12/13 anos.

Músicos
Grupo de metais Hércules Brass (2 cornos, 2 trompetas, trombón e tuba).

Lugar e data
6 de xuño
17:30 horas
Celanova

A Semana Galega de Filosofía pensa na revolución

A revolución será o tema central da XXXI Semana Galega de Filosofía, organizada pola Aula Castelao de Filosofía, que terá lugar do 21 ao 25 de abril. Terry Eagleton inaugurará un encontro que será clausurado por Farruco Sexto Novás e contará coa participación de Santiago Alba Rico, Alba Nogueira, Gerard Mauger, Domenico Losurdo ou Frank Mintz entre outros.

Será do 21 ao 25 no Teatro Principal de Pontevedra onde, como cada ano, se desenvolva o máis relevante foro de pensamento que naceu hai xa máis de trinta anos da man da Aula Castelao de Filosofía. Desta volta, a revolución será o tema central de cinco días de intervencións e debates que inaugurará Terry Eagleton co relatorio “Por que Marx tiña razón”. Gérard Mauger, Domenico Losurdo, Valeriano Bozal e Raúl Fornet completarán o programa das sesións de mañá, agrupadas co título “Reflexións filosóficas a prol da revolución”.

Clausura con Farruco Sexto

Como ven acontecendo case desde o inicio das Semanas Galegas de Filosofía, as sesións de tarde, de 17 a 19:30 hora, resérvanse para pensar arredor de Galiza e, con ese obxectivo foron convidad@s,  Alba Nogueira, para afondar no recorte de dereitos fundamentais e liberdades, Xosé Veiras arredor do monte e a sustentabilidade, Ana Iglesias, cunha intervención arredor da normalización lingüística; María Ruído que presentará unha conferencia sobre políticas e poéticas da resistencia para rematar con Bautista Álvarez e a súa conferencia “Repensar a transición, a Galicia que puido ser”.

As sesións de noite, concibidas cunha maior orientación divulgadora, estarán a cargo de Santiago Alba Rico, Otelo Saraiva de Carvalho e Aurelio Fabiao Ginja. A lección de clausura virá a cargo de Farruco Sesto Novás, poeta galego e político venezolano, a quen Hugo Chávez nomeara ministro de cultura do seu país.

Fonte: Sermso Galiza

Os libreiros propoñen que os contidos dixitais se descarguen nas librarías e se cobren

Os editores cren que debería apostarse por un modelo híbrido no que se combinen os soportes dixitais cos libros de texto. “Non hai ningún sistema educativo no mundo que só use soportes dixitais“, defende o presidente da Asociación de Editores de Galicia, Manuel *Bragado.

Segundo explica, as editoriais traballan xa desde hai tempo en deseñar contidos dixitais, pero advirte que isto “require tempo” e a estas alturas aínda descoñecen os contidos que teñen que desenvolver para o próximo curso tras os cambios introducidos pola nova Lei *Wert.O plan da Xunta para implantar o ensino dixital nas aulas causou sorpresa entre editores e libreiros que mostraron a súa estrañeza polo feito de que a Xunta anuncie que porá en marcha unha plataforma dixital para que os alumnos descárguense gratuitamente o material escolar cando eles aínda descoñecen cales serán os contidos curriculares que a lei Wert obrigará a impartir o próximo curso.

“Nun momento no que temos unha reforma educativa e temos que adaptar os libros de texto e os contidos para 3º e 5º de Primaria que é onde se empeza a aplicar a lei *Wert, cáusame sorpresa que a Xunta anuncie isto”, asegura a presidenta da Federación de Libreiros de Galicia, Pilar Rodríguez.

En canto á implantación de libros electrónicos e a pesar de que isto supón que se venderán menos libros de texto, Rodríguez é consciente de que “os contidos dixitais están aí e non podes ir contra eles”. En todo caso cre que se pode chegar a un acordo para evitar danar ao sector e propón que os contidos dixitais que se usen nos centros descárguense nas librarías e cóbrese por iso, como xa se fai cos libros electrónicos.

Fonte: Faro de Vigo