Presentación de ‘Cantar de corpos’ na Feira do Libro da Coruña

O xoves 2 de agosto ás 19:45 tivo lugar a presentación do libro Cantar de corpos na Feira do Libro da Coruña. Na presentación contamos coa participación de Yolanda Castaño (autora do limiar), Belén López Vázquez (Directora de Baía Edicións), Pocho Taxes (guitarra) e de Correa Corredoira, autor do libro.

Contido do libro:

Coa alusión bíblica do seu título, Correa Corredoira entoa todo un rosario de salmos laicos nos que o eros trata de escorrentar a morte e puxar a brazo partido pola vida.

Son tan tenaces e apaixonados coma a súa pintura: só trasladan a mensaxe das pinceladas ao código escrito. Idénticos e vitais; coherentes. É un mesmo Xabier o que pinta, o que escribe, o que desexa.
E así de híbrido e ardoroso é este Cantar de corpos. Un libro no que o amor se fai pero tamén se come, se preme, se fuma, se soña, se cociña, se zarrapica, se debulla… se respira.

[…] Porque se algo é quen de exorcizar o mal cando ‘sangran as nubes’ é a humidade vivificante de dúas linguas que se beixan; porque se algo é capaz de combater ese grito mudo é a forza centrífuga do máis fondo abrazo. Porque só pode ‘demorar a estrela onde pace o tempo’ o amor.

Do Limiar, de Yolanda Castaño

Autor: Xabier Correa Corredoira

Presentación de ‘Gaiola aberta’ na Feira do Libro da Coruña

O xoves 2 de agosto ás 19:00 tivo lugar a presentación do libro Gaiola aberta na Feira do Libro da Coruña. Na presentación contamos coa participación de Belén López Vázquez (Directora de Baía Edicións), o editor Armando Requeixo e de Xoán Neira, autor do libro.

Contido do libro:

Obra dirixida a nenas e nenos que achega unha selección dos poemas editados por Xoán Neira ao longo dos últimos vinte anos e coa que o autor quere facer unha sentida homenaxe a Manuel María no cincuentenario da publicación da primeira edición do seu celebérrimo Os soños na gaiola.

Como nos anuncia Armando Requeixo, autor da edición e do limiar, nesta  Gaiola aberta de Xoán Neira atoparás grilos grileiros, toupas ceguiñas, tartarugas de pel dura e donicelas bulideiras. Tamén osos chorosos, lobos solitarios, raposos pillabáns e ata cervos de luz. Moitas raiolas na chuvia, avós paseadores, lúas crecentes e papaventos voadores. E un carrusel que xira e xira, un tren que vai e vén, un pirata boa pata e un máxico xardín.

Queres coñecer a fonte de auga lizgaira, o sol da grandísima flor e a rosa de lume? Desexas saber todos os misterios do espantallo elegante, o paporroibo piador, o piñeiro de alta copa e o morcego voador? Pois non o penses máis: dálle a volta ao libro e comeza a soñar.

Autor: Xoán Neira

Editor: Armando Requeixo

Ilustración da capa: Ana Pedreira

Presentación de ‘Nube Branca quere ser astronauta’ na Feira do Libro da Coruña

O xoves 2 de agosto ás 18:00 horas tivo lugar a presentación, lectura e dramatización do libro Nube Branca quere ser astronauta na Feira do Libro da Coruña. Na presentación contamos coa participación de Belén López Vázquez (Directora de Baía Edicións) e de Pablo Nogueira, autor do libro.

Contido do libro:

Nube Branca devece por ver as estrelas de preto e coñecer a Lúa e os planetas do sistema solar. Tras o fracaso da construción dun foguete espacial, procura a axuda de Clarisa, Cacharrante, Antón e o sabio Octavio. Conseguirá, por fin, ser astronauta?
O especial tratamento da historia está concibido para a estimulación da linguaxe oral na educación infantil.

Autor: Pablo Nogueira

Ilustrador: Manuel Uhía

Programa de BAÍA EDICIÓNS na FEIRA DO LIBRO DA CORUÑA

Baía Edicións organiza, con motivo da celebración da Feira do Libro da Coruña 2018, os seguintes actos:

2 de agosto (martes):
18:00 h. Presentación do libro Nube Branca quere ser astronauta, de Pablo Nogueira, ilustrado por Manuel Uhía.
19:00 h. Presentación da escolma de poemas Gaiola aberta, de Xoán Neira (Edición de Armando Requeixo).
19:45 h. Presentación do poemario Cantar de corpos, de Correa Corredoira.

8 de agosto (mércores):
19:00 h. Presentación do álbum ilustrado O gatipedro, de Jacobo Paz Limia, con deseños de Xosé Tomás.
19:45 h. Presentación do ensaio Tres mulleres galegas de armas tomar. María Balteira, María Castaña, María Soliña, de Guillermina Domínguez Touriño e Felicia Estévez Salazar.

Ven coñecer as nosas autoras e autores!

Hoxe celebramos o Día Internacional do Orgullo LGBT

A cidade da Coruña vive estes días a súa semana arcoiris. O programa de actos conmemorativos do Orgullo LGTBQI que comezou coa inauguración da rúa Marcela e Elisa, o pasado 8 de xuño, continúa estes días con novas actividades programadas para a reivindicación dos dereitos do colectivo.

De entre os moitos actos levados a cabo ao longo do mes de xuño, a festividade alcanzará o seu momento máis alto coa manifestación convocada para hoxe ás 20.00 hora no Obelisco, que terminará na praza de María Pita tras percorrer a Rúa Real, a travesía da Mariña e Porta Real.

A concentración, organizada polas asociacións Ás e Amizando, pretende este ano poñer o foco sobre as identidades trans e a súa despatoloxización, baixo o lema Visibiliza-T, Transformando A Coruña, co fin de facer visible un dos colectivos máis discriminados dentro das siglas.
Fonte: La Opinión

Falece Xabier P. Docampo, referencia na literatura galega infantil e xuvenil

Morre, aos 72 anos de idade, Xabier P. DoCampo. Nado en Rábade no 1946, foi mestre, escritor, contacontos, actor de teatro, guionista e promotor da lingua e a cultura galega, ademais de animador á lectura e experto en bibliotecas escolares. Voz de referencia na literatura galega infantil e xuvenil, da que foi un dos grandes narradores. En 1995 obtivo o Premio Nacional de literatura infantil e xuvenil por Cando petan na porta pela noite, seleccionada así mesmo como unha das cen mellores obras do século XX no estado español, segundo a Fundación Germán Sánchez Ruipérez.

Antía Yáñez e Sabela Losada gañan o I Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade

Antía Yáñez e Sabela Losada gañan o I Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade convocado por Baía Edicións:

Reunido o Xurado do I Premio Fina Casalderey de Literatura Infantil pola Igualdade resolveu, despois de moitas deliberacións, conceder por unanimidade e ex aequo o premio ás obras presentadas baixo os lemas “Gerbillo” e “Vermello”.

Abertas as plicas, as mesmas resultaron ser da autoría das escritoras Antía Yáñez Rodríguez e Sabela Losada Cortizas, baixo os títulos A reconquista e Vermella!.

O Xurado considera as dúas obras merecedoras do Premio en igualdade de condicións, manifestando que atenden a ámbitos moi distintos e complementarios e defendendo o especial interese de cada unha delas polos seguintes motivos:

«A reconquista, por un acaído tratamento da ocupación do espazo central, o liderado feminino e a solidariedade.
Ademais, a combinación de dúas voces narrativas diferentes, que aluden ao humano e animal, e ao ámbito da ficción e do libro divulgativo, fan da obra unha proposta literaria moi atractiva e interesante para as nenas e para os nenos, ao resaltar tamén por ser un exemplo de resolución positiva dos conflitos que xorden no propio contorno».

«Vermella! por ser quen de sacar á luz un tema tabú e pouco tratado na literatura infantil, como é o da menstruación desde unha perspectiva de indagación case que policial e de divertimento por parte da rapazada protagonista.
Igualmente, a historia consegue manter a súa intriga, mesmo coa axuda de trazos do humor natural característico do mundo infantil, na procura da descuberta, que lle dá sentido á trama e que ten que ver coa propia e progresiva descuberta do corpo da nena».

O Xurado estivo formado por Ana Luísa Bouza Santiago, socióloga, Montse Pena Presas, profesora da USC e crítica literaria, Patricia Porto Paderne, xerente da libraría compostelá especializada en temática feminista Libraría de Mulleres Lila de Lilth, Pilar Sampedro Martínez, mestra e vicepresidenta de Gálix, e a directora editorial de Baía Edicións, María Belén López Vázquez, que actuou ademais como secretaria do mesmo.

As obras serán publicadas por Baía Edicións en álbums ilustrados a toda cor na colección Contoxconto antes de finalizar o ano e o Premio de 5.000 € repartirase a partes iguais entre as dúas escritoras merecedoras do galardón.

 

Morre o fundador de Voces Ceibes, Benedicto García

O cantautor, sindicalista e mestre Benedicto García Villar, fundador do colectivo galego de canción protesta Voces Ceibes, faleceu este luns aos 71 anos (Santiago de Compostela, 1947). Coñecido artísticamente polo seu nome de pila, foi un músico e activista da lingua galega. Foi militante do Partido Comunista de Galicia e despois de Comisións Obreiras, sindicato para o que traballou unha vez restaurada a democracia. Os seus achegamentos á música apenas foron máis que testemuñais tras o seu segundo disco, xa que se retirou da vida pública fai uns anos por mor da enfermidade de Huntington que padecía.

Foto

 

O GALEUSCA terá lugar na Coruña entre o 13 e o 15 de xuño

As editoras en lingua galega, catalá, valenciana e vasca, reuniranse na Fundación Luís Seoane da Coruña, entre os días 13 e 15 de xuño, no encontro GALEUSCA de editoras, de carácter bianual e desta volta organizado pola Asociación Galega de Editoras, en colaboración coa Asociación  de Editores en Lingua Vasca (Euskal Editoreen Elkartea), a Associació d ´Editors en Llengua Catalana e a Associació d’Editors del País Valencià.

O programa das xornadas profesionais Galeusca centrarase en varias sesións de traballo a cargo das persoas representantes dos distintos gremios:

  1. Panorama da edición nas linguas dos territorios Galeusca.
  2. Propostas e políticas proactivas da situación editorial.
  3. Plans de lectura. Accións concretas e experiencias por cada área lingüística.
  4. Internacionalización do sector editorial nos territorios Galeusca.
  5. A igualdade no sector editorial, un proceso en construción.

Presentación de ‘Nube Branca quere ser astronauta’ na Feira do libro de Ourense

O xoves 31 de maio ás 18:00 horas tivo lugar a presentación, lectura e dramatización do libro Nube Branca quere ser astronauta na Feira do Libro de Ourense. Na presentación contamos coa participación de Belén López Vázquez (Directora de Baía Edicións) e de Pablo Nogueira, autor do libro.

Contido do libro:

Nube Branca devece por ver as estrelas de preto e coñecer a Lúa e os planetas do sistema solar. Tras o fracaso da construción dun foguete espacial, procura a axuda de Clarisa, Cacharrante, Antón e o sabio Octavio. Conseguirá, por fin, ser astronauta?
O especial tratamento da historia está concibido para a estimulación da linguaxe oral na educación infantil.

Autor: Pablo Nogueira

Ilustrador: Manuel Uhía