O alumnado baixa na escola privada este curso e sobe na pública

Un total de 200.710 estudantes de infantil e primaria empezarán a mediados desta semana o ciclo 2013-2014 en Galicia, segundo información «provisional» difundida onte pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Suman 256 máis que o curso pasado. De feito, trátase da cantidade máis elevada no que vai de século XXI, de acordo coas bases de datos do departamento que dirixe Jesús Vázquez, o cal, con todo, non deu a coñecer «aínda» o número de profesores que pensa mobilizar para atender esa marca de nenos nas aulas. Observando en detalle as cifras si facilitadas pola Xunta, aprécianse outros dous feitos de certa relevancia: en plena crise, sobe o alumnado no ensino público mentres que baixa na privada e a concertada, e o parque de colexios descende un pouco, a pesar de ascender levemente o grupo de usuarios.

Fronte aos 985 do período 2012-2013, a partir do mércores abrirán as súas portas na comunidade 18 centros menos, ou sexa, 967: 151 de educación infantil, 644 de primaria e infantil e 172 de primaria e secundaria obrigatoria. Por provincias, 369 das devanditas instalacións sitúanse na da Coruña, por 362 que se achan na de Pontevedra, 122 na de Lugo e 114 na de Ourense. «Neste punto, cómpre destacar que a consellería volve garantir a axeitada atención docente a todo o alumnado galego, prestando especial atención e apoio aos estudantes con necesidades específicas», valorou onte a través dunha nota de prensa, a pesar do peche de infraestruturas, o equipo de Vázquez.

Marca de matriculados

Desde pasadomañá, a eses edificios comezarán a chegar un 0,13 % máis de menores que os 200.454 que estaban matriculados no sistema hai apenas uns meses. Ese volume de nenos acollidos contrasta co do 2001-2002 (190.626), o do 2002-2003 (187.967), o do 2003-2004 (186.172), o do 2004-2005 (185.451), o do 2005-2006 (183.450), o do 2006-2007 (184.833), o do 2007-2008 (187.438)… De feito, non atopa parangón con ningún curso da serie histórica dispoñible.

Dese total, nas escolas concertadas e privadas formaranse tres de cada dez, exactamente, 60.281, un 0,7 % menos que os 60.713 rexistrados no 2012-2013. No polo oposto, nas públicas farán o propio 140.429, medio punto porcentual máis que na tempada anterior (139.741). Consultada respecto diso, a Administración dixo onte non dispor dunha explicación oficial para esa circunstancia, «máis aló de que se estea producindo unha maior aposta pola educación pública», en expresión dunha portavoz.

A crise de natalidade

Aínda que en termos xerais se detecta un tenue incremento de escolares, discriminando entre o ensino infantil (de 3 a 6 anos de idade) e a primaria (ata os 12) obsérvanse comportamentos diferentes. Na primeira baixan de 67.716 a 67.591 os inscritos, cando na segunda ocorre xustamente o contrario: soben desde 132.738 ata 133.119. Dito doutro xeito, hai unha caída do 0,2 % contra un repunte do 0,3. Iso débese á crise de natalidade que padece a comunidade autónoma, un argumento cuxa validez a Xunta tamén recoñece.

Sumando ambas as etapas de formación, por territorios, o volume de matriculados soamente mingua en terras pontevedresas, ao retroceder un 0,5 % (de 77.713 a 77.321). En cambio, avanza en chan coruñés (de 83.748 a 84.279) e, xa en menor medida, tanto no lucense (de 19.937 a 19.992) como no ourensán (de 19.056 a 19.118).

Fonte: La voz de Galicia

Baía Edicións segue a completar recursos educativos da Aula Virtual

Co  inicio do curso escolar 2013-2014 petando á porta, Baía Edicións continúa a traballar nos recursos educativos virtuales na Aula Virtual e dando de alta a novas usuarias e usuarios. Calquera pode visualizalos, sen necesidade de rexistrarte, a índa que para usar algúns deles si se necesita pasar un sinxelo rexistro en  http://aulavirtual.baiaedicions.gal/

Como cada curso escolar, Baía Edicións apura a incorporación de novos recursos de utilidade nas aulas galegas. Neste curso 2013-2014 destacamos como novidade os referidos á materia de Lingua e Literatura Galega, de Economía e o referido ao Aproveitamento do cine para o ensino da Historia contemporánea, todo eles deseñados para Bacharelato.

Destacamos a variedade de contidos na nosa Aula Virtual, así podemos encontrar desde información sobre o contido do libro dunha materia determinada ao propio libro virtual, desde material complementario de ampliación e reforzo a propostas de actividiades, estas útlimas autocorrixibles ou para compartir na aula. Tamén se poderán ver ideas de  programacións de materias, solucións a exercizos propostos nos libros en papel, etc. Sempre coa finalidade de favorecer a diversidade nas propostas de achegamento a unha materia determinada, o que redundará nunha maior calidade da nosa oferta educativa.

Non busques nesta aula unha proposta unidireccional de traballo, nin a solución á aprendizaxe,  nin un deseño espectaular carente de contido, porque a Aula Virtual de Baía Edicións só pretende ser un lugar onde cada quen ten que elixir o que mellor se lle adapta á súa forma de ensinar e aprender.

Fonte: Baía Edicións

Manuel María xa ten a súa casa museo

Manuel María xa ten a súa casa museo. En Outeiro de Rei, inaugurouse este sábado a Casa das Hortas, o nome polo que se coñece a vivenda, e que voi rehabilitada grazas ao inxente labor da fundación que leva o nome do poeta lucense, e que tamén contou con diferentes achegas de diversas institucións.

A delegada territorial da Xunta na provincia, Raquel Arias, destacou que a casa será “un punto de encontro, o aleph para comprender o universo deste humanista galego”. Pola súa banda, o delegado de Cultura e Turismo da Deputación, Mario Outeiro, salientou a achega de 330.000 euros do ente provincial “para que o poeta nacional de Galiza tivese un museo que dese a coñecer a súa obra e a súa vida”.

Neste acto que serviu tamén de homenaxe á memoria de Manuel María convocou na casa unha morea de escritores e escritoras que compartiron momentos e amizade con el. . Marica Campo, Pilar García negro, Mercedes Queixas, Margarita Ledo, Dario Xohán Cabana, Francisco Rodríguez, Paco Martín, Xosé Lois García, María Reimóndez, Méndez Ferrín, Fernán Vello, Luz Pozo ou Marta Dacosta foron algúns dos presentes.

Saleta Goi, compañeira de vida de Manuel María, sufriu para conter a emoción a ver cumprido un dos soños, tanto dela como de manuel María. De feito, lembrou o poema Sonetos á Casa das Hortas, o mesmo no que o poeta se preguntaba polo futuro desta vivenda. Agora xa ten resposta.

“A navalla de Manuel María, este ano para o Paco Ramón Martín Lamote”

Fonte: prazapublica

Que vai pasar coa colección de arte de Novagalicia Banco?

O patrimonio artístico das antigas caixas, suma case sete mil elementos valorados en 116 millóns de euros.

Este corpus atópase dividido en dous grandes bloques, debido a que os fondos de Caixanova pasaron á Obra Social de Novagalicia, mentres que as pezas da extinta Caixa Galicia se transferiron directamente ao banco. Neste momento, cando o proceso de venda da entidade semella inminente, increméntase a preocupación polo futuro deste patrimonio, sobre todo cando está en dúbidas que o banco manteña o seu carácter galego.

Por exemplo, unha petición online leva semanas reclamando a súa declaración como Ben de Interese Cultural e o seu traslado á Cidade da Cultura. A petición lembra que estas obras de arte “poden fuxir de Galicia ou ser posteriormente vendidas a particulares, acabando en lugares insospeitados e fóra do alcance da cidadanía galega” e reclama “rescatar para os galegos esa colección, que é dos galegos”.

Os fondos da antiga Caixanova, xestionados agora pola Obra Social de Novagalicia, suman 5.596 pezas (2.437 pinturas, 392 esculturas e instalacións, 2.130 gravados, 563 debuxos e 74 fotografías), reunindo a máis importante colección de artistas plásticos galegos do século XX, con obras de Sotomayor, Pérez Villaamil, Castelao, Colmeiro, Seoane, Maruja Mallo, Granell, Urbano Lugrís, Jorge Castillo, Antón Lamazares, Francisco Leiro, Antón Patiño, Menchu Lamas, Xaime Quessada, Manuel Vilariño ou Vari Caramés.

Por outra banda, os fondos da antiga Caixa Galicia, agora xestionados directamente por Novagalicia Banco, suman ao redor de 1.350 obras, pero cun valor superior ao outro conxunto, ao conter, canda á produción de importantes autores galegos, obras de Picasso, Chagall ou Dalí, entre outros autores, que foron adquiridos no seu momento como unha forma de investimento da caixa do norte de Galicia. Estes fondos son os que terían máis posibilidades de abandonar o país, unha vez que o banco sexa vendido.

Fonte: Praza

Cando a nosa historia é cousa da xente

A Comunidade de Montes de Mougás, sen a axuda do concello, impulsa un proxecto de arqueoloxía social no que traballa a empresa Rock Art Conservation S.L. e a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia.

Os visitantes xa poden disfrutar dun espectacular castro e varias estacións de petróglifos.

Hai un país oficial que vive de costas as súas riquezas patrimonias, un país que se fixo ao longo da historia e que é o que é grazas os pobos que nel se asentaron e que moldearon a súa cultura. Ese país, lonxano, oculto, disque no fin do mundo, chámase Galicia e, desde hai anos ve como durmen, cando non son destrozados, os seus máis preciados bens, os que levan o seu ADN e que se configuraron durante centos e milleiros de anos.
Pero, como en todo conto, sempre hai heróes e antiheróes. Uns que loitan contra o esquencemento e os outros que queren borralo ou, cando menos, ignoralo. Os protagonistas deste conto están na Mariña, en Mallou (Carnota), no Alto Támega, nos fermosos edificios románicos de Lugo ou Ourense e tamén en Oia. A todos eles os une o seu amor polo país, polos alicerces da súa cultura e polo coñecemento do pasado para poder actuar no presente e mellorar o futuro.
E os cartos públicos?
Hai algúns anos había cartos públicos. Algúns viñan de Europa, outros da Xunta, e os menos da deputación ou do concello de turno. Entón se utilizaron eses cartos para obras faraónicas, como a Cidade da Cultura, ou para parques arqueolóxicos que aínda non están rematados. E outros, que non foron poucos, utilizaronse para pagar favores e facer obriñas en forma de roteiros artificiais, restauración de muíños ou áreas recreativas que hoxe xa son case ruínas esquencidas.
Agora, o argumento oficial é que non hai diñeiro, ese que antes corría coma fervenzas polos catro recunchos do país e, por iso, son moi poucos os proxectos arqueolóxicos sustentados cos cartos de todos. Pero ante ese esquencemento oficial, xurdiu neste país chamado Galicia un novo exército de xentes armadas de razón, corazón e, sobre todo, vontade, para evitar que ese ADN desapareza.
En GC xa temos falado destes pequenos e grandes homes e mulleres que loitan só polo amor do seu país; dos proxectos do Sorriso de Daniel, dos de Mariña Patrimonio ou dos proxectos arqueolóxicos de Mallou ou o Alto Támega, entre outros. Agora, un deses pequenos exércitos de xente vondadosa e loitadora está en Oia. Alí levan traballando desde a pasada semana cóbado con cóbado, estudantes, profesionais do mundo da arqueoloxía e veciños da comunidade de montes de Mougás.
Veciños, profesionais e voluntarios
Precisamente, foi esta entidade e a carraxe do seu presidente, a que recuperou un dos máis fermosos castros deste concello miñorano; o da Cabeciña, en Mougás. Puxeron cartos do seu peto para que un grupo de voluntarios e de arqueólogos traballen na limpeza e recuperación deste espazo arqueolóxico no que hai un imponente castro e varias estacións de petroglifos, algúns, únicos en Galicia.
E alí, nesa “cabeza” de terra, elevada máis de 150 metros por riba do mar, andan estes días estudantes, profesionais e veciños coma Jose, Floren, Luis, Enrique e Cesario, da comunidade de Montes; María, Natalia e Carmen, da empresa RAC- Rock Art Conservation S.L.  ou Álvaro, profesor da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais coas súas estudantes voluntarias Rocío, Sandra, Natalia e Carmen.
Grazas a ese traballo conxunto conseguiron que o que era un espazo case perdido e esquencido no alto do monte de Mougás volva, agora, a recuperar o seu esplendor de antano. A limpeza das estruturas sacou a relucir varias estacións de petróglifos, algúns case únicos en Galicia, en forma de media espiral, e uns foxos e parapetos propios dunha impoñente fortaleza castrexa.
Fonte: Galicia Confidencial

David Rubín e Miguelanxo Prado finalistas nos XIII Premios da Crítica Dolmen

OS GAÑADORES SABERANSE O VINDEIRO 14 DE SETEMBRO

Os traballos El Héroe 2 de David Rubín e Ardalén de Miguelanxo Prado son finalistas en varias categorías da XIII edición dos Premios da Crítica Dolmen 2013, certame que convoca a editorial homónima. Ambos os dous compiten nas categoría de mellor obra nacional e mellor debuxante nacional. Ademais, Prado tamén é finalista na categoría de mellor guionista nacional e na de toda unha carreira de autor nacional. Os gañadores saberanse o vindeiro 14 de stetembro, no marco da clausura das XVIII Xornadas do Cómic de Avilés.

Fonte:culturagalega.org

 

Sete compañías conforman a nova edición de Titirideza

A CITA TERÁ LUGAR EN LALÍN DO 29 DE AGOSTO AO 1 DE SETEMBRO

Son sete compañías que programarán outros tantos espectáculos entre o 29 de agosto e o 1 de setembro en Lalín (Pontevedra). Viravolta títeres organiza unha nova edición de Titirideza con compañías que chegan de diferentes países como Uruguay, México e Portugal. Agás o espectácuo inaugural, a cardo de Babaluva Teatro, e Tercero Izquiero de Teatro o resto de espectáculos son de balde. A compañía anfitriona, Viravolta, ofrecerá nesta edición o espectácuo O horroroso crime de Xan MIñoca, ademais da presentación do DVD sobre Barriga Verde, un proxecto no que participaron canda a Asociación Morreu o Demo para a recuperación do títere tradicional galego.

 

Fonte: culturagalega.org

O queixo galego, a sobremesa por excelencia

As características do clima galego fan que o noso sexa un país propicio para a produción leiteira e polo tanto o aproveitamento para facer queixos é moi antigo.

Características xerais dos queixos galegos: Os queixos galegos son suaves, brandos, pouco curados, aínda que cada variedade ten a súa diferenciación. O método de elaboración do tetilla e máis o Arzúa-Ulloa apenas difiren mentres que o Cebreiro ten un punto de acidez que non teñen os outros e o afumado do San Simón faino peculiar. Noutrora o uso de leite de ovella e cabra era moi común pero hoxe é moi escaso.

As distintas Denominacións de Orixe (D.O.)

– Tetilla –
O tetilla é un queixo histórico, amplamente coñecido, orixinario suponse do centro de Galicia, sobre todo do surleste da provincia da Coruña. Hoxe a súa elaboración estendese a todo o territorio galego e é o que máis produción ten. Ata hai poucos anos era coñecido como queixo de teta, dada a súa feitura, aínda que hoxe estea mais extendido o eufemismo tetilla. Un queixo para comer a cotío e con boas aplicacións culinarias, apto para facer enchidos xa que funde moi ben coa calor.

Características e orixe.- O queixo amparado pola D.O.P Queixo Tetilla caracterizase pola súa forma cónica ou convexo-cónica, con pesos que oscilan entre 0,5 a 1,5 kg., cunhas dimensións nas que a altura ha ser superior ó radio da base e inferior ó seu diámetro. Presenta unha codia apreciable, fina e elástica, de menos de 3 mm de grosor, de cor amarela pallosa natural sen balor. A pasta é moi cremosa, uniforme, con poucos ollos, regularmente repartidos, é de cor branca-marfil amarelenta. Aroma suave lixeiramente ácido, lembra a materia prima, o mesmo que o seu sabor lácteo, manteigoso, lixeramente acedo e salgado. Tanto a zona de producción dó leite como a de elaboración do Queixo de Tetilla abrangue todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. O leite para a elaboración procede de gando saneado de raza Frisona, Pardo Alpina e Rubia Galega, perfectamente adaptadas ó medio. Elaborarase con leite natural e íntegro, que non conteña costros, conservadores ou productos medicamentosos. O Queixo Tetilla é o resultado dun amadurecemento ou fermentación que comeza no mesmo leite recén muxido e continúa a través do callo e transformacións químicas que definen o produto, e que son consecuencia da simbiose vaca-medio ambiente. O queixo elabórase segundo a normativa hixiénico-sanitaria que establece a lexislación vixente.

Tipos de queixo.- Queixo de leite de vaca, de pasta branda e codia lavada cun período de maduración mínimo de 7 días desde que sae da salmoira

– Arzúa-Ulloa-

Este queixo ten a denominación de orixe desde o ano 95 e comprende como indica o seu nome as comarcas de Arzúa e da Ulloa, ademais doutros concellos próximos. É dos máis consumidos xunto coa tetilla, coa que comparte un xeito de elaboración semellante. Por pobos e vilas de toda Galicia aínda se pode ver a súa venda polos propios produtores artesáns. O mais curado, coñecido como queixo da nabiza por estar realizado no inverno cando se lle da ó gando nabos é dos mais valorados polos entendidos xa que este produto xunto coa curación danlle un sabor singular. ¿A quen non lle gusta a combinación de calquera destes queixos con mel ou marmelo?

Características. – Os queixos tipo Arzúa-Ulloa e Arzúa-Ulloa de granxa, teñen unha codia fina, elástica, de cor amarela media e escura, brillante, limpa e lisa. A pasta e de cor uniforme, entre branca marfil e amarela pálida, de aspecto brillante, en gretas, podendo presentar ollos, en número baixo, pequenos, angulosos ou redondeados e de distribución irregular. O seu aroma lácteo lembra o olor da manteiga e do iogur, con matices de vainilla, nata e noz, de intensidade débil, cun sabor elemental de leite, lixeiramente salgado e de ácido medio ou baixo. Textura pouco fina, pouco ou medianamente húmida, pouco firme, elasticidade media, pouco firme en boca, medianamente fundente e soluble, e de gomosidade media.

Os queixos tipo Arzúa-Ulloa curado, teñen codia non diferenciada, de cor amarela moi intensa, brillante e de aspecto graxo. A pasta é de cor amarela intensa, máis palida no centro, moi compacta, podendo presentar escasos ollos. O seu aroma moi intenso, de tipo lácteo, resaltanto un forte olor a manteiga lixeiramente rancia. A sensación olorosa é penetrante e de picor. Sabor salgado, de baixa acidez e amargor medio a baixo. O sabor é a manteiga predominantemente, con lixeiras notas a vainilla e froitos secos, podendo fluctuar entre o centro e a codia. Sobresae unha sensación de picor. O regusto é amargo, a manteiga e a vainilla. Textura dura nas súas características mecánicas, de corte difícil, podendo presentar fractura por crebamento, principalmente cara ás beiras, que están máis secas. Ó tacto é homoxéneo e moi compacto. Na súa composición presenta un grao elevado de graxa e unha humidade moi baixa.

Tipos
Arzúa-Ulloa: Elaborado con leite pasteurizado. Periodo de maduración mínimo de seis días. Forma lenticular ou cilíndrica. O seu diámetro esta comprendido entre 100 e 250 mm, e a súa altura entre 50 e 120 mm.O peso das pezas oscila entre 0,5 e 3,5 kg.

Arzúa-Ulloa de granxa: Elaborado con leite cru ou pasteurizado, coa particularidade de que esta procede de vacas da propia explotación na súa totalidade. Periodo de maduración mínimo de seis días. Forma lenticular ou cilíndrica. O seu diámetro esta comprendido entre 100 e 250 mm, e a súa altura entre 50 e 120 mm. O peso das pezas oscila entre 0,5 e 3,5 kg.

Arzúa-Ulloa curado: Elaborado con leite de vaca cru ou pasteurizado. Periodo de maduración mínimo de catro meses. Forma lenticular ou cilíndrica, con cara horizontal superior convexa. O seu diámetro esta comprendido entre 120 e 200 mm, e a súa altura entre 30 e 100 mm. O peso das pezas oscila entre 0,5 e 2,5 kg.

Zonas de produción: A zona de produción de leite apta para a elaboración de queixos amparados pola D.O. Arzúa-Ulloa comprende os concellos das comarcas da Ulloa e Arzúa nas áreas limítrofes da provincia de A Coruña e Lugo. A elaboración e maduración do queixo amparado efectúase en instalacións radicadas nas mesmas comarcas de producción do leite.

– San Simón –
A codia é inelástica, dura de 1-3 mm de grosor, cor amarela-ocre e algo graxenta. A textura da pasta é fina, graxa, semidura, semielástica e preta de cor entre branca e amarela, suave ó corte, con aroma e sabor característicos. Terá un número de ollos non elevado, de forma redondeada e/ou irregular de tamaño variable, non superior a medio chícharo, cunha porcentaxe de graxa superior ó 45%. O afumado deste queixo faino singular, é ideal para comelo de aperitivo xa que a súa aplicación á cociña non é doada.

Características: Queixo graxo, de pasta semidura, semielástica e preta, corteza afumada, elaborado exclusivamente con leite de gando vacún saneado, das razas rubia galega, pardo-alpina, frisona e dos seis cruces, que será enteira, limpa, sen costros, nin conservantes, e cunha composición equilibrada de graxa e proteínas. O queixo San Simón da Costa comercializarase tras un periodo de maduración de sesenta días, procedendo o finalizar este, o seu afumado para o que se utiliza madeira de vidueiro. A súa forma é intermedia entre peonza e bala, rematado na súa parte superior en mamila. A súa elaboración é tanto artesanal como industrial. A comercialización faise en dous tamaños diferente: ordinario e bufón. A diferencia só está nas medidas das pezas.

Zona de produción: A zona de produción do leite apta para a elaboración deste queixos amparados pola D.O. San Simón da Costa, esta constituida polas parroquias dos seguintes concellos. Vilalba: San Simón da Costa, Samarugo, Vilapedre e o barrio de Moreda da parroquia de Lanzós. Muras: Balsa e Viveiró.

– Cebreiro –

Queixo graxo cunha consistencia que depende do grao de maduración. A pasta é granulosa e codia fina. Elabórase basicamente con leite de vaca ó que se lle pode engadir leite de cabra en cantidades non superiores a un 40%. É de cor branco ou amarelo, segundo a maduración, ten un sabor lixeiramente ácido e picante, a súa forma recorda ó gorro de cociñeiro ou a un fungo. Os peregrinos que percorrían o camiño encargáronse dende vello de dalo a coñecer e hai documentación que acredita a súa existencia desde o século XVIII. A produción é limitada porque as explotacións da zona son poucas e de pequeno tamaño.

Características e tipos: O leite empregado procederá o do gando vacún saneado, das razas Rubia Galega, Pardo Alpina, Frisona ou dos seus cruzamentos. Tamén se elaboran queixos cunha proporción máxima do 40% do leite de gando caprino. O leite será enteiro, sen costros nen conservantes. O callo empregado para a sua coagulación será de orixe animal ou empregaranse outros encimas autorizados. O queixo do Cebreiro podese comercializar en duas modalidades, cun peso por peza comprendido entre 0,5 e 2 kg: Forma de fungo ou gorro de cociñeiro, e decir, composto de dúas partes: Base cilíndrica, de díametro variable e cunha altura non superior a 12 cm. Sombreiro, que terá entre 1 e 2 cm máis de diámetro que a base e unha altura non superior a 3 cm. As características da pasta varían en función do grao de maduración, dous días -o fresco- ou mínima de dous meses, o curado.

Zona de produción: A zona de produción dos queixos amparados pola Denominación de Orixe Queixo do Cebreiro sitúase na provincia de Lugo na zona de entrada a Galicia polo Camiño Francés e abrangue os concellos de Baralla, Becerreá, Folgoso do Caurel, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais, Triacastela e Pedrafita do Cebreiro.

– Outros queixos –

Do país: É un queixo que ten a forma e un tipo de elaboración mais ou menos parecida ó Arzúa-Ulloa pero que non está acollido á denominación, ben por estar fora da zona autorizada ou por non cumprir as normas establecidas para a súa inclusión. Adoita ser de calidade variable.

Palo santo: Queixo que facían os monxes do mosteiro de Cuntis no século XVIII, hoxe recuperado de forma industrial. Recibe o seu nome do pau que se utilizaba para remexer a pasta logo de botarlle o callo.

Requeixo: Pasta fresca resultado do callado do leite, consúmese case inmediatamente. Combina moi ben co mel.

Fonte: http://queixo.com/

Cociña galega e menú das festas tradicionais

Cando falamos de cociña tradicional galega sempre acode á nosa mente o nome de Álvaro Cunqueiro e a obra A Cociña Galega, (Galaxia, 1973) a referencia obrigada para todos os gastrónomos interesados pola nosa cociña. A obra orixinal de Cunqueiro non é un recetario, senón un tratado de gastronomía galega, onde se pode encontrar desde como matar un porco a unha serie de reflexións sobre o marisco e o viño en Galicia, por poñer un exemplo, así como os menús en días de festa. Desta obra orixinal deriváronse moitos recetarios, pero non esquezamos que non son del, pois supoñemos que o seu gran coñecemento da nosa cociña derivouse do seu gusto polas comelladas e a conversa de sobremesa, mais non do traballo nos fogóns.

Houbo uns anos en que nas festas patronais das nosas aldeas, os menús tradicionais foran substituídos por outros pratos, case sempre adaptacións “ao noso xeito” de pratos vidos de fora de Galiza, e que deixaban un pouco de lado a nosa cociña tradicional, resultando, nalgúns casos, en pratos híbridos de dubidoso gusto e un esqecemento dosnosos sabores máis puros.

Esta fin de semana foron as festas de San Bartolomeu, patrón das colleitas, e quero render a miña homenaxe a María Manuela, por agasallarnos que nos agasallou cun menú da montaña absolutamene delicioso, recuperando o tradicional.

Destaco o bacallau cocido do segundo día.

 

 

Descubrir a cova calcaria máis grande de Galicia con Leme

Son 7.500 metros de lonxitude percorridos por salas, tres galerías, un pequeno lago e ríos subterráneos. Estas son algunhas das características xeográficas da Cova do Rei Cintolo o percorrido que propón Leme, a aplicación gratuíta do Consello da Cultura Galega (agora para iOS e en outono tamén en Android) para esta semana. Alén da curiosidade xeográfica o espazo conta tamén con varias e curiosas lendas.

Fonte: Consello Cultura Galega