A colección FABULANDO, de Mon Daporta na Libraría Biblos de Betanzos en Decembro de 2013

O sábado 7 de decembro de 2013 ás 12:00 na Libraría Biblos de Betanzos, Xosé Leis e Isabel Risco (coa Compañía Maquinaria Pesada) fixeron unha representación moderna das tradicionais fábulas de La Fontaine e Esopo. Colección FABULANDO, Mon Daporta.

Chicho Chicharra

O galo Ernesto

O corvo Gundemaro

O sapoconcho Andrés

Presentación de RESINA DE POLIÉSTER, de Correa Corredoira en Monty4

Monty4 e Baía Edicións presentaron o poemario Resina de poliéster, de Correa Corredoira, en Monty4. Arte contemporáneo (Rúa Montroig, 4 –zona Orillamar–) o xoves día 23 de maio, ás 20:00 horas, en que interviron, ademais do autor, Lino Braxe.

Celebrouse unha lectura dos poemas con música de Miguel Ladrón de Guevara (guitarra) e Ismael Berdei (piano). Un acto cheo de forza, paixón, amor,  poesía, música…

Entrevista a CORREA CORREDOIRA no programa Eirado. Para ver o vídeo clica AQUÍ.

 

Entrega do V Premio Meiga Moira a Ana María Galego Gen, por BANDEIRAS NEGRAS

Baía Edicións entrega o V Premio Meiga Moira de Literatura Infantil-Xuvenil 2012. O acto tivo lugar, na Libraría Lume da Coruña (Federico Macías, 3) o mércores día 3 de abril de 2013, ás 12:30 horas,  da obra da autoría da escritora Ana María Galego Gen, titulada Bandeiras negras, e ilustrada por Cristal Reza. No acto, ademais da autora, participou a directora de Baía Edicións, Belén López Vázquez, que se encargaron de facer un achegamento crítico a esta obra.

[nggallery id=30]

Xurado e criterios selectivos:

O Xurado, formado polas escritoras Marica Campo e Andrea Maceiras, gañadora do 4.º Premio coa obra Violeta tamurana, María Dores Fernández López, profesora de Ensino Medio de Lingua e Literatura Galega na Coruña, o ensaísta e profesor da UDC Carlos–Paulo Martínez Pereiro, que actuou de Presidente, e a directora editorial de Baía Edicións, María Belén López Vázquez, como secretaria, reunido o día 21 de setembro de 2012 resolveu conceder por unanimidade o 5º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil-Xuvenil á obra presentada baixo o lema “Mago Chalupa”, na que destacou, entre outros aspectos,  que:

1)      Supón a recuperación para a literatura galega do xénero clásico de aventuras e máis en concreto o da narración de piratas.

2)      Incorpora unha perspectiva nova na voz narrativa feminina dunha escrava negra, reutilizando o recurso clásico da muller transvertida de home.

3)      Dálle nova vitalidade ás personaxes d’A Illa do Tesouro, completando os contornos e a personalidade da figura do John Silver.

4)      Emprega unha lingua axustada, expresiva e rica no desenvolvemento da historia.

5)      Se serve dos mellores recursos da técnica narrativa da page-turner, ao facilitar unha lectura continuada e implicar os lectores e as lectoras no narrado.

Sinopse da obra:

N’A Illa do Tesouro, Jim Hawkins, o narrador, ou Stevenson, o autor, non dan moitos detalles sobre a vida de Long John Silver. Só temos algúns trazos: que navegou co histórico capitán England, ou que está casado cunha muller negra.

Este é o xermolo de Bandeiras negras. Quen é esa misteriosa muller, onde coñeceu a Silver e como chegou a casar con el?

Páxina a páxina, coñeceremos as aventuras da pequena escrava Providence, quen se converterá no mariñeiro Chris e que navegará baixo as bandeiras dos piratas de máis sona: Bonnet, England… e Flint, o temible capitán do Walrus. Providence sabe cal é a vida á que está abocada dende o seu nacemento e será quen de rebelarse contra o seu destino. Non hai moitas oportunidades para as mulleres, e menos para as mulleres negras, no século XVIII. Pero as oportunidades, e a sorte, ás veces chegan andando sobre unha soa perna…

Feira do libro de Boloña 2013

Varios editores galegos de literatura infantil (Baía Edicións, Kalandraka, OQO, Nova Galicia Edicións, Ouvirmos e Hércules de Ediciones) participan esta semana na Feira do Libro de Boloña para promocionar as súas publicacións e visualizar o traballo dos seus colegas de todo o mundo, que unha vez ao ano se trasladan á cidade italiana de Boloña para participar na festa do libro infantil e xuvenil máis importante do mundo.

Os datos do mercado interior galego no ano 2011 reflicten un 21% dos títulos (en galego o 26,4%), o 21,8 % dos exemplares producidos (en galego 25,8%) e os seus cinco millóns de euros de facturación o 18,6 % das vendas (catro millóns en galego, o que supón o 18,9%). Cifras que amosan unha gran centralidade deste subsector da edición galega que, ademais de supoñer o 27,6% do catálogo vivo do sector (30,8% no caso do libro en galego), ten unha grande potencialidade de proxección internacional -sobre todo da man das editoras especializadas en álbum ilustrado.

Presentación na Feira do libro da Coruña d’O ALENTO NAS COSTAS, Natalia Carou

Baía Edicións presentou o día 8 de agosto, na Feira do libro da Coruña O alento nas costas, de Natalia Carou Figueira, que tivo lugar na Carpa da Feira do Libro (Xardíns de Méndez Núñez) ás 21:00 horas, no que interviron, ademais da autora, Julián Hernández (guitarra e vocalista de ‘Siniestro Total’), Xurxo Souto (músico, escritor e divulgador cultural) e Belén López Vázquez (Directora Editorial de Baía Edicións).

O acto de presentación estivo cheo de amigos, curiosos e amantes da literatura. Xurxo Souto fixo unha achega crítica sobre a obra na que só tivo boas palabras tanto para a autora, Natalia Carou (sendo esta a súa primeira obra publicada!) como para a historia, aventura, fantasía… que narra nas 334 páxinas que contén o libro. Julián Hernández tamén participou nesta aproximación crítica sobre a obra comentando que a doble visión que se fai na obra sobre a época Medieval e a actualidade é espectacular. Natalia Carou rematou este acto explicando ao público asistente os motivos que a levaron a facer esta obra chea emoción, aventura, viaxe…

Podes ver e escoitar parte deste acto no canal de Youtube de Baía Edicións.

Presentación na Feira do libro da Coruña ‘Os cogomelos na cociña e outras cousas’

Baía Edicións presentou na Feira do libro da Coruña Os cogomelos na cociña e outras cousas, de Xosé Manuel Fernández Costas, Pedro Roca e outros, que tivo lugar na Carpa da Feira do Libro (Xardíns de Méndez Núñez) o luns día 6 de agosto, ás 19:00 horas, no que interviron o autor Xosé Manuel Fernández Costas (coordinador), Paco Bernabeu e Belén López Vázquez (Directora Editorial de Baía Edicións).

Os cogomelos na cociña e outras cousas é unha singular achega á literatura gastronómica. Atopamos pratos que podemos encadrar na ‘nova cociña’ e outros que adaptan receitas tradicionais, convertendo os cogomelos habitualmente, tratándose tanto unhas como outras de composicións innovadoras.

Un libro cheo de condimentos!

Presentación de O ALENTO NAS COSTAS en Boiro

Emotiva presentación en Boiro de O alento nas costas, de Natalia Carou Figueira na II Romaría das Letras (Pazo de Goiáns – Boiro).

O acto tivo lugar o xoves días 17 de maio, ás 16:30 horas, no marco da II Romaría das Letras no Barbanza, no que interviron, ademais da autora, Xesús Laíño (Presidente de Barbantia) e Belén López Vázquez (Directora Editorial de Baía Edicións).

En colaboración coa Asociación Cultural Barbantia, o 17 de maio presentamos o libro de Natalia Carou na II Romaría das Letras nun emotivo e reinvindicativo acto festivo no que abondaron as referencias aos antergos, coa lectura de poemas do avó de Natalia e de Celso Emilio, e no que tamén recordamos a Rosalía, Castelao e, por suposto, a Valentín Paz Andrade, todo co trasfondo común da defensa e exaltación da nosa lingua.

Ao fondo soaban as gaitas e as pandeiretas de romeiras e romeiros que axudaron a dar calor na tarde fría de maio.

Unha fermosa celebración!

Presentación de ‘O penalti de Fuco’ en Chantada

O escritor e xornalista chantadino Afonso Eiré presentou na súa vila natal (Chantada, 2012) -no Círculo Recreativo e Cultural, ás 20.30 horas- a súa nova novela, O penalti de Fuco, na que explora o mundo do fútbol. Neste acto contouse coa presenza de Xosé Manuel Rodríguez Aguiar (directivo da S.D. Chantada), Kiko Novoa (xornalista da Radio Galega) e Patricia Gómez Uzal (coordinadora editorial Baía Edicións).

A novela é, ao tempo, un ensaio literario sobre o mundo do fútbol, no que se pon de relevo como unha actividade deportiva devén en fenómeno que traspasa a barreira do puramente deportivo para constituírse nunha auténtica manifestación cultural que abarca os campos da literatura, da filosofía, das artes plásticas etc alí onde é considerado o “deporte rei”, e un traballo de investigación xornalística, no que se incide especialmente na transformación dun deporte nunha mercadotecnia posta ao servizo dos intereses económicos que esta práctica deportiva xera na actualidade.

Visita ao humidal das Brañas de Sada coa ‘Guía das libélulas de Galicia’ na man

Esta actividade tivo lugar o domingo 7 de agosto de 2011 pola mañá e foi aberta a todo o público, especialmente deseñada para familias, no humidal das Brañas de Sada, guiada polo naturalista e biólogo Miguel A. Fernández-Martínez; autor da Guía das libélulas de Galicia.

Esta actividade constituiu o acto de presentación da Coordinadora Tizón para o Estudo e Conservación das Libeliñas e os seus Hábitats. Realizouse en colaboración co grupo local da Sociedade Galega de Historia Natural das Mariñas, comprometido coa conservación deste importante espazo natural. A actividade dou comezo ás 10:30 ao pé do Edificio da Terraza en Sada, desde onde se partiu xuntos ás Brañas. Pola tarde, ás 19:00 horas, coordenado por Baía Edicións presentouse o libro Guía das libélulas de Galicia na Carpa da Feira do Libro da Coruña. No acto participaron, ademais do autor, Miguel A. Fernández-Martínez, o ilustrador da guía Calros Silvar, e o especialista na conservación de zonas húmidas Alberto Gil responsable da coordinadora Tizón, acompañados de Belén López, en representación de Baía Edicións.

Presentación do libro ‘Prenderei a lareira’ na tradicional festa de Ferramulín

Poesía, música galega, polvo e bolos cletas na primeira fin de semana de agosto en Ferramulín (2011). Despois da tradicional partida de bolos celtas, Vicente Reboleiro reuniu no campo da festa toda a veciñanza e fixo a presentación do seu libro Prenderei a lareira, na que se leron poemas que homenaxean o seu Courel sentido, vivido e amado, con esa rica linguaxe courelá, harmoniosa e musical, que nos transporta ao seu mundo, seguindo a tradición do seu mestre, Uxío Novoneyra. Houbo bágoas de emoción das veciñas e veciños, que vían os seus nomes e costumes inmortalizados neste seu libro que xa no poema preliminar é toda unha declaración de intencións:

Prenderei a lareira

e arderei de amor

aos devanceiros

Felicitar a veciñanza por ser quen de organizar por segundo ano consecutivo a tradicional festa que levaba máis de 30 anos sen celebrarse e na que, ademais da alborada, misa de campaña e sesión vermut, puidemos gozar do campeonato de bolos celtas, poesía, gaitas galegas, polbo e a popular verbena. Ao final da presentación, Uxío, un rapaciño de cidade que descubriu esta terra e xa non pode facer outra cousa que querela, leu un poema do libro que representa moi ben o que alí ocorreu:

A Patria

ARREDOR do lume da lareira

soaban as gaitas galegas,

danzaban as lapas,

brincaban as moxenas!