Mobilizacións no Día Internacional de Eliminación da Violencia contra a Muller

O venres 25 de novembro de 1960 foron asasinadas as tres irmás Mirabal por orde do ditador dominicano Rafael Leónidas Trujillo. A sociedade dominicana sentiu moito as súas mortes, e moito máis no momento en que a prensa do país intentou ocultar o feito, converténdoo nun burdo accidente de estrada, e deste xeito presentouno nos diarios do país.

Trujillo (Rafael Leónidas Trujillo, 24-10-1891/ 30-5-1961), o dictador dominicano, realizara un dos seus actos represivos aos que xa tiña afeita á sociedade dominicana, pero, o que non puido adiviñar, é que este supoñería o inicio do seu fin (e da súa dinastía política) e acabaríase convertendo nun feito digno de recordo a nivel mundial e anualmente.

Non pasara un ano cando Trujillo foi asasinado (axusticiado dicían algúns diarios), e este atentado puxo final á súa vida, acabando coa ditadura.

O asasinato das irmás Mirabal, e o seu intento de encubrimiento, supuxo un fito na visión da muller e a seu estatus. Así en 1981 realizouse en Bogotá (Colombia), o Primeiro Encontro Feminista de Latinoamérica e do Caribe. E unha das decisións de devandito encontro foi a de que a partir dese mesmo momento o día 25 de novembro (recordatorio do asasinato), sería o Día Internacional de Non Violencia contra as Mulleres. Anos máis tarde, en 1993, a Asemblea Xeral da Nacións aprobaría a Declaración sobre a Eliminación da Violencia contra a Muller. Nela acabou definindo a violencia cara á muller como “todo acto de violencia baseado no xénero que ten como resultado posible ou real un dano físico, sexual ou psicolóxico, incluíndo as ameazas, a coerción e a prohibición arbitraria de liberdade, suceda este feito na vida pública ou na privada”. Seguindo nesta liña a Asemblea Xeral das Nacións Unidas, na súa resolución 54/134 de 17 de decembro de 1999, resolveu que a partir do ano seguinte o 25 de novembro sería a data estipulada como Día Internacional de Eliminación da Violencia contra a Muller.

Mobilizacións 25 de novembro.

  • A Coruña, 20:00 h. Obelisco.
  • A Estrada, 20:30 h. diante do Concello.
  • A Gudiña, 20:00 h. diante da Casa do Concello.
  • Ames, 18:00 h. na Praza do Concello.
  • As Pontes, 20:30 h. na Praza do Hospital.
  • Betanzos, 20:00 h. no Palco da Música.
  • Cambados, 19:30 h. Saída do Concello/Praza Asorei.
  • Carnota, 20:00 h. na Praza da Pedra.
  • Cee, 20:30 h. na Praza 8 de Marzo.
  • Celanova, 20:00 h. na Praza Maior.
  • Compostela, 20:00 h. na Praza 8 de Marzo.
  • Ferrolterra, 19:00 h. no Cantón de Molíns.
  • Lugo, 20:00 h. diante do Concello.
  • Marín, 20:30 h. na Praza 8 de Marzo.
  • Melide, 20:00 h. na Praza do Convento.
  • Miño, 19:00 h. na Praza do Parchís.
  • Monforte, 20:30 h. na Praza de España.
  • Ourense, 20:00 h. na subdelegación do Goberno.
  • Padrón, 20:00 h. na rúa Rosalía de Castro.
  • Pontevedra, 20:00 h. na Peregrina.
  • Rianxo, 20:00 h. na Praza de Castelao.
  • Ribeira, 20:00 h. na Praza do Concello.
  • Sarria, 20:30 h. na Praza da Vila.
  • Val Miñor, 20:00 h. no cruce da Ramallosa.
  • Verín, 20:30 h. na Praza do Concello.
  • Vigo, 20:00 h. cruce de Vía Norte con Urzaiz.
  • Vilalba, 20:30 h. na Praza da Constitución.

Fina Casalderrey atrévese a tratar o tema da violencia contra as mulleres desde os ollos dun neno, ofrecendo un relato que sen dramatismo, pero con toda a clareza, pon de relevo a manifestación máis dolorosa da desigualdade de xénero». XELA VOLVEUSE VAMPIRA!!, de Fina Casalderrey e ilustracións de Noemí López Vázquez.

“Ferreñas e rock and roll” seleccionado no II Concurso de ideas “Luísa Villalta” de proxectos culturais pola Igualdade

O proxecto Ferreñas e rock and roll presentado por Baía Edicións ao II Concurso de ideas “Luisa Villalta” de proxectos culturais pola Igualdade, convocado pola Deputación da Coruña, foi seleccionado entre os dez merecedores de apoio.

O proxecto, autoría de Laura Romero e Iria Pedreira, ten como obxectivo a publicación dunha historia de mulleres avanzadas na música galega (fundamentalmente do século XX), nunha publicación que busca  o coñecemento e divulgación de mulleres que deben ser traídas á memoria ben por ser as primeiras en realizar algún tipo de actividade musical pública (tocar en orquestras, por exemplo) ou ben pola novidade e/ou importancia da súa proposta artística.

“Ferreñas e rock and roll” xurdiulle a Laura Romero de forma natural ao traballar noutro proxecto de catalogación e divulgación exhaustiva das músicas galegas en activo, Músicas Galegas Ilustradas pois nese afán de busca a autora foi percibindo que quedaban fóra outras que foron pioneiras ou que foron casos pouco habituais nun territorio aínda hoxe moi masculinizado por non estar activas na actualidade: a primeira gaiteira documentada, o primeiro grupo feminino, escasos exemplos de grupos de punk feminino nos anos 90, músicas de orquestra cando era raro ata ver mulleres cantando nelas, as poucas mulleres do movemento bravú…

Semellaba inxusto que as músicas actuais esqueceran as que lles precederon e de aí a idea de renderlles homenaxe e poñer a súa actividade en coñecemento tamén da sociedade.

Son historias e anécdotas pouco coñecidas incluso para xente do mesmo ámbito. Algunhas delas son contadas como curiosidades durante os faladoiros e charlas nos que adoita participar Laura Romero.

Estamos moi felices de que o xurado valorara coma nós o esforzo de Laura Romero Pereira leva facendo pola visibilización das músicas galegas.

Bases da convocatoria do II Concurso de ideas “Luísa Villalta” de proxectos culturais pola igualdade

 

GÁLIX nomea a María Jesús Fernández Socia de Honra 2019

A xunta directiva de GÁLIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil) decidiu por unanimidade nomear Socia de Honra 2019 a María Jesús Fernández Fernández, experta en Literatura Infantil e Xuvenil, mestra, crítica literaria e tradutora.

Chus Fernández é socia fundadora de GÁLIX (1989), onde ademais ocupou os cargos de vogal e vicepresidenta. Actualmente colabora coa revista CLIJ (Cuadernos de Literatura Infantil y Juvenil) elaborando as recensións e artigos sobre Literatura Infantil e Xuvenil galega, e con outras publicacións como Revista Galega de Educación, Peonza ou Platero. Forma parte tamén do consello de redacción da revista Criaturas.

A maiores, colaborou coa revista Fadamorgana durante o tempo en que esta se publicou (1999-2008), foi coordinadora do Seminario Papeles de Literatura Infantil e en 2004 recibiu o Premio Xerais á cooperación editorial polo seu traballo como crítica literaria.

A entrega do galardón terá lugar o venres 15 de novembro ás 19.30 h, nun acto aberto ao público na librería Lume da Coruña. No seu decurso, o ilustrador Xosé Cobas, amigo da homenaxeada e socio de GÁLIX, realizará a laudatio; e o presidente de GÁLIX, Xosé A. Perozo fará entrega dunha escultura conmemorativa deseñada por Noemí López.

Nas anteriores edicións, esta mesma distinción foi outorgada a Xavier Senín, David Otero, Xosé Neira Vilas, Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Xoán Babarro, Helena Villar Janeiro, Marifé Quesada e Paco Martín.

Fonte: GÁLIX

Centenario da II Asemblea das Irmandades da Fala

Para celebrarmos o centenario da II Asemblea das Irmandades da Fala, na Libraría Couceiro, o mércores 13 de novembro ás 19.30 horas, o profesor e doutor Emilio Xosé Ínsua disertará sobre esta efeméride.

A conferencia xirará arredor do contexto, desenvolvemento e significado da segunda Asemblea Nacionalista, celebrada polas Irmandades da Fala en Compostela en novembro de 1919, hai agora exactamente cen anos. Repasaranse os debates afrontados, as figuras máis sobranceiras participantes e as conclusións adoptadas, con algunhas reflexións desde a perspectiva que nos brinda o tempo histórico transcorrido desde entón.​

Emilio Xosé Ínsua, autor de A nosa terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931)

 

A escritora coruñesa Pilar Pallarés, galardoada co Premio Nacional de Poesía 2019

A galega Pilar Pallarés foi galardoada hoxe co Premio Nacional de Poesía 2019, por Tempo fósil, unha obra distinguida por transmitir “con profunda sabedoría e emoción” a experiencia da perda, segundo destacou o xurado.

Pilar Pallarés (Culleredo, A Coruña, 1957) é licenciada en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela, traballa como profesora de literatura galega e colabora como articulista en diversos medios, como A Nosa Terra, El País ou Si scrive.

En 1979, o seu primeiro libro publicado, Entre lusco e fusco, gañou o premio Poesía Nova de O Facho, e, en 1983, a súa seguinte obra, Sétima soidade, gañou o Premio Esquío.

Posteriormente publicou, entre outros, os libros de poemas Livro das devoracións (1996), Poemas (2000), Leopardo son (2011), polo que recibiu o Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Amor en feminino: antoloxía das poetas galegas de Rosalía á Xeración dos 80, (2006), Baía Edicións. Edición de Maximino Cacheiro Varela.e Tempo fósil (2018), merecedor do Premio da Crítica 2018.

O premio, concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte, está dotado con 20.000 euros.

O xurado distinguiu a obra de Pallarés por “transmitir con profunda sabedoría e emoción, a un tempo lúcida e desgarrada, a experiencia da perda e da destrución do vivido, do que nos configura, desde unha conciencia da paisaxe como un corpo vivo”.

O xurado estivo presidido por Carlos Alberdi Alonso, director do gabinete do ministro de Cultura e Deporte, e como vicepresidenta actuou Begoña Cerro Prada, subdirectora xeral de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas.

 

Feliz Día das Bibliotecas

Desde 1997 celébrase o Día da Biblioteca o 24 de outubro, una conmemoración impulsada pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil á que se foron sumando, xa dende hai algún tempo, o propio Ministerio de Cultura e todas as administracións autonómicas. Esta asociación, membro da OEPLI, facilita na súa páxina o cartel e o pregón para esta conmemoración nas diferentes linguas do Estado, obra desta vez do ilustrador Miguel Calatayud e a escritora Gemma Pasqual.

Pola súa parte, o Ministerio de Cultura e Deporte propón este ano 2019 a incorporación do lema “aptas para todos os públicos”, co obxectivo de salientar o papel das bibliotecas na promoción da igualdade de xénero.

As bibliotecas escolares galegas teñen o seu propio lema para este curso 2018/2019, BIBLIOTECA ESCOLAR, VIVEIRO DE CIDADANÍA, que conta cunha imaxe propia creada por Óscar Villán. Os carteis editados con este lema están xa en todos os centros educativos. As bibliotecas escolares están xa en plena celebración do seu día, unha oportunidade para inaugurar novos espazos, abrir as portas á comunidade educativa e presentar ás familias os recursos e as actividades da biblioteca, programar actos específicos nos que lembrar as oportunidades que ofrece a biblioteca para estimular a formación lectora do alumnado e reforzar a adquisición de todas as competencias e contidos incluídos no currículo.

A biblioteca escolar, esa biblioteca pola que pasan todas as nenas e todos os nenos do país, a primeira biblioteca que lles aprende, tamén, a usar as outras, que os pon en contacto con eses outros espazos do coñecemento e do lecer, eses lugares nos que pasan moitas cousas (e todas boas), que son as bibliotecas públicas, eses lugares para a igualdade e a diversidade que son as BIBLIOTECAS.

Baía Edicións celebra este día feliz de contar con moitos dos seus títulos en todas as bibliotecas de Galicia.

Hoxe cumple 88 anos o dereito ao voto feminino no estado español

O primeiro de outubro de 2019 hai 88 anos que as mulleres, grazas á loita da deputada Clara Campoamor, obtivemos o dereito a voto. Unha data sinalada, e moito camiño aínda por percorrer.

No ano 1931 Campoamor fora elixida parte do Congreso dos Deputados e, con todo, non podía votar. Tres eran as deputadas que formaban parte deste organismo, pero ela foi a única que loitou polos dereitos de todas.

Formou parte da Comisión Constitucional, de 21 deputados, e alí pelexou eficazmente por estabelecer a non discriminación por razón de sexo, a igualdade legal das fillas e fillos dentro e fóra do matrimonio, o divorcio e o sufraxio universal, xeralmente chamado voto feminino. Conseguiuno todo agás o voto, que tivo que debaterse no Parlamento. E alí é onde Clara Campoamor gañou un posto eterno na memoria da liberdade no estado español. O sufraxio feminino conseguiuse por tan só unha vantaxe de 30 votos a favor (161 votos a favor e 121 en contra), o que supoñía que a metade do Congreso estaba en contra, entre os que se atopaban as outras dúas deputadas Vitoria Kent e Margarita Nelken.

Celebramos hoxe o Día Europeo das Linguas

Por iniciativa do Consello de Europa, desde o ano 2001 celébrase o Día Europeo das Linguas para poñer en valor a diversidade lingüística da UE e para promover a aprendizaxe de idiomas entre a cidadanía do Vello Continente.

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, súmase a esta festa que, cada 26 de setembro, nos lembra a importancia e mais a necesidade de preservar e fomentar a rica diversidade cultural e lingüística de Europa, así como de incrementar o grao de entendemento intercultural e lingüístico a través do impulso da aprendizaxe de linguas.

Este ano, Política Lingüística celebra esta data no Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela, convidando a estudantes Erasmus e peregrinos chegados de toda Europa a ler no seu idioma textos orixinalmente escritos en galego por Rosalía de Castro.

Ademais, para posibilitar que toda a cidadanía poida celebrar o Día Europeo das Linguas, desde este enlace: http://www.lingua.gal/o-galego/promovelo/conmemoracions/dia-europeo-das-linguas pódese acceder aos recursos elaborados polos equipos de dinamización da lingua galega.

Máis información

‘Denébola a Roxa’ e ‘Historia das mulleres galegas’ entre os seleccionados para a 3ª ‘Guía de literatura infantil e xuvenil para a Igualdade’

A Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, GÁLIX, e a Secretaría Xeral de Igualdade veñen de publicar a III Guía de literatura infantil e xuvenil para a Igualdade. Esta publicación,m que está dispoñible xa para descarga na rede, pretende destacar aqueles libros que superan a discriminación de xénero, salvando estereotipos, prexuízos e roles de corte tradicional. Os 51 libros que aparecen nesta selección foron publicados nos anos 2014, 2015 e 2016 e segundo o equipo que os seleccionou ofrecen modelos de muller e de home acordes coa actualidade. As 51 obras distribúense en tres tramos de idade: primeiras lecturas, lecturas autónomas (a partir de 8 anos) e lecturas expertas (a partir de 12 anos). Este volume, xunto cos dous anteriores, está pensado para axudar a profesores, bibliotecarios, pais e nais, a escoller un tipo de lectura que, ademais da calidade literaria, sirvan para darlles a rapazas e rapaces necesitan novos personaxes cos que identificarse. A elaboración da Guía estivo coordinada por Pilar Sampedro.

III Guía de literatura infantil e xuvenil para a Igualdade

Fonte: Culturagalega

Xerardo Quintiá Pérez gaña o II Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade

O Xurado, formado por Ana Luísa Bouza Santiago, socióloga, colaboradora de medios de comunicación, membro do consello de redacción da revista Andaina e administradora da revista Luzes, Montse Pena Presas, profesora da USC, escritora, colaboradora de medios de comunicación e crítica literaria, Patricia Porto Paderne, xerente da libraría compostelá especializada en temática feminista Libraría de Mulleres Lila de Lilith, Pilar Sampedro Martínez, especialista en xestión de bibliotecas escolares / literatura infantil e vicepresidenta de Gálix, e a directora editorial de Baía Edicións, María Belén López Vázquez, como secretaria, resolveu conceder por unanimidade o II Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade á obra presentada baixo o lema “O País do Gran Furado”.

Aberta a plica correspondente, a mesma resultou corresponder á presentada polo escritor friolés Xerardo Quintiá Pérez, que leva como título definitivo O País do Gran Furado.

O Xurado manifestou, entre outros aspectos, o seguinte:

«O País do Gran Furado é unha obra que resalta polo seu humor irreverente, pola súa transgresión dos contos populares e por reivindicar a poesía, a alegría e a revolución como camiños para procurar a igualdade.

Ademais, a resolución de conflitos desde unha perspectiva pacifista e a través da palabra, nunha historia na que Toribia e a súa banda de punk son quen de axudar a outras mulleres, é outro dos grandes acertos deste texto paródico, distópico e humorístico».

O conto emprega a poesía narrativa como recurso moi apropiado para que o público lector ao que vai dirixido (nenas e nenos de 3 a 8 anos) interiorice máis facilmente a mensaxe da súa historia.

A obra será publicada por Baía Edicións en álbum ilustrado a toda cor na colección Contoxconto antes do mes de outubro e o autor recibirá 5.000 € cos que está dotado este premio.

O Premio Fina Casalderrey de Literatura pola Igualdade trátase do primeiro destas características que se convoca en Galicia, xurdido a raíz das carencias percibidas dalgunhas temáticas nos contos infantís, temáticas  que poden axudar á construción dun imaxinario en igualdade entre mulleres e homes xa desde a infancia, necesario para un mundo máis xusto.